20.000 persoas maniféstanse coa CIG o 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega
O PCPE e os CMC-CJC estivemos presentes distribuindo follas explicativas da nosa posición ante a crise capitalista.
“O emprego, os salarios e as pensións deféndese loitando”
A Confederación Intersindical Galega celebrou o 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, con manifestacións en toda Galiza en defensa do emprego, dos salarios e das pensións, ameazados hoxe como consecuencia da crise económica e das políticas neoliberais que se están a promover desde os gobernos.
Foi o 10 de marzo de 1972, en Ferrol, cando os traballadores do naval se mobilizaron por un convenio non só digno senón tamén galego e onde se viviron con maior crueza as consecuencias da represión franquista, con ducias de feridos e co asasinato de Amador e Daniel. Por iso, foi tamén en Ferrol onde, 38 anos despois, a CIG celebrou a manifestación central deste Día da Clase Obreira Galega de 2010.
Alí estivo o Secretario Xeral, Suso Seixo, quen denunciou as agresivas políticas que están a aplicar os gobernos contra a clase traballadora, sob pretexto de enfrontar a grave situación de crise económica que estamos a padecer.
Crise que, como lembrou, foi provocada polo fomento dunha economía especulativa, ao servizo do capital financeiro que supuxo a obtención de enormes beneficios para uns poucos a custo da sobreexplotación da clase traballadora e da precarización das súas condicións de traballo.
Por iso, na súa intervención ao remate da manifestación, denunciou que malia as grandes declaracións dos gobernos da necesidade de adoptar medidas para un maior control financeiro “a realidade é que non se fixo nada diso, e segue sendo a grande banca, o capital financeiro, o que está a dirixir as políticas económicas dos gobernos e a especular nos mercados financeiros coa débeda pública, moita dela provocada polos empréstimos que lles fixeron os gobernos”.
O secretario xeral da CIG denunciou ademais que tampouco se está a facer nada por rematar cos paraísos fiscais, por controlar os movementos especulativos de capital, por reformar o sistema fiscal cara a un sistema impositivo progresivo ou por un control público dos sectores estratéxicos.
Porén, asegurou que se segue incidindo “nas políticas neoliberais de sempre, de recorte do gasto público e dos salarios, de recorte das pensións públicas e de dificultar o acceso ás mesmas, de facilitar o despedimento e de recorte de dereitos laborais e sociais, de precarización das condicións de traballo, facendo que a crise a paguen os traballadores, ao tempo que se afonda neste modelo de capitalismo neoliberal tan negativo para os intereses da clase traballadora”. O secretario xeral da CIG tamén denunciou o papel de colaboradores necesarios de CCOO e UGT nesta política do capital “tan agresiva” contra os intereses da clase traballadora, demostrando unha vez máis a súa complicidade co modelo neoliberal. “Só así se pode entender o Pacto Salarial que veñen de asinar para os próximos tres anos”, dixo, “que vai supor na práctica perda de salario para a grande maioría de traballadores e traballadoras, nun momento no que se require precisamente a recuperación do poder de compra dos traballadores e traballadoras para tirar da produtividade das empresas”.
A folga do naval consegue paralizar a maioría do sector e saca as rúas en Vigo de novo a dignidade fronte ao recorte de dereitos
O obxectivo da folga dase por cumprido, xa que se transmitiu con forza a vontade dos traballadores/as de que non se renegocie o convenio as súas costas.
Desde primeira hora da mañá, nos distintos estaleiros comezaban os piquetes a informar da convocatoria de folga no 10 de marzo para o sector, que tivo un seguimento do 80%. A CIG-Metal valora moi positivamente esta xornada, aínda máis se temos en conta toda a campaña mediática da patronal e as centrais sindicais UGT e CCOO en contra desta convocatoria, asi como da abusiva presenza policial, mais que non impediron que de novo as rúas de Vigo volveran visibilizar a forza dun sector que non baixa a cabeza e que respondeu con voz ben clara ás pretensións de renegociar o convenio ás costas dos traballadores/asr: non imos permitir máis recortes de dereitos e defenderemos o naval.
Desde as seis da mañá neste 10 de marzo as portas dos estaleiros eran un ruxeruxe constante. Os delegados de persoal de Vicalsa e Sycan repartían milleiros de follas informativas nas que manifestaban "a nosa total repulsa coa utilización perversa e intencionada que fan os representantes das centrais sindicais CCOO e UGT dos nosos nomes para nos utilizar de ariete publicamente en contra da CIG a base de medias verdades. O acordo ao que se chegou en Vicalsa e Sycan foi aceptado en asemblea de traballadores baseada nunha proposta consensuada coa dirección para poder garantir a permanencia de todo persoal no que queda de ano e impedir a rescisión de 36 contratos".
Presenza policial desmedida
Decenas de furgóns policiais enchían os arredores dos estaleiros desde moi cedo, identificando e rexistrando a todas aquelas persoas que se dirixían ao piquete, tentando asustar ao persoal.
Desde Barreras saiu un grupo de piquetes até os estaleiros de Armón e Cardama, e tanto os traballadores/as de Vulcano como os de Freire posteriormente se xuntaron ao resto do persoal.