Comisión de Movemento Obreiro e Sindical
Partido Comunista dos Pobos de España
A minería do carbón é un sector estratéxico que debemos defender
Para o PCPE a cuestión da loita polo mantemento da actividade da minería do carbón adquire múltiples dimensións e afástase claramente das malintencionadas opinións sobre a sua posible non viabilidade económica ou suposta maior achega ao chamado cambio climático.
Aínda que é certo que algunhas das variedades da nosa produción presentan un maior contido de xofre en composición, tamén é certo que existen tecnoloxías que asimilan e case que igualan os seus efectos contaminantes ás doutras variedades de carbón, sen esquecer que a xeración térmica é infinitamente menos perigosa que a nuclear e a súa flexibilidade á hora de atender picos de demanda eléctrica fana idónea para unha porcentaxe substancial da produción enerxética total.
Doutra banda non podemos esquecer tampouco as necesidades de carbón, que van en aumento para os usos chamados "limpos" diferentes aos da sua queima para produción enerxética ou de participación na metalurxia.
Por iso desde o convencemento da necesidade do carbón e no marco dunha crise capitalista mundial que se desenvolve tamén de forma moi importante no sector enerxético, consideramos suicida para a independencia de calquera estado o dilapidar as fontes propias de produción enerxética, ou deixalas en mans do capital privado. Por iso denunciamos que ao longo dos sucesivos gobernos da burguesía estase entregando a independencia enerxética á lóxica da competitividade no mercado e aos intereses das grandes corporacións enerxéticas, petrolíferas e eléctricas.
Para o PCPE a minería do carbón é un sector estratéxico que debemos defender custe o que custe, pero tamén e non menos importante están as necesidades dos propios mineiros con cuxas loitas solidarizámonos á vez que denunciamos o secuestro dos salarios dos que viven centos de familias. Secuestro perpetrado por unha patronal privada carboeira que actúa como unha auténtica mafia.
Baste recordar que aínda non terminaron de quitarse de enriba e aclararse as acusacións de fraude pola introdución de carbón de importación coma se fose carbón producido en España e polo tanto subvencionado, armazón mafioso da minería privada coa que máis dun partido político estívose financiando.
A loita que hoxe se libra é polo futuro de todo un sector produtivo, que a pesar das sucesivas reconversións pactadas ao ditado da Unión Europea, aínda dá traballo a miles de persoas. Nós, os homes e mulleres do PCPE loitaremos por iso e non deixaremos de denunciar a unha patronal terrorista que xoga co sustento de centos de familias que nada lle importan, demostrándose unha vez máis que os intereses da burguesía e os dos traballadores son incompatibles.
Non se sairá da crise nunhas condicións favorables para a clase obreira deixando que nos impoñan peches de explotacións e destrución en xeral da capacidade produtiva. Por iso esta loita debe sumarse ás demais loitas cara á folga xeral.
POLA NACIONALIZACIÓN DE TODOS OS SECTORES ESTRATÉXICOS
POLA SOBERANÍA ENERXÉTICA
SOLIDARIEDADE DE CLASE COAS LOITAS MINEIRAS DO CARBÓN
O 29-S FOLGA XERAL