ASINA E DIFUNDE: NON AO XUIZO CONTRA TRES MILITANTES COMUNISTAS

http://www.pcpe.es/formulario2010/index.php ------------------------------------------------------- detailpage

quinta-feira, 2 de julho de 2009

Estrasburgo, o retrato dunha Europa reaccionaria

A decisión do Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos de Estrasburgo de apoiar a chamada Lei de Partidos e as consecuentes e sucesivas ilegalizacións sufridas pola Esquerda Abertzale nos últimos anos supón unha lombeirada política de primeira magnitude á política antidemocrática acordada por PP e PSOE no chamado Pacto Antiterrorista; de aí a indisimulada satisfacción expresada por ambos partidos políticos. Con todo para os e as comunistas, esta decisión "xurídica" non fai senón mostrar a todos os demócratas e progresistas europeos a realidade política desta Europa do capital e do imperialismo.

Hai poucas semanas, durante a campaña electoral ao Parlamento Europeo desde o PCPE xa diciamos que a nosa candidatura confrontaba o proxecto europeo imperialista ao mesmo tempo que cualificabamos á Unión Europea (e polo tanto aos seus instrumentos xurídicos) como imperialista e instrumento sen reforma posible. Os e as comunistas presentámonos para denunciar o carácter antidemocrático, capitalista e imperialista da Unión Europea á vez que reivindicabamos o Socialismo como única vía de solución para os graves problemas políticos, sociais e económicos que sofre a clase traballadora europea.

Estas palabras, ditas apenas fai unhas semanas, poderían repetirse de forma case literal ante un feito de transcendencia política como é o aval xurídico á estratexia de represión e degradación democrática que supuxo a implantación e posterior posta en práctica da Lei de Partidos, lei que non podemos esquecer redactouse ad hoc co único obxectivo de deixar fora do xogo político e da realidade institucional - eles chámanlle "fóra da legalidade"- á esquerda Abertzale.

A Lei de Partidos foi un instrumento que xurdiu para contestar desde a suposta legalidade a unha realidade social que lograba unha vez si e outra tamén respaldo popular e acadaba distinta representación institucional en todas as contendas electorais. Malia os discursos grandilocuentes onde se afirmaba unha vez tras outra o final do mal chamado "problema vasco" PP e PSOE atopábanse coa terca disposición de miles de vascas e vascos a seguir pensando en clave independentista e socialista. Cando en momentos de tregua esta Esquerda Abertzale se colocou preto da xestión institucional, o que é o mesmo que dicir preto de romper o status quo implantado polos grandes partidos do Estado máis PNV e UPN, polo cal garantíase tanto a "gobernabilidade" das comunidades autónomas do País Vasco e Nafarroa como o equilibrio mesmo do estado, este respondeu dando un salto adiante na fascistización dos distintos poderes, procedendo a ilegalizar, deter, encarcerar e reprimir.

Polo tanto, ante o feito de non poder derrotar á realidade política e social independentista e de esquerdas estes partidos decidiron -ao máis puro estilo do apartheid surafricano- relegar a esas miles de persoas e vivir coma se non existisen. Esta situación, profundamente reaccionaria e antidemocrática, foi avalada polo Tribunal de Estrasburgo. A Unión Europea retratouse a si mesma, avalando a política represiva do Estado español e, en última instancia, preferindo mirar máis pola súa seguridade interna antes que defender os dereitos humanos de miles de cidadáns e cidadás.

Esta decisión é histórica porque avala a represión desde a democracia burguesa. Mentres a extrema dereita campa ás súas anchas en Europa, mentres os xenófobos, racistas, reaccionarios e capitalistas acadan cada vez maiores cotas de poder ante o silencio cómplice de moitos, a esquerda é perseguida sen miramiento algún. Os casos da República Checa, de Turquía, de Hungría, das repúblicas bálticas- onde os comunistas e progresistas son perseguidos- , poden ter e usar de aquí en diante o aval que este tribunal deu á persecución, detención e encarceramento de dirixentes políticos cuxo único delito foi -convén non esquecelo- esixir o dereito de autodeterminación para o Pobo Vasco e a necesidade do diálogo para afrontar sinceramente a solución dun conflito armado que dura xa demasiado.

Con esta decisión Estrasburgo aposta pola represión e iso levará maiores dificultades para solucionar o conflito político. É máis, a actitude do goberno Zapatero coa lista Iniciativa Internacionalista no último proceso electoral advírtenos que a aplicación da Lei de Partidos está disposta a traspasar as fronteiras de Euskal Herria e do Estado español para poder criminalizar e golpear a todas aquelas persoas solidarias, progresistas e/ou revolucionarias que discrepen do actual estado das cousas.

Esta decisión antidemocrática supón unha lombeirada ás tentacións máis reaccionarias que PP e PSOE poidan ter. A pesar do uso abusivo de termos como "estado de dereito", "liberdade política" ou "igualdade de oportunidades" o proceso de degradación política que se está a dar no Estado español fainos presumir que deica pouco, aqueles que reivindicamos a república, que defendemos o dereito de autodeterminación do Pobo Vasco e de todos os pobos do Estado e de Europa, que todos aqueles que defendemos sen ambaxes o socialismo podemos ser próximos obxectivos dun Estado cada vez máis cego na súa carreira represora.

Esta decisión político-xudicial non afecta exclusivamente á esquerda Abertzale. É certo que ela é a primeira afectada porque os seus dirixentes seguirán no cárcere, seguirán sen poder presentarse ás eleccións e os seus militantes poderán ser detidos exclusivamente polo seu quefacer político. Pero a afección desta decisión vai máis lonxe porque pon no punto de mira a todos os contestatarios, a todos aqueles que loitamos, que nos comprometemos por unha realidade política diferente.

Da mesma forma que o capitalismo non se pode nin se debe refundar porque na súa mesma razón de ser áchanse os problemas que xera e que padece a clase traballadora e os Pobos e Nacións do mundo, a "democracia" da Unión Europea (esa "democracia" que acolle a personaxes como Berlusconni, Sarkozy, Merkel, Kaczynski e compañía) non se pode nin se debe rexenerar. Fainos falta unha democracia socialista que faga fronte ao racismo e á exclusión, que defenda a liberdade dos pobos e a liberdade dos traballadores, que loite con políticas sociais reais fronte ao paro, a miseria e a explotación.

O Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo só conseguiu dous obxectivos con esta sentenza: primeiro, pór un obstáculo importante á instauración da democracia en Euskal Herria e en segundo lugar mostrarnos en toda a súa crueza a consideración que se ten dos Dereitos Humanos nesta Europa. Se cercena a participación política, se coarta a liberdade de expresión, consolídanse penas de cárcere inxustas, anímase á persecución de disidentes; en definitiva, consolídase un fascismo ao que ninguén, en Euskal Herria, nos demais pobos e nacións do Estado español e en todas as nacións europeas pode dar as costas.


Enrique Bert e Pablo Lorente son militantes do EK-PCPE