O Ministerio de Defensa Español anunciou o envío de reforzos a Afganistán, tras a petición realizada polo Xefe do Estado Maior da Defensa (JEMAD). O Goberno do PSOE pretende aprobar o envío de polo menos 220 efectivos militares o vindeiro venres, durante a comparecencia da Ministra na Comisión de Defensa do Congreso.
Este reforzo sumaríase aos militares españois presentes en Afganistán, integrados na Forza Internacional de Asistencia á Seguridade (ISAF) baixo mando da OTAN, sendo destinado á provincia de Badghis, onde crece a resistencia popular ante as tropas de ocupación e rexístranse constantes enfrontamentos.
O Goberno do PSOE, e os intereses monopolistas aos que representa, acoden así en auxilio da Administración Estadounidense e da nova estratexia geopolítica de Barack Obama, precisamente nun momento en que o imperialismo ianqui apunta como obxectivo aos países latinoamericanos que loitan pola súa liberación, e crecen as protestas en Europa e nos propios Estados Unidos ante a continuidade das políticas de guerra das principais potencias capitalistas.
En todo o mundo crece a indignación ante os centos de vítimas causadas polas tropas da OTAN, o que confirma o carácter criminal desta "CRUZADA" na que participan as tropas españolas desde xaneiro de 2.002.
A entrada en combate de militares españois o pasado 3 de setembro, matando a 13 cidadáns afgáns, e non aclarada polo Ministerio de Defensa, do mesmo xeito que o asasinato perpetrado o día 4 de setembro polo bombardeo de tropas alemás, asasinando a preto de 100 civís; deixan claro que a pesar da propaganda do Goberno de Zapatero e da UE, esas tropas participan nunha misión de guerra e, máis en concreto, nunha guerra de ocupación contraria ao dereito á soberanía e á autodeterminación do pobo afgán e que tan só serve aos intereses dos grandes monopolios enerxéticos e dos países imperialistas centrais. O Goberno Español, co seu crecente militarismo, pretende participar en mellores condicións na repartición dos recursos que os imperialistas pensan obter coa ocupación.
A deslexitimación da guerra en Afganistán, co constante incremento de baixas, tanto civís como militares, cobrou unha nova dimensión ao recoñecer a ONU que o candidato monicreque dos EEUU nas eleccións xerais do pasado 20 de agosto, Hamid Karzai, cometeu unha fraude electoral masivo.
O imperialismo non gañará a guerra de ocupación en Afganistán. O PCPE esixe a retirada inmediata das tropas españolas de ocupación e chama á cidadanía a mobilizarse a favor da paz mundial, a solidariedade e a amizade entre os pobos.
¡Nin un soldado español á guerra imperialista!
¡Tropas fóra de Afganistán!
¡Pola paz, a amizade e a solidariedade: OTAN NON, BASES FÓRA!
Comité Executivo do Partido Comunista dos Pobos de España.
Madrid, 10 de setembro de 2.009.