ASINA E DIFUNDE: NON AO XUIZO CONTRA TRES MILITANTES COMUNISTAS

http://www.pcpe.es/formulario2010/index.php ------------------------------------------------------- detailpage

terça-feira, 1 de março de 2011

Sobre as mobilizacións nos países árabes e as manobras do imperialismo

Resolución do CC do PCPE





Nas últimas semanas, a sucesión de acontecementos no norte de África e Oriente Medio creou un enorme interese na esfera internacional. A partir das mobilizacións populares que se produciron en Tunisia en decembro e xaneiro, que supuxeron a deposición de Ben Ali, e os acontecementos posteriores en Exipto que desembocaron na saída do poder de Mubarak, séguense a producir mobilizacións en países como Bahrein, Iemen, Libia, Iraq, Marrocos ou Alxeria, onde se está presionando fortemente en demanda de cambios políticos que afectan a aspectos diferentes como esixencias democráticas básicas, liberación de presos políticos ou cumprimento de leis aprobadas.



De face á opinión pública internacional, preséntanse os feitos como unha sucesión encadeada de acontecementos, mencionando repetidamente o termo "revolución" para referirse a eles e expondo un esquema común que ignora as diferentes características dos diferentes procesos.



A situación actual nesta área xeopolítica é resultado da permanente inxerencia do imperialismo, dos procesos de descolonización formais, das políticas neocoloniais das anteriores metrópolis e da loita entre as potencias imperialistas por conquistar esferas de influencia. Durante décadas e ata a súa saída do poder, Ben Ali e Mubarak foron peóns do imperialismo favorecidos e protexidos polos países do capitalismo central, onde a fracción socialdemócrata da burguesía chegou a aceptalos como membros de pleno dereito da Internacional Socialista.



A intervención das potencias imperialistas nestes países, durante o pasado século, desenvolveuse dunha forma activa para impedir o desenvolvemento social e económico de ningún deles. Cando, a mediados do século XX, logo da Conferencia de Bandung, e o nacemento do Movemento de Países Non Aliñados, en moitos dos países da zona -e ligados en moitos casos aos procesos independentistas- xurdiron toda unha serie de opcións políticas de carácter progresista, cando non de orientación socialista, estes foron acosados con saña polas forzas imperialistas, o que se traduciu en golpes de estado, asasinatos, guerras civís, falsas guerrillas, etc. Así se produciron os asasinatos de Patricio Lumumba (Congo), Thomás Sankara (Burkina Faso) ou Amílcar Cabral (Guinea Bissau). Igualmente financiouse e mantivose durante anos a guerrilla da UNITA en Angola ou o movemento separatista de Katanga. Igualmente apontoouse a Israel como punta de lanza do imperialismo en Oriente Medio. Tamén, dun xeito máis próximo, entregouse a soberanía Saharauí á ditadura marroquí.



No seu momento, Exipto, Alxeria e Libia, a diferenza de Tunisia ou Bahrein, foron puntais do movemento de países non aliñados e contaban ou contan con dirixentes que, no formal, móstranse como continuadores dos procesos de liberación nacional (personificados en Nasser, Ben Bela e o propio Gadafi no seu momento). Estes países foron no seu día referentes do panarabismo e tiñan unha orientación socialista, polo menos no formal, que os puña no punto de mira das antigas potencias coloniais que se resistían a perder o control sobre unha zona de importancia xeopolítica enorme.



Os procesos de emancipación e liberación nacional nos países árabes do norte de África, caracterizados inicialmente pola súa firme oposición ao imperialismo, pero carentes dunha nítida posición socialista e dun contrapeso na esfera das relacións internacionais, como o foi no seu momento a URSS e o campo socialista, foron derivando, co paso do tempo, cara a posicións de conciliación coas potencias imperialistas, ben mudando de dirixentes, ben manténdose os mesmos, facendo uso dunha retórica antiimperialista que ocultaba o verdadeiramente esencial: os acordos económicos e políticos de carácter estratéxico co imperialismo que condenaban a estes países a manter o seu stataus colonial. Deste xeito, aos pobos do norte de África roubóuselles a oportunidade de construír un novo marco de relacións coas antigas potencias coloniais, abrindo paso novamente á penetración total dos intereses occidentais nos seus países e ao xurdimento dunha oligarquía ligada aos centros imperialistas e baseada na explotación das masas populares e o espolio dos recursos destes países. Agora, cando estalan todas as contradicións acumuladas, cando eses pobos, fartos de tanto sufrimento e tantas carencias, como consecuencia do desenvolvemento das forzas produtivas en colisión coas relacións de produción no proceso capitalista, mobilízanse para esixir cambios nas súas condicións de vida e os seus sistemas políticos, o imperialismo intervén decididamente, tratando de manipular estes procesos para reconvertelos nunha situación novamente controlable, que lle permita continuar o espolio dos seus recursos naturais, minerais e enerxéticos, utilizando para iso todas as medidas ao seu alcance.



Tal como comprobamos en Iraq, Afganistán ou a antiga Iugoslavia, por situar varios exemplos recentes, as tácticas do imperialismo son múltiples, polifacéticas e xogan con elementos formais desviando a atención das verdadeiras intencións. É necesario denunciar a hipocrisía interesada no tratamento do caso libio, o papel que está xogando o Consello de Seguridade da ONU e outros organismos internacionais, así como as insinuacións relativas a unha posible intervención estranxeira na zona. Igualmente, denunciamos o burdo intento de implicar repetidamente a Cuba e Venezuela na actual situación. Ao mesmo tempo, prodúcese un silencio absoluto acerca da represión existente noutros países como Marrocos.



Para o PCPE, o futuro destes pobos ten que ser un futuro libre da tutela e o manexo das potencias imperialistas sobre a zona.



O PCPE apoia aos pobos en loita e aquelas mobilizacións populares que avancen cara a procesos de soberanía nacional e que permitan o ascenso das forzas revolucionarias co obxectivo da construción da sociedade socialista-comunista.



O PCPE denuncia a posible intervención imperialista directa nestes países, ao mesmo tempo que condena sen paliativos todas as manobras que o imperialismo está desenvolvendo na zona.





Madrid, 27 de febreiro de 2011.