A Unión Europea é fundamentalmente unha unificación de mercados e unha eliminación das trabas comerciais e de movemento de capitais en beneficio do gran capital e as grandes empresas.
Toda a estrutura política e lexislativa orixinada na Unión Europea procura fundamentalmente garantir a posición do gran capital e a súa continua obtención de beneficios. Nun momento de crise como o actual fanse evidentes as preferencias das institucións europeas e dos estados membros da UE á hora de plantexar saídas ao marasmo económico do capitalismo.
Miles de millóns de euros para a banca, propostas de recortes salariais e ampliación da xornada laboral, atraso da idade de xubilación, expedientes de regulación de emprego, despedimentos masivos, millóns de euros das arcas públicas para soster ás empresas que ata o ano pasado arroxaban insultantes contas de beneficios, son algúns dos exemplos que estamos vendo, pero que xa ouviramos antes.
Opómonos á proposta europea da “flexiseguridade”, que pretende flexibilizar o mercado laboral en base a unha suposta facilidade para atopar emprego. Só aceptamos o emprego estable e con plenos dereitos laborais e salariais, sen enganos nin manipulacións.
O PCPE oponse frontalmente a este tipo de medidas que só buscan unha saída á crise en beneficio do gran capital, que favorecen a concentración de capital coa intención de superar a crise económica no prazo máis curto posible.
Para o PCPE a solución non pasa pola concentración de capital, senón pola axuda directa aos traballadores e as súas familias, pola paralización das hipotecas aos parados e paradas, pola conxelación nas tarifas eléctricas e de gas, pola utilización do diñeiro de todos en beneficio da maioría.
Para o PCPE non é posible aceptar que a situación económica actual esixa o recorte de dereitos laborais, non se pode aceptar a ampliación da xornada laboral nin da idade de xubilación. Denunciamos o carácter hipócrita de PSOE e PP ao expor a defensa da xornada de 48 horas semanais, cando as 40 horas eran unha conquista histórica dos traballadores.
É necesario saír do falso debate ao que nos queren conducir goberno, oposición e autoridades europeas. Loitamos pola xornada de 35 horas semanais, polo traballo fixo e con plenos dereitos, pola elevación xeral dos salarios e as pensións, pola elevación do salario mínimo interprofesional. Son necesarias reformas estruturais do mercado de traballo, orientadas á repartición do mesmo, como forma máis inmediata de amortecer a situación de paro masivo, mentres se fan avanzar outras políticas estratéxicas orientadas á participación obreira no proceso de produción e control e distribución dos beneficios.
Todas estas medidas son posibles, pero soamente son posibles se hai unha confrontación directa coa Europa do capital e a guerra, así como con quen a defenden e manipulan aos traballadores e traballadoras. É necesario debilitar ás forzas que defenden á gran banca e á patronal. É necesario debilitar ao PSOE, ao PP e a quen, desde unha pretendida óptica de esquerdas, plantexan un "xiro social" á UE.
O capitalismo, o recorte de dereitos laborais, os despedimentos e os ERE son consustanciais á UE. Non hai outra alternativa que a defensa sen concesións dos nosos dereitos como traballadores e traballadoras. Non hai outra alternativa que a unión de forzas para plantexar outro modelo económico que non se subxugue aos intereses das empresas e o capital, senón aos intereses da maioría traballadora dos países europeos.
Non hai posibilidade de manter os dereitos laborais se estamos sometidos ás cadeas capitalistas que nos impón a Unión Europea.
Racha as cadeas
Fronte á Europa do Capital e a Guerra
Vota PCPE