Partido Comunista dos Pobos de España.
COMUNICADO DO COMITÉ EXECUTIVO DO PCPE A DISPUTA POLOS ALIMENTOS SE MILITARIZA ESPAÑA E A UE AVANZAN NA SÚA PRESENZA MILITAR PERMANENTE NO ÍNDICO
A intervención militar española -xunto á doutros países da UE-, no Océano Índico, ten a finalidade de dar protección militar ao espolio dos recursos pesqueiros somalíes por parte das flotas pesqueiras europeas. Non existen convenios internacionais para a realización desta actividade pola flota pesqueira vasca, non existe compensación económica para Somalia, e, ademais, non se aplica ningunha limitación á avaricia das flotas pesqueiras europeas que utilizan todo tipo de artes -ilegais noutras zonas- que esquilman os recursos mariños da zona, pondo en grave perigo a súa capacidade de reprodución e sostemento.
Ao tempo, a UE aproveita para instalar a súa presenza militar no occidente africano, nunha zona de importantes recursos estratéxicos -e de tránsito imprescindible do 60% do petróleo mundial-, que son disputados polas distintas potencias imperialistas. Nesa mesma liña expansiva Francia instalou recentemente unha nova base militar en Abu Dhabi.
O Goberno Zapatero foi un entusiasta impulsor desta estratexia militar no Índico, e desde o primeiro momento en que se iniciou a campaña de propaganda sobre esta cuestión aprestóuse a desprazar varias unidades da armada á zona. Esta acción está coordinada co PNV como representante dos armadores vascos que saquean estas augas do Índico fronte a Somalia. E tivo o apoio de todo o Parlamento español.
Recentemente, e superando todo o feito ata agora, o Goberno Zapatero autorizou -e ademais cofinancia- a presenza de mercenarios privados nos barcos pesqueiros utilizando armamento de guerra, cuxa avanzada é a empresa de seguridade do fascista José Luís Roberto, dono e dirixente do partido/empresa España 2000
Xa que logo o Goberno español recorreu a instalar corsarios na zona, como estratexia de xestión dos intereses económicos que representa.
Ademais do saqueo pesqueiro, son numerosas as denuncias que acusan da realización de todo tipo de verquidos tóxicos no Índico , mesmo os de tipo nuclear.
Esta actuación das flotas pesqueiras, que rouban os recursos do litoral africano, esténdese a todas as costas do continente; cunha participación destacada das pesqueiras españolas -entre elas, e en primeiro lugar, PESCANOVA. As consecuencias inmediatas deste roubo son o empobrecimento das poboacións pesqueiras ribeiregas e a destruición do seu precario sistema económico de vida. Eses pescadores empobrecidos son quen protagonizan estas accións contra quen lles rouban o que lles pertence.
Tamén a UE asinou con Marrocos, en varias ocasións, acordos pesqueiros carentes de toda lexitimidade desde o punto de vista internacional. Así as empresas pesqueiras españolas participan neste ilegal saqueo do banco pesqueiro en augas saharauís.
A retención do Alakrana é consecuencia lóxica de toda esta liña de intervención. O PCPE expresa a súa solidariedade ás familias dos pescadores nestes momentos tan difíciles para elas polo risco para a vida da tripulación; mentres os armadores só arriscan unha redución das súas ganancias.
Cando se invade, róubase e destrúense os recursos dun país -neste caso, ademais, moito máis débil que o agresor- é normal que a súa poboación recorra a calquera estratexia de defensa da súa soberanía.
Neste caso o Goberno Zapatero, querendo gañar posición na cadea imperialista mundial, secuestra a dous somalíes en augas internacionais e monta unha parodia de xuízo coa que pretende emular as accións do imperialismo ianki en Guantánamo. Neste caso o mono non é laranxa senón branco, pero se utilizan as mesmas técnicas de secuestro, inmovilización, illamento sensorial e negación da lexitimidade de quen se enfrontan ao roubo e á invasión militar das augas da súa soberanía.
Estas posicións aventureiras finalmente vólvense na súa contra, e o Goberno atópase nun calexón sen saída nun proceso de negociación no que terminará cedendo en todo o que di que non cederá como posición de principio, ante a presión social produto da preocupación pola vida da tripulación do Alakrana. O custo político da perda de vidas nesta situación o goberno, neste momento, non está disposto a asumilo.
A solución a esta situación pasa por:
1.- A finalización inmediata de todos a labores pesqueiros que non estean sometidos á legalidade internacional e que non respecten o dereito internacional marítimo.
2.- O cesamento da vertedura de todo tipo de lixos e residuos nas augas litorais africanas.
3.- O establecemento de convenios económicos voluntarios -baseados no principio do beneficio mutuo- sobre a base do recoñecemento da soberanía dos países africanos sobre os seus recursos materiais.
4.- A renuncia do Goberno de España á súa estratexia imperialista como recurso para tratar de manter o decadente proceso de acumulación capitalista.
O Comité Executivo do PCPE chama á mobilización da clase obreira e dos sectores populares para esixir que estas medidas sexan aplicadas inmediatamente polo Goberno Zapatero.
¡Polo internacionalismo proletario, fin ao saqueo do continente africano, fóra as tropas e as armadas europeas do Índico!
¡Pola soberanía e a autodeterminación dos pobos africanos, fin ás políticas neocoloniais!
¡Viva Somalia libre de inxerencias imperialistas!