Á clase obreira oprimida e explotada polo capitalismo español:
O Comité Executivo do PCPE chama a todos os obreiros e as obreiras -que sofren unha maior violencia no escenario da crise capitalista internacional, elevando a cotas superiores a opresión do capitalismo sobre amplas capas do pobo traballador-, a desenvolver unha histórica xornada de loita o próximo día 29 de setembro.
O éxito desta xornada de Folga Xeral é determinante para o futuro da clase obreira. Se a folga non triunfa -coa participación masiva de toda a clase- a oligarquía entenderá que non hai resistencia ás súas políticas máis agresivas, e aproveitará a ocasión para arremeter con outra andanada de recortes laborais e salariais de maior violencia que as tomadas ata agora co último decreto do goberno. Por iso o 29S hai que parar todo o país, para demostrar a forza imparable da clase obreira.
Desde o aparello de propaganda do sistema desenvólvese unha intensa campaña contra esta xornada de loita, e tamén contra toda a actividade sindical da clase obreira. Non só tratan de liquidar a negociación colectiva senón que queren reducir á máis mínima expresión a capacidade de organización da clase obreira para defender os seus dereitos e loitar por mellores condicións de traballo.
A resignación e a desmovilización da maior parte da clase obreira, durante estes tres últimos anos de crise capitalista, tiveron como consecuencia máis evidente o arroubo das forzas do capital e os seus gobernos. Constatouse, unha vez máis, que resignarse non serve máis que para aumentar a explotación.
Só unha clase obreira combatente será respectada polo noso inimigo de clase.
Por iso a preparación da Folga Xeral é unha tarefa a desenvolver desde hoxe mesmo. Traballando pola unidade da clase obreira, creando amplas plataformas unitarias, onde non se exclúa a ninguén. Explicando a necesidade do capitalismo de aumentar a explotación da clase, para tratar de remontar a crise esclavizando ao pobo no seu conxunto. Celebrando asembleas de centro de traballo, reunindo a Comités de Empresa, e desenvolvendo a máis ampla actividade de propaganda en torno ao 29S.
As longas prácticas do reformismo sindical debilitaron a posición da clase obreira na loita de clases no noso país. Pero ao reformismo sindical non se lle combate co sectarismo senón vertebrando a unidade da clase á ofensiva, e illando e desacreditando as posicións do pacto social nun firme combate ideolóxico que hai que dar no seo de todas as organizacións sindicais. Ao mesmo tempo temos que impulsar -especialmente cando se tensiona a loita de clases- a creación de Comités de Unidade Obreira como estratexia para superar o fraccionamento sindical que debilita á clase.
O capitalismo senil, na súa fase imperialista, tratará de aumentar a explotación sobre toda a clase obreira de calquera xeito. Recorrerá a toda forma de violencia con tal de lograr o seu obxectivo, facendo da guerra parte irrenunciable no seu proceso de acumulación. A clase obreira nada pode esperar deste sistema caduco, que tan só a pode levar a máis explotación e máis escravitude. Destruír o capitalismo é unha tarefa que está situada no primeiro punto da orde do día.
Neste proceso de preparación da xornada de Folga Xeral do 29S a militancia do PCPE ten que estar no primeiro lugar de combate. As tarefas fundamentais son:
1.- Crear plataformas unitarias para a Folga Xeral, en todos os territorios.
2.- Promover todo tipo de actividades explicando as profundas razóns para a realización da Folga Xeral: asembleas de centro de traballo, reunións con Comités de Empresa, coladas, mesas de rúa nos barrios, etc.
3.- Radicalizar calquera mobilización que se poida dar nestes meses, incorporando o obxectivo da Folga Xeral a calquera loita obreira.
4.- Explicar a proposta das Cinco medidas contra a crise, realizando mitins e recollendo miles de firmas de apoio a esta iniciativa, para a súa posterior utilización como ferramenta política de loita.
Esta xornada de loita do 29S ten que significar un punto de inflexión na capacidade de resposta da clase obreira contra a opresión capitalista, no avance da unidade de todas as forzas do pobo pola revolución socialista e polo comunismo.
Ningunha obreira, ningún obreiro, pode deixar de loitar ese día pola súa liberdade, por non sufrir explotación e por construír unha sociedade de persoas libres e iguais sen explotación.
¡A crise capitalista que a paguen os ricos e non a clase obreira!
¡Viva a unidade da clase obreira! ¡Viva a loita obreira e popular!
¡A LOITA É CONTRA A OLIGARQUÍA E OS SEUS GOBERNOS!
Xullo 2010. Comité Executivo do PCPE