Están a aproveitar a crise do capitalismo para atacar os dereitos sociais, civís e laborais da
clase obreira; hoxe é máis necesaria que nunca unha política sindical á ofensiva que recupere
a iniciativa dos traballadores e traballadoras.
Tras máis de dúas décadas con perda constante de dereitos e de trasferencia de rendas
do traballo ás do capital, non debemos aceptar que a clase obreira sexa quen pague os
efectos da crise capitalista. Non temos por que pactar ningún recorte máis de dereitos,
nin asumir ningunha responsabilidade nunha crise da que nos somos responsables.
Traballo sen contrato, incumprimento de convenios, horas non pagas, destrución de emprego
con dereitos, embargos de vivendas, EREs e despedimentos inxustificados- esta é a realidade
que enfronta todos os días a clase obreira e en especial a mocidade, as mulleres e
os/as inmigrantes.
Nada bo pode ofrecernos o capitalismo neste momento.
Para saír da súa crise necesitan explotarnos e eliminar dereitos conquistados coa loita obreira.
Necesitamos unha acción sindical oposta ao pacto social que parta desta realidade e
non da procura da súa lexitimación social na calor dos despachos das institucións e a patronal. Agora é
momento de defendernos e non de pactar retrocesos. Non esquezamos que só na loita da clase obreira
está a súa forza.
A xestión que o goberno do PSOE está facendo da crise oriéntase exclusivamente a favorecer
os intereses da grande burguesía. 160.000 millóns de euros para a banca e migallas e subida
de impostos indirectos para unha clase traballadora con máis de 4.000.000 de parados/as e
cun 67% dos seus membros con ingresos inferiores aos 1.000 euros ao mes.
Agora da chistera da UE e do Tratado de Lisboa sacan a “flexiseguridade” e o “modelo alemán
de contrato”. Ningún sindicato pode aceptar un retroceso de dereitos para a clase traballadora
que inda porriba se subvencione cos nosos impostos.
Se o goberno lexisla contra os nosos dereitos, que non sexa co apoio dos sindicatos.
O pacto social vai contra os nosos intereses e é inaceptable que se pretenda asinar no nome
dos traballadores e traballadoras.
É necesario situar no horizonte próximo a convocatoria dunha Folga Xeral para elevar,
fronte ás agresións promovidas polo goberno e a patronal, a capacidade de organización e
resistencia da clase obreira.
Compañeiro/a, de nós/as depende que esta xornada de mobilización sindical sexa a antesala
dunha ofensiva da clase obreira na defensa dos seus dereitos, ou que se converta nunha
lombeirada ás direccións sindicais para pactar a paz social que tanto nos prexudica.
Se o capitalismo non ten nada positivo que ofrecernos,
loitemos polo socialismo. ¡Pola recuperación do sindicalismo de clase! ¡Contra o pacto social! ¡Cara á Folga Xeral! PCPE