A crise capitalista ten consecuencias especialmente graves para as traballadoras, ao agredirnos dobremente: como mulleres nunha sociedade patriarcal e como traballadoras nun sistema capitalista. Temos boas RAZÓNS PARA A FOLGA XERAL:
PLAN DE AXUSTE:
1.- Conxélase a lei de Dependencia e nós somos as máis afectadas porque estamos resolvendo de forma persoal a tarefa, que debese ser social, de coidar das persoas dependentes.
2.- Retírase a axuda á natalidade que percibimos as mulleres.
3.- Rebáixanse as pensións. Nós somos as máis prexudicadas ao ter as pensións máis baixas por dedicarnos ao traballo familiar.
4.- Cando nos xubilamos, criamos aos nosos netos e netas para que as nosas fillas poidan competir no mercado laboral.
5.- Redúcese os salarios do sector público, sector feminizado porque o emprego nas Administracións permite conciliar a vida familiar e laboral.
REFORMA LABORAL e REFORMA DAS PENSIÓNS:
1.- A reforma laboral reduce os salarios, aumenta a eventualidade e a precariedade, abarata os despedimentos (medrará o paro), aumenta a idade de xubilación, debilita a negociación colectiva e deixa o mercado de traballo peor regulado.
2.- As traballadoras quedamos máis indefensas porque estamos peor organizadas nos sindicatos e temos menos forza para esixir as nosas reivindicacións.
3.- As medidas de axuste golpéannos máis duramente porque temos salarios máis baixos, taxa de paro máis alta, maior temporalidade e a maioría dos contratos a tempo parcial.
4.- A mobilidade xeográfica e os cambios de horarios unilaterais non son asumibles para a maioría das mulleres, ao ser incompatibles coas responsabilidades familiares.
5.- As traballadoras do servizo doméstico continuarán fóra do Estatuto dos Traballadores, nun réxime especial de illamento e maior vulnerabilidade aos caprichos da parte contratante.
6.- Ao ampliar o período de cálculo das pensións de 15 a 20 anos, as mulleres saímos peor paradas porque estamos no mercado laboral en situación de interinidade, entrando e saíndo para criar fillos e fillas primeiro, e coidar das persoas maiores despois, o que dificulta a promoción profesional e mantennos en postos non especializados e peor pagos.
7.- Os nosos salarios son un trinta e pico por cento máis baixos ao longo de toda a vida laboral, xa que logo tamén na xubilación estamos discriminadas.
Todo isto non sucede por casualidade, así é como nos obrigan a conciliar o emprego e a vida persoal, así é como o mercado laboral trata ás mulleres para que os empresarios en particular e a sociedade patriarcal en xeral se beneficien do traballo gratuíto, invisible e desprezado que nós realizamos no ámbito familiar; e para condenarnos á precariedade e explotación no ámbito laboral.
CRISE CAPITALISTA:
1.- A redución do gasto público traducirase en novas privatizacións en sanidade, medicamentos, estudos, garderías, comedores, residencias de maiores e asistencia social, que sufriremos directamente as mulleres porque asumimos maioritariamente as tarefas que antes proporcionaba o estado.
2.- A subida das subministracións, a carestía da vida, os embargos e os desafiuzamentos, resultan aínda máis estresantes para as mulleres porque somos as xestoras do orzamento familiar e a economía doméstica.
3.- A violencia patriarcal é inmune ás leis do goberno, os Xulgados especiais non resolven o problema e prexudican a imaxe da muller, acusándonos agora de mentiras e denuncias falsas.
4.- A violencia aumenta coa crise, porque a pobreza, o medo ao paro e os valores agresivos, individualistas e competitivos imperantes na sociedade capitalista agudizan as relacións de poder patriarcal.
QUE DEBEMOS FACER AS TRABALLADORAS?
Nós, as traballadoras, debemos tomar conciencia de que a crise castíganos por partida dobre, por ser traballadoras e por ser mulleres nunha sociedade capitalista e patriarcal. Sabemos que a solución non pode vir duns gobernos que están aí precisamente para defender os beneficios da banca e o capital. A solución é organizar a sociedade de forma socialista, para que o benestar colectivo sexa a máxima prioridade política.
A FOLGA XERAL é o primeiro paso nun camiño que se fai ao andar. Se deixamos que sexa o capitalismo o que dirixa a sociedade, avanzamos vertixinosamente cara á barbarie, as crises periódicas, a pobreza, a miseria e a desigualdade social, o colapso ecolóxico, as guerras imperialistas, as fames negras e secas, as mulleres soportando malleiras, agresións sexuais, dobre xornada laboral, non chegar a fin de mes, paradas de longa duración, precariedade laboral, os bancos levándose o piso...Pero podemos elixir o outro camiño: o que nos leva ao socialismo e á derrota do patriarcado, empezando pola folga xeral.
¡¡O 29 DE SETEMBRO,
NÓS, AS TRABALLADORAS,
Á FOLGA XERAL!!