ASINA E DIFUNDE: NON AO XUIZO CONTRA TRES MILITANTES COMUNISTAS

http://www.pcpe.es/formulario2010/index.php ------------------------------------------------------- detailpage

quarta-feira, 16 de setembro de 2009

DO XORNAL AVANTAR:As traballadoras de Treves ocupan a Deputación de Pontevedra para demandar implicación da Administración no conflito


Pecháronlles as portas e durante dúas horas permaneceu pechado este edificio público
O martes 15 de setembro tiña lugar unha nova xornada de folga na fábrica de Treves da Avenida de Vigo. Neste día de mobilización e loita polo mantemento dos 133 postos de traballo, ameazados pola deslocalización e un ERE de extinción, as traballadoras de Treves decidiron levar a súa protesta até a Deputación de Pontevedra. Alí ás dez da mañá tentaron entrar mais cando as mulleres concentradas encamiñaron os seus pasos cara á porta principal, pecharon as portas. Durante preto de dúas horas o edificio permaneceu pechado, e pouco despois das doce da mañá finalmente accedían a que as traballadoras entraran ocupar o Salón de Plenos da Deputación, onde permanecerán pechadas até as dez da noite.
"Hoxe é un dia máis de folga, e dados os distintos contactos que tivemos cos distintos axentes sociais, analizamos que había que golpear á Administración porque é a máis allea e menos implicada no conflito, polo que decidimos vir aquí á Deputación", declaraba diante dos medios de comunicación Xosé Fernández Piñeiro, secretario nacional da FGAMT, ás portas da Deputación de Pontevedra.
Peche de portas
Desde quince minutos antes das dez da mañá as traballadoras de Treves comezaron a concentrarse na Alameda de Pontevedra para levar adiante unha acción nesta nova xornada de folga. Así foi como pouco despois das dez da mañá estas mulleres encamiñaron os seus pasos cara á Deputación, onde rapidamente pecharon as dúas portas de entrada e saída, provocando eles mesmos un auténtico bloqueo dun edificio público como este.
"Imos estar aquí e tentaremos entrar"
Piñeiro adiantaba nestas horas nas que as traballadoras se sentaban nas escaleiras de entrada deste edificio que "sen lugar a dúbida imos estar dentro e poder ocupar este edificio público, que non pode estar pechado todo o día, xa que ten que prestar un servizo á cidadanía, imos estar aquí e trataremos de entrar" e lembrou que "o presidente da Deputación, cando estiveramos aquí nunha mobilización anterior, nos largou un mitin político de que ía facer xestións, porque ademais é un dos pesos pesados do Partido Popular, o seu presidente provincial, e todo o que nos manifestou naquela ocasión quedou en nada".
Xunto ás traballadoras de Treves estiveron apoiando esta acción os membros do Comité de Empresa de Treves do Campiño, "porque a loita da Avenida de Vigo é tamén a nosa, non só pola solidariedade, senón tamén polo noso futuro".
O secretario nacional da FGAMT insistiu nas súas criticas á implicación da Xunta, "que está totalmente allea" e aclarou que "todas as xestións e avances que conseguimos foi a través das presións das traballadoras, do Comité e da representación sindical".
A Deputación cede pola presión
E con esta concentración nas portas avanzaba a mañá na Alameda de Pontevedra, coa ameaza de que enviarían á Policía para desbloquear o seu propio autobloqueo. Antes das doce da mañá o responsábel da Seguridade da Deputación púñase en contacto co secretario nacional da FGAMT a través do móbil para ofrecer a posibilidade dunha reunión de tres persoas co presidente da deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e que o resto permanecera fóra. Esta proposta non foi aceitada e transmitiuse que ían entrar todas as traballadoras e que na xuntanza cos Deputación participaría o Comité e dous representantes sindicais de CIG e UGT.
As portas abríanse pouco despois das doce, e as traballadoras de Treves ocuparon desde ese momento o Salón de Actos, onde permanecerán até as dez da noite.
Xuntanza con Pedrosa e Louzán
Ao mesmo tempo que o azul dos uniformes de Treves enchía o salón da Deputación, Teresa Pedrosa, vicepresidenta da Deputación, recibía á representación das traballadoras desta auxiliar da automoción, e escoitaba as queixas e críticas pola súa falta de implicación e de concreción nos compromisos adquiridos.
Mentres, o presidente da deputación, Rafael Louzán, daba unha rolda de prensa sobre unhas subvencións a entidades deportivas, na que comezaba queixándose do "asedio á Deputación" e de que, segundo o presidente provincial, esta institución sexa un "manifestódromo".
Críticas á Administración
Ao remate desta rolda, Rafael Louzán tamén se reuniría coas traballadoras de Treves e a representación sindical, co que mantivo unha forte discusión ao comezo porque argumentaba que non entendía a que se debía a presenza destas traballadores xa que "xa fixemos todas as xestións posíbeis", e insinuaba que a súa presenza na Deputación se debía a "artimañas políticas para tentar culpabilizar ao PP", así como xustificaba o peche da Deputación por seguridade e por conflitos coa acción sindical da CIG .
Diante destes argumentos, tanto a presidenta do Comité de Empresa, Flora Pintos, como o secretario nacional da FGAMT, Xosé Fernández Piñeiro, responderon con firmeza, sinalando que "vostede pode que fixera vinte mil xestións, mesmo que falara con Obama, pero a realidade é que para as traballadoras de Treves non houbo ningún cambio", ao que Louzán respondería que el ten "a conciencia moi tranquila".
Despois desta reunión realizouse unha asemblea coas traballadoras para reafirmarse na súa vontade de permanecer na Deputación até as dez da noite, así como dar a coñecer o contido desta reunión, e anunciar a súa vontade de continuar coas mobilizacións e a loita na defensa dos seus postos de traballo.
O persoal de Treves da Avenida de Vigo agarda que na próxima semana se teña xa o informe negativo da Inspección de Traballo ao ERE, polo que este conflito se encontra nun momento decisivo.
Máis imaxes da xornada
Na galería de imaxes da nosa web podedes atopar máis fotografías desta mobilización, ou tamén a través desta ligazón.
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela