ASINA E DIFUNDE: NON AO XUIZO CONTRA TRES MILITANTES COMUNISTAS

http://www.pcpe.es/formulario2010/index.php ------------------------------------------------------- detailpage

segunda-feira, 11 de abril de 2011

POLA REPÚBLICA SOCIALISTA



POLA REPÚBLICA SOCIALISTA

POLA FRONTE OBREIRA E POPULAR

PARTIDO COMUNISTA DOS POBOS DE ESPAÑA



Este 14 de abril de 2011 conmemórase o oitenta aniversario da proclamación da II República, experiencia histórica que espertou enormes expectativas na clase obreira e nos sectores populares, e que contou cun inmenso apoio de masas desbordando as estruturas de represión dos estamentos máis reaccionarios da sociedade española, e abrindo un proceso de cambio social e político que fora demandado durante un longo período pola clase obreira e outros sectores populares. A oligarquía respondeu a este avance das posicións do pobo co golpe de estado de Franco, como avanzada da deriva fascista do capitalismo europeo. O capital financeiro, a oligarquía terratenente e a igrexa católica, foron aliados que xogaron un papel protagonista na conspiración, na guerra e na mesma ditadura fascista imposta durante longas décadas.



Aquel período histórico saldouse coa chamada "transición política", que permitiu -coa colaboración do reformismo e da organización eurocomunista- que o bloque histórico dominante recompuxese a súa posición de dominación absoluta, sen pagar ningún prezo pola súa criminal acción contra as lexítimas aspiracións do pobo español durante ese período histórico. A restauración monárquica configurou unha forma de estado que permitiu ao capitalismo español a súa inserción na cadea imperialista nunha posición vantaxosa. Para iso foi necesario obter a colaboración non só das organizacións políticas que se reclamaban da clase obreira senón tamén das principais organizacións sindicais, que nestas décadas xogaron un papel imprescindible para maniatar a loita da clase obreira deste país.



Transcorridos oitenta anos o capitalismo español entrou nunha fase superior, de inserción no capitalismo internacional e de adaptación da súa superestructura política ás necesidades da actual forma da ditadura do capital, que é a monarquía parlamentaria. A crise estrutural do capitalismo internacional, que impón violentamente todo tipo de medidas para aumentar a taxa de explotación da clase obreira, non fai máis que confirmar esta análise, que está levando á clase obreira a retrocesos históricos e a unha perda xeneralizada das súas conquistas e das súas condicións de vida.



Hoxe a cuestión da República plantéxase, xa que logo, noutras coordenadas políticas. Finalizou, fai tempo, a etapa na que fraccións do bloque dominante podían transitar algún camiño de avance democrático xunto a sectores do pobo. Hoxe non podemos crear a ilusión de que é posible abrir un período de transición entre a actual monarquía parlamentaria e a sociedade socialista. A república que ha de vir é a república socialista, é dicir, é o cambio na forma de estado que se ha de dar no proceso da revolución socialista no noso país e da toma do poder pola clase obreira.



O PCPE traballa pola creación dunha Fronte Obreira e Popular polo Socialismo. Unha Fronte sustentada nunha alianza daqueles sectores máis avanzados da clase obreira -organizados no Partido Comunista- con outros sectores sociais explotados e oprimidos polo capitalismo español. Unha Fronte concibida como "alianza revolucionaria de todos os explotados e todas as explotadas". Nesa liña estratéxica o PCPE traballará por concretar esa política de alianzas con organizacións sindicais, políticas, de mulleres, xuvenís, culturais, etc., en función da composición de clase das mesmas, e non como un conglomerado de siglas alleo ás condicións concretas do desenvolvemento da loita de clases no noso país.



Un amplo movemento republicano, sustentado nestas claves políticas, debe traballar participando nas loitas diarias da clase obreira e dos pobos do estado para converter o obxectivo da república socialista nunha aspiración impulsada polos sectores máis combativos do pobo traballador, e apoiada polas máis amplas masas nunha estratexia de acumulación de forzas que á vez que acurrala á monarquía borbónica traballa pola revolución socialista neste país.



Este 14 de abril, esixindo memoria, xustiza e reparación; e loitando pola república socialista que dará resposta política ao dereito de autodeterminación de pobos e nacións e que iniciará a etapa histórica do poder obreiro en España, o PCPE sumará as súas forzas con todas as mobilizacións que se convoquen neste aniversario histórico.





POLA REPÚBLICA SOCIALISTA DE CARACTER CONFEDERAL
AUTODETERMINACIÓN
POLA UNIDADE DA CLASE OBREIRA