DENUNCIA A AMPLIACIÓN DO ESTADO DE EXCEPCIÓN ANTE A PROPOSTA DO GOBERNO ESPAÑOL DE IMPEDIR A PRESENZA DE BILDU E DE DETERMINADAS CANDIDATURAS LOCAIS NAS PRÓXIMAS ELECCIÓNS DO 22 DE MAIO.
Desde o noso Partido volvemos amosar a nosa solidariedade co pobo traballador vasco. A proposta do Goberno burgués do PSOE en Madrid, de impedir "xudicialmente" a presenza de Bildu e outras candidaturas locais na próximas eleccións do 22 de maio, manteñen e
profundan o estado de sitio de facto en Euskal Herria.
A Lei de Partidos e os seus engadidos, pactados polo PSOE e o PP, son a expresión legal da nula vontade democrática da oligarquía española representadas por estes partidos, de dar a voz neste caso ao pobo vasco, impedindo que as persoas e sectores que son e se senten representados pola esquerda independentista vasca, poidan ter opcións electorais en similares condicións que os seus adversarios.
Sumamos a nosa voz á denuncia por vulneración de dereitos fundamentais a persoas e organizacións políticas, que representan as denuncias ante os tribunais españois das candidaturas impugnadas en Euskal Herria por parte do Goberno español.
Esiximos a presenza en igualdade de condicións destas candidaturas impugnadas nas próximas eleccións do 22 de maio. Esiximos tamén novamente,a abolición da actual Lei de Partidos políticos e os seus engadidos.
Pedimos unión a todos os grupos, persoas, partidos, sindicatos e colectivos no apoio a Bildu e as candidaturas locais que pretender ser ilegalizadas, para realizar cantas concentracións e actos de apoio sexan necesarios tanto en Euskal Herria, como no resto de pobos e nacións no Estado español.
Denunciamos o labor da maioría dos medios de comunicación neste tema, pola súa disposición para manipular, enganar e servir aos intereses electorais e espúreos do PSOE e o PP.
Volvemos ratificarnos na nosa aposta inequívoca polos contidos e propostas do Acordo de Gernika, que como Partido subscribimos e esiximos ao Goberno español que respecte a vontade do pobo vasco.
28 de abril de 2011