ASINA E DIFUNDE: NON AO XUIZO CONTRA TRES MILITANTES COMUNISTAS

http://www.pcpe.es/formulario2010/index.php ------------------------------------------------------- detailpage

terça-feira, 17 de junho de 2008


Comité Executivo


DIANTE DO TRIUNFO DO NON AO TRATADO DE LISBOA NA IRLANDA.

O Comité Executivo do Partido Comunista dos Povos de España (PCPE) saúda a vitoria do NON ao Tratado de Lisboa no referendo irlandés, celebrado o pasado 12 de xuño, e felicita aos e as comunistas de Irlanda e ás forzas obreiras e populares por esta importante vitoria.

Os resultados do referendo irlandés mostran as verdadeiras razóns polas que a oligarquía europea tratou de impor os contidos máis agresivos da derrotada Constitución Europea a través de ratificacións parlamentarias. O triunfo do NON en Irlanda é continuación do NON á Constitución Europea manifestado polo povo francés e holandés en 2.005, e reflexo directo da oposición popular á construción imperialista da Europa. Como sucedera co referendo en Francia e Holanda, o NON irlandés demostra novamente o afastadas que se encontran as maiorías parlamentarias -favorabeis á UE imperialista- dos intereses e das verdadeiras preocupacións dos povos.

Confírmase unha vez máis que as estruturas da UE pensan e actúan á marxe da opinión popular, negando o dereito dos povos a se pronunciaren -iso é a democracia burguesa-, tratando de impor medidas que só benefician ao capital monopolista, para o que non dubidan en liquidar as conquistas democráticas que aínda figuran formalmente en boa parte dos ordenamentos xurídicos dos países membros da UE.

As clases dominantes e os seus representantes políticos tentan desvirtuar os resultados do NON irlandés recurrindo a todo tipo de manipulacións. Para o PCPE trátase obxectivamente dunha vitoria dos intereses obreiros e populares fronte aos intereses do capital monopolista. A loita debe continuar fronte aos novos intentos que prepara a oligarquía para impor o Tratado de Lisboa. Esiximos xa que logo, e en primeiro lugar, que o Tratado de Lisboa sexa sometido a referendo en España, para o que debe emprenderse un traballo unitario, partindo das plataformas polo Non á Constitución Europea, como esperamos que suceda no resto de países da UE a cuxos povos negaron o dereito a pronunciarse.

Por iso chamamos á clase obreira, a todos os traballadores e traballadoras do noso país e á maioría social interesada en frear a construción imperialista da UE, a incrementar a loita contra a privatización dos servizos públicos e contra o retroceso de dereitos sociais e laborais que as novas directivas da UE pretenden impornos e cuxo máximo exemplo é a directiva que pretende alongar a xornada laboral a 65 horas semanais, verdadeiro exemplo de ata onde pretende o capital levar a escravitude asalariada, como loitas necesarias que demostran a necesidade de esixir un referendo no noso país sobre o Tratado de Lisboa cuxa retirada esiximos.


¡ESIXIMOS UN REFERENDO EN TODOS OS PAÍSES DA UE!

¡NON AO TRATADO DE LISBOA!

¡NON Á CONSTRUCIÓN IMPERIALISTA DA UE!