ASINA E DIFUNDE: NON AO XUIZO CONTRA TRES MILITANTES COMUNISTAS

http://www.pcpe.es/formulario2010/index.php ------------------------------------------------------- detailpage

quinta-feira, 30 de outubro de 2008

de VERBO XIDO


Dende a ponte de Santo Antonio, sobre o río do Castro, e a nivel da capela de santo Antonio, gallaba un camiño enlousado, CAMIÑOS DE CARRO, camiños principais: un ascendía, á dereita, cara a aldea de Lourido (costa do Salgheiral); outro, á esquerda, atravesaba a aldea da Revolta. Tras a Revolta, á altura das Lameiras, ao pé do carballo centenario, este camiño deixaba de estar enlousado, de aí o topónimo Lameiras –cando chovía o dito camiño enlamaba–. Tras as Lameiras, onde se localizaba o antigo campo da festa do san Salvador, o camiño gallaba. Ambos os dous gallos volvían estar enlousados. Un daba servizo aos veciños do alto do lugar de Cavenca. O outro entraba na aldea de Cavenca á altura do pazo, e enlousado baixaba até o río do Seixo (Portamuíños). Este camiño era o empregado polos veciños de Cavenca cando necesitaban achegarse a Cerdedo facendo uso do carro, atravesando a aldea da Revolta, e atravesando o río do Castro pola ponte de Santo Antonio.

O concello defende que a Torrente sexa unha calzada romana e nega que unha das súas pólas, hoxe baixo o asfalto da estrada de Limeres, sexa medieval. Todo un contrasentido...

Bouza Brey documentou a existencia dunha ara romana en Cavenca, dedicada ao culto dos Lares Viales, divindades dos camiños, reutilizada na reconstrución da capela de Cavenca. O camiño xa non sería medieval senón romano. Se quixesen promocionar os valores culturais da parroquia así o defenderían. Outros defenden, con máis éxito, o monstro do Lago Ness. Prefiren botar lixo por riba de Cerdedo antes de darlle a razón a Verbo Xido.

A ponte que dende tempos inmemoriais puxo en comunicación Cerdedo coa parroquia é a ponte de Santo Antonio. Todas as outras pontes son posteriores. No tempo de Sarmiento, a capela de Santo Antonio achábase río abaixo.

O camiño do que fala o Sr. Balseiros era un CAMIÑO DE PÉS, un atallo, que comunicaba a ponte de Santo Antonio coa aldea de Cavenca, sen pasar pola Revolta, que desapareceu, ou foi solapado, co parcelamento.

O trazado da ruta frei Martín Sarmiento Revolta-Cavenca (PGR-69), véxase a internet, coincide co treito asoballado polo Concello e homologado por eles. Para iso pintaron as marcas características, brancas e amarelas, nas pedras dos valos ( = ) e por iso colocaron os sinaladores de rota (postes de madeira). O da rota alternativa, por se se innunda a rota “auténtica”, é unha vulgar ocorrencia que retrata os responsables de cultura do Concello: Non saben, non queren saber e non queren que os demais saiban. Antes mentir que darlle a razón a quen sempre os deixa en evidencia.

Balseiros di que o camiño de pés pola beira do río foi o camiño que seguiu Sarmento. Convidámolo a que o demostre, a que achegue algún texto ou documento que o probe.

Aínda que o camiño Revolta-Cavenca non fose a rota seguida polo frade no seu paseo dende Limeres até Cavenca en 1710, estremo que non dubidamos por ser este o camiño principal, o camiño vello (é dicir, existente no século XVIII), a alternativa de Verbo Xido (e a do Concello xa que a sinalou como tal) é a máis lóxica e recomendable, pois, sen abandonar a verea medieval, amosa ao camiñante os valores arquitéctonicos da aldea da Revolta e a fermosísima, até hai uns días, paraxe das Lameiras.

Esta pexegada ten orixe na usurpación da rota deseñada por Verbo Xido por parte do Concello. É dicir, na viaxe de Sarmento a Madrid de 1710, cando se vai facer freire, camiña de Pedre a Limeres e de Limeres a Cavenca. Seguindo os estudos de Carlos Solla, e atendendo á xerarquía de camiños, levamos ao frade polo camiño histórico, o enlousado, o principal, o lóxico (o libre de innundacións, se acreditamos ao “experto” Alcalde Balseiros). Na viaxe de 1745, Sarmento non foi por Revolta nin por Cavenca, foi por Cerdedo, atravesando o río do Castro pola ponte de Santo Antonio e despois por Piñoa. Cando Balseiros di que o noso camiño non é o camiño, en que se basea? Sabe “O Alcalde” que o noso roteiro, por eles apropiado, esta baseado en dúas viaxes? Leu algunha vez a Sarmento? Leu algunha vez?

As obras executadas polo Concello, anchearon groseiramente un antiquísimo vieiro enlousado caracterizado pola presenza de antigos valos de pedra e flora autóctona e consolidado por Verbo Xido, pais da criatura, como a única oferta turística atractiva e de calidade da zona, xunto co roteiro da Montaña Máxica, ignorada polo Concello, e a irresponsablemente abandonada “Pontes do Lérez”. A pedra dos valos foi absurdamente soterrada nas leiras próximas.

E, finalmente, se o camiño da Revolta a Cavenca non tivese nada que ver co periplo de Sarmento, se Sarmento fose marciano ou non tivese nada con Cerdedo, o simple feito de “dar servizo aos veciños” (que xa o teñen por outro vial) non implica desfigurar a fasquía orixinal dunha vella corredoira, enlousada, acompañada de carballos e acivos e acoutada por valos de pedra. Hai xeitos mellores de acondicionar un recanto singular sen recorrer sempre ao chapapote e ao formigón (véxase a aldea de Pedre), por moito que contente a uns poucos veciños de acomplexado sentir urbanita e isto garanta uns míseros votos. De actuarmos deste xeito, se nun futuro derrubar a igrexa parroquial de Cerdedo supón carrexar votos, o Concello de Cerdedo non dubidará en botala abaixo.

En Cerdedo, a 28/10/2008

Asociación Ecoloxista e Cultural “Verbo Xido”