ASINA E DIFUNDE: NON AO XUIZO CONTRA TRES MILITANTES COMUNISTAS

http://www.pcpe.es/formulario2010/index.php ------------------------------------------------------- detailpage

sábado, 17 de outubro de 2009

MOVEMENTO OBREIRO. CIG-Metal de Vigo chama á folga


CIG-Metal de Vigo chama á folga polo xuízo a 13 traballadores do sector o luns 19 de outubro desde as nove da mañá

Mentres continúa a negociación do convenio do Metal, onde os mediadores volveron presentar case a mesma proposta presentada antes das vacacións do verán.
CIG
A CIG-Metal ten convocado unha folga o luns 19 de outubro no sector do Metal sen convenio propio, na comarca de Vigo e nos concellos de área metropolitana, desde as 9 horas e durante as próximas cinco horas laborais na quenda da mañá e nas catro primeiras horas da quenda da tarde. O motivo desta convocatoria é a celebración do xuízo a trece traballadores do Metal detidos na folga do ano 2006 na carga da Estación de Renfe, con petición de penas de cadea para catro traballadores superiores a tres anos e medio. Para o resto as penas achéganse aos tres. Ademais a negociación do convenio do Metal continúa sen avanzos, e só coa presentación dunha proposta por parte dos mediadores, na que hai escasas diferenzas respecto á presentada antes das vacacións do verán, que fora rexeitada no seu momento e que non se considerara suficiente polo conxunto dos traballadores do sector, polo que naquel momento se continuou coa convocatoria de folga até comezos de xullo.
"O 9 de maio de 2006, na folga pola negociación do Convenio e cando os traballadores pretendíamos concentrarnos na Estación de Renfe de Vigo, a policía cargou dunha maneira descomunal, con ensañamentos, cercando os traballadores que accederan á praza. Resultaron feridos vintetrés compañeiros do Metal, dos que tres tiveron que quedar ingresados durante varios días no Xeral. A maiores, foron detidos trece traballadores de distintos sectores (naval, aluminio, mecanizados e automóbil) que como todos os demais só cometeron o delito de intentar defenderse daquela brutal pallosca", asi comeza a folla informativa repartida no sector para explicar os motivos da convocatoria da folga do luns 19 de outubro.
Campaña de convocatoria
Repartíronse estas follas informativas, convocáronse asembleas nos centros de traballo do sector, e coláronse carteis na cidade e especialmente nas zonas industriais que concentran ao maior número de traballadores e traballadoras do Sector.
Percorridos das distintas marchas
O luns 19 de outubro comezarán desde as nove da mañá as habituais marchas dos traballadores do Metal desde Teis, Beiramar, Avenida de Madrid e o Camiño do Caramuxo. Os traballadores/as do Naval encontraranse no cruce de Colón, e continuarán a súa marcha até a Praza do Rei, onde se xuntarán co resto do persoal en folga que se desprazará desde outros pontos da comarca.
Asi, desde esta praza do Concello comezará unha manifestación ás dez da mañá que se achegará até as portas do Xulgado, na rúa Coruña, onde terá lugar o proceso xudicial contra estes trece compañeiros, na Sala do Penal número 2, ás dez da mañá.
Negociación do convenio 
O xoves 15 de outubro tiña lugar unha nova xuntanza da Comisión negociadora do Convenio do Metal, na que participaban as distintas asociacións empresariais afectadas pola negociación do convenio provincial, asi como as centrais sindicais e os mediadores.
A CIG xa manifestara en distintas ocasións aos mediadores que para avanzar nesta negociación era preciso que se presentara unha mellora á proposta realizada no mes de xuño, xa que esa proposta xa fora rexeitada polo conxunto dos traballadores e traballadoras, e como consecuencia dese rexeitamento xeral despois da presentación desa proposta decidirase continuar coa folga pois aquela proposta non convencera a ninguén.
Asi, comezaba a reunión ás cinco da tarde e chegou até as doce da noite, mais con moitas sub-reunións entre os mediadores e os empresarios, asi como reunións aparte con CCOO e UGT para pactar o texto da proposta que se presentaría ao final desta xornada de xuntanzas.
Proposta pactada con CCOO e UGT
Os mediadores reuníronse con CCOO e UGT para pactar o texto que ía ser presentado pola mediación, pero non tiveron o valor de asinar este texto como un pre-acordo ou dicir claramente que asumian esta proposta e aceitaban, xa que a CIG non entrou a asinar esa proposta nin a asumiu.
Unha proposta que non ten case nada novo
A proposta realizada polos mediadores, co beneplácito de todas as partes agás a CIG, podedes descargála ao final deste documento en pdf, tal e como foi presentada.
Establécese nesta proposta unha vixencia de tres anos (2009-2011). O incremento salarial para o 2009 sería do IPC do 2008 máis 1,10, para o ano 2010 será o IPC do ano 2009 máis 1,5; e para o ano 2011 o IPC do ano 2010 máis 1,25. No suposto de que o IPC fose negativo, non se aplicaría desconto en ningún ano. 
A única novidade viría da mán da regulación do exceso da xornada, onde xa hai un artigo para regular este apartado. 
No tema da contratación propoñen que no prazo de 45 dias a contar desde a data da sinatura do preacordo trataría a cuestión referente á contratación no naval no seo da Comisión de Seguimento da Axencia da Bolsa de Emprego.
En definitiva, unha proposta moi semellante á xa rexeitada a finais de xuño polo conxunto dos traballadores e traballadoras do Metal.
Xuntanza dos organismos
O venres 16 de outubro está prevista unha xuntanza das Executivas comarcais da CIG-Metal de Pontevedra e Vigo, coa presenza do secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, Antolín Alcántara, e o secretario nacional da CIG-Metal, Miguel Malvido, para entrar a analizar a negociación do convenio colectivo e esta proposta, que é case idéntica á que xa fora rexeitada. Previsibelmente convocarase unha asemblea de afiliados/as do sector para o luns 19 de outubro á tarde, xa que o martes hai convocada unha nova xuntanza de negociación do Convenio do Metal.
http://www.galizacig.com/avantar/novas/16-10-2009/cig-metal-de-vigo-chama-a-folga-polo-xuizo-a-13-traballadores-do-sector-o-luns-19-d