CIG INFORMA (DE AVANTAR)
Uns mil traballadores e traballadoras da sanidade concentráronse esta tarde diante do Parlamento de Galiza, en Compostela, para protestar contra a suspensión dos acordos asinados en materia retributiva e sobre as condicións de traballo. Dende a CIG-Saúde esíxese o cumprimento íntegro dos acordos e dubídase das garantías que poida achegar a administración agora para aplicar a súa nova proposta.
Diante do inmobilismo da patronal e do éxito das tres primeiras xornadas de paros, os traballadores e as traballadoras das instalacións deportivas de Galiza decidiron ampliar a folga e estendela aos días 19, 20, 21 e 22 de decembro e do 16 ao 20 de xaneiro. Os paros serán indefinidos a partir do 1 de febreiro. A convocatoria xa foi rexistrada ante a Consellaría de Traballo.
Os traballadores das ambulancias de Emersan Galicia, que atende ao hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, veñen de iniciar unha folga indefinida para reclamar á empresa que cumpra o convenio e adopte medidas reais en materia de prevención de riscos e saúde laboral. A folga, que se está desenvolvendo sen incidentes, afecta ao servizo de transporte de doentes do hospital ferrolán.
GKN Drivelines, empresa de automoción situada na Zona Franca, presentou un ERE para o 2010 de 45 días en todo ano, de libre disposición para cando a empresa precise estes dias. No 2009, con outro ERE aínda vixente, estanse a facer horas extras e denuncian que os expedientes están a ser utilizados como “ferramenta de flexibilidade a cargo do erario público”. Este expediente de regulación afectaría a un total de 766 traballadores e traballadoras desta factoría.
O Comité de Empresa da Vidreira do Atlántico e a CIG veñen de denunciar á empresa diante da Inspección de Traballo por violar o dereito de información dos traballadores/as, xa que a dirección formulou a pasada semana demanda de concurso de acredores/as no xulgado, sen notificar tal decisión á parte social. O persoal e a CIG descoñecen cales son os motivos e os obxectivos que persigue a empresa con esta medida, aínda que sospeitan que se trata dunha manobra para a liquidación da sociedade e o cesamento de toda actividade empresarial.
CCOO INFORMA