quinta-feira, 17 de fevereiro de 2011
SOLIDARIEDADE COA COMPAÑEIRA LEYLA
DECLARACIÓN DO COMITÉ EXECUTIVO DO PCPE
O Comité Executivo do PCPE, tendo coñecemento da detención en Madrid da compañeira colombiana
Leyla O., por parte da policía española, atendendo unha suposta orde de extradición do goberno
colombiano, quere expresar o seguinte:
1-Denunciamos a detención dunha compañeira que se atopa en España co status de refuxiada política
recoñecido pola ONU, que se atopa no noso país porque no seu é perseguida por un estado terrorista
que silencia mediante torturas e asasinatos aos defensores dos dereitos humanos e a quen loitan por
un sistema de liberdade e xustiza social, moi particularmente, aos e ás comunistas.
2-Denunciamos que a detención vén acompañada dunha campaña de intoxicación informativa, onde
se presenta á compañeira como pertencente ás Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia
-organización arbitrariamente incluída na lista de organizacións terroristas da UE-, sen que ao parecer
haxa lugar no seu caso para a presunción de inocencia. Os medios de comunicación de masas
novamente seguen a disciplina que lles impón o Ministerio do Interior e todos os aparellos do estado
no tocante á represión dos que loitan contra as inxustizas e actividades criminais dos “gobernos
amigos”
3-Esiximos a inmediata liberación sen cargos da compañeira Leyla, así como a interrupción inmediata
do proceso de extradición ao que puidese estar sometida. Somos moi conscientes, e temos moi
presentes, os casos doutros compañeiros colombianos refuxiados no noso país quen, á súa volta a
Colombia, foron asasinados por grupos paramilitares ao servizo do goberno terrorista de Álvaro Uribe,
do que agora é continuador Juan Manuel Santos. O goberno español, coa súa actitude e as súas
accións, é cómplice dese réxime.
4-Expresamos a nosa total solidariedade coa compañeira Leyla e a súa familia, así como co pobo
colombiano que loita día a día contra o réxime criminal que ten secuestrado ao país e é cómplice do
asasinato de centos de activistas políticos e sindicalistas cada ano.
5-Ao mesmo tempo, queremos denunciar a sistemática campaña que se está a despregar contra os
comunistas e os movementos populares e de liberación en distintas partes do mundo. Temos moi claro
que SER COMUNISTA NON É DELITO, e reiterámonos na esixencia de derrogación da “lista de
grupos terroristas” da UE, que serve como escusa para a represión e a vulneración de calquera
garantía xurídica de quen, como neste caso, en función dos intereses do imperialismo son incluídos en
dita lista.
6- Chamamos ás forzas políticas da solidariedade antiimperialista a manifestar a repulsa por esta
arbitraria detención en forma de manifestacións e concentracións ante os organismos institucionais
que están facilitando os obxectivos espurios do goberno narco-terrorista colombiano.
.
¡SOLIDARIEDADE CON LEYLA !
¡VIVA A LOITA DO POBO COLOMBIANO!
¡VIVA O INTERNACIONALISMO PROLETARIO!
Madrid, 16 de febreiro de 2011
Comité Executivo do PCPE