ASINA E DIFUNDE: NON AO XUIZO CONTRA TRES MILITANTES COMUNISTAS

http://www.pcpe.es/formulario2010/index.php ------------------------------------------------------- detailpage

segunda-feira, 1 de dezembro de 2008

1978-2008. TRINTA ANOS DE FALSA DEMOCRACIA






En plena crise económica, cando miles de traballadores/as son despedidos/as, aumenta a carestía da vida e os culpables capitalistas desta crise non só non son xulgados, senón premiados con millóns de euros e dólares. Cando aumentan as diferenzas sociais ao dispararse os beneficios de bancos e grandes empresas mentres se arruínan centos de miles de familias (e a Familia Real cobrará este ano 8 millóns de euros); cando as receitas económicas para “salvar” a crise é dar diñeiro dos e as contribuíntes aos ricos e esnaquizar os poucos mecanismos que van quedando de protección social, facendo uso do engano, a distracción mediática, o ruído de patriotas fuleros e, sobre todo, do medo; cando, en definitiva, trátase de saír da crise que provocaron os mesmos ricos, con máis capitalismo, máis concentración de poder e menos dereitos e liberdades para os e as cidadáns/as, facernos crer que hai motivos para celebrar 30 anos de “constitución democrática”, parécenos un sarcasmo.

E máis aínda no estado monárquico español onde todas as institucións políticas e civís que constitúen o aparello dese estado son unha simple continuidade do estado franquista, envolvido en roupaxes constitucionais e de aparente lexitimidade: un rei imposto por Franco; empresarios e sindicatos “maioritarios” conformando “consellos” de colaboración de clases; o exército -cheo de xenerais do Opus Dei- con maiores orzamentos públicos que nunca; a Igrexa católica cos mesmos privilexios que lles concedeu o franquismo; os terratenentes coas terras esquilmadas ao Pobo; o sistema xudicial colmado de corruptos que enchen os cárceres de pobres, mentres absolven e non perseguen aos ricos delincuentes; os fascistas torturadores e asasinos da guerra e da posguerra condecorados e “amnistiados” polo que puidese pasarlles; unha esquerda constitucional monárquica e sen programa de esquerdas. Isto é o “modelo español para a transición democrática”. Isto é franquismo sen Franco. Isto é un maquinado modelo de impunidade.

Se hai un estado capitalista onde se poden levar a cabo “solucións” capitalistas para a crise económica e financeira do capitalismo, ese é o español. Todo o aparello do estado está concibido para impor esas solucións coa máxima represión contra as verdadeiras vítimas da crise: a clase obreira e as capas populares. A ilegalización de partidos, peche de xornais e xuízos contra o exercicio da liberdade de expresión son xa prácticas comúns no estado español.

Por iso, saír de verdade da crise significaría principalmente solucionar os problemas da carestía da vida e o paro; proporcionar unha vivenda digna a todos/as os cidadáns/as; mellorar substancialmente as condicións laborais e ampliar os dereitos sociais. Significaría ter un ensino público e de calidade e unha completa sanidade gratuíta para todos e todas.

Pero estas solucións pasan inevitablemente por cambiar de raíz a forma en que se toman as decisións, neste momento monopolizadas pola clase dos ricos dirixentes, e á súa cabeza a ilexítima monarquía do rei Juan Carlos (todos os parlamentarios actuais son defensores do capitalismo ¿onde están os obreiros no Parlamento?), e substituíla por unha ampla democracia na que a maioría dos cidadáns tomen a palabra e decidan sobre todos os aspectos que afectan á súa vida.

Porque sen Democracia, as solucións á crise só favorecerán aos ricos. No estado español mentres persista esta farsa monárquica, serán os banqueiros e grandes empresarios co seu corte de políticos, xornalistas, xuíces, curas e militares os que sairán gañando, con crises ou sen ela. Mentres pechan miles de empresas, aínda non sabemos de ningunha igrexa pechada pola crise.

A República pola que loitamos traerá a Democracia, e con ela a posibilidade real de que a grande maioría faga prevalecer as súas aspiracións, o seu modelo político e social, o seu xuízo e condena contra a minoría que ata agora fixo prevalecer os seus privilexios e ambicións.

O PCPE chama a ese modelo Socialista e Republicano de carácter Confederal, é dicir, un modelo de Xustiza Social e Económica, porque nel prevalece a propiedade social sobre os medios de produción e os beneficios económicos serven para a mellora decisiva das condicións sociais e económicas dos e as traballadores/as e modelo de Liberdade e Igualdade porque defende e fai valer o libre desenvolvimento das persoas e porque os Pobos do estado decidirán libremente a súa adhesión a esta nova República. Fronte á crise capitalista e os 30 anos de farsa democrática, novamente ofrecémosche esta alternativa.