ASINA E DIFUNDE: NON AO XUIZO CONTRA TRES MILITANTES COMUNISTAS

http://www.pcpe.es/formulario2010/index.php ------------------------------------------------------- detailpage

segunda-feira, 11 de abril de 2011

POLA REPÚBLICA SOCIALISTA



POLA REPÚBLICA SOCIALISTA

POLA FRONTE OBREIRA E POPULAR

PARTIDO COMUNISTA DOS POBOS DE ESPAÑA



Este 14 de abril de 2011 conmemórase o oitenta aniversario da proclamación da II República, experiencia histórica que espertou enormes expectativas na clase obreira e nos sectores populares, e que contou cun inmenso apoio de masas desbordando as estruturas de represión dos estamentos máis reaccionarios da sociedade española, e abrindo un proceso de cambio social e político que fora demandado durante un longo período pola clase obreira e outros sectores populares. A oligarquía respondeu a este avance das posicións do pobo co golpe de estado de Franco, como avanzada da deriva fascista do capitalismo europeo. O capital financeiro, a oligarquía terratenente e a igrexa católica, foron aliados que xogaron un papel protagonista na conspiración, na guerra e na mesma ditadura fascista imposta durante longas décadas.



Aquel período histórico saldouse coa chamada "transición política", que permitiu -coa colaboración do reformismo e da organización eurocomunista- que o bloque histórico dominante recompuxese a súa posición de dominación absoluta, sen pagar ningún prezo pola súa criminal acción contra as lexítimas aspiracións do pobo español durante ese período histórico. A restauración monárquica configurou unha forma de estado que permitiu ao capitalismo español a súa inserción na cadea imperialista nunha posición vantaxosa. Para iso foi necesario obter a colaboración non só das organizacións políticas que se reclamaban da clase obreira senón tamén das principais organizacións sindicais, que nestas décadas xogaron un papel imprescindible para maniatar a loita da clase obreira deste país.



Transcorridos oitenta anos o capitalismo español entrou nunha fase superior, de inserción no capitalismo internacional e de adaptación da súa superestructura política ás necesidades da actual forma da ditadura do capital, que é a monarquía parlamentaria. A crise estrutural do capitalismo internacional, que impón violentamente todo tipo de medidas para aumentar a taxa de explotación da clase obreira, non fai máis que confirmar esta análise, que está levando á clase obreira a retrocesos históricos e a unha perda xeneralizada das súas conquistas e das súas condicións de vida.



Hoxe a cuestión da República plantéxase, xa que logo, noutras coordenadas políticas. Finalizou, fai tempo, a etapa na que fraccións do bloque dominante podían transitar algún camiño de avance democrático xunto a sectores do pobo. Hoxe non podemos crear a ilusión de que é posible abrir un período de transición entre a actual monarquía parlamentaria e a sociedade socialista. A república que ha de vir é a república socialista, é dicir, é o cambio na forma de estado que se ha de dar no proceso da revolución socialista no noso país e da toma do poder pola clase obreira.



O PCPE traballa pola creación dunha Fronte Obreira e Popular polo Socialismo. Unha Fronte sustentada nunha alianza daqueles sectores máis avanzados da clase obreira -organizados no Partido Comunista- con outros sectores sociais explotados e oprimidos polo capitalismo español. Unha Fronte concibida como "alianza revolucionaria de todos os explotados e todas as explotadas". Nesa liña estratéxica o PCPE traballará por concretar esa política de alianzas con organizacións sindicais, políticas, de mulleres, xuvenís, culturais, etc., en función da composición de clase das mesmas, e non como un conglomerado de siglas alleo ás condicións concretas do desenvolvemento da loita de clases no noso país.



Un amplo movemento republicano, sustentado nestas claves políticas, debe traballar participando nas loitas diarias da clase obreira e dos pobos do estado para converter o obxectivo da república socialista nunha aspiración impulsada polos sectores máis combativos do pobo traballador, e apoiada polas máis amplas masas nunha estratexia de acumulación de forzas que á vez que acurrala á monarquía borbónica traballa pola revolución socialista neste país.



Este 14 de abril, esixindo memoria, xustiza e reparación; e loitando pola república socialista que dará resposta política ao dereito de autodeterminación de pobos e nacións e que iniciará a etapa histórica do poder obreiro en España, o PCPE sumará as súas forzas con todas as mobilizacións que se convoquen neste aniversario histórico.





POLA REPÚBLICA SOCIALISTA DE CARACTER CONFEDERAL
AUTODETERMINACIÓN
POLA UNIDADE DA CLASE OBREIRA
























sexta-feira, 8 de abril de 2011

14 de Abril. A TERCEIRA REPÚBLICA, NO CAMIÑO DA NOSA LIBERACIÓN COMO CLASE E COMO POBO



Para o PCPE o 80 Aniversario da II República non é unha data de conmemoración, nesta data os e as comunistas non nos limitamos a esixir a recuperación da memoria republicana ou a defender tímidamente "un pouco máis" de democracia e de xustiza social. Ningunha mellora nos será dada desde o bloque oligarquico dominante,

Para nós, a República non pode ser plantexada como unha reivindicación democrática xeral, xa que a dominación capitalista é perfectamente compatible e asumible cun réxime republicano. En todo o mundo capitalista, reximes indistintamente monárquicos e republicano-burgueses están a xestionar os intereses do gran capital, a cargar a súa crise, a do sistema capitalista, sobre as costas dos traballadores e as traballadoras; a poñer ao planeta ao borde do desastre nuclear; a desatar guerras imperialistas contra os pobos para roubarlles os seus recursos naturais e convertir os seus países en bases militares do imperialismo.

A oligarquía dominante pode moi ben seguir a explotarnos e someternos facendo uso das ferramentas institucionais da república burguesa; igual que o fixo coas da Monarquía parlamentaria herdeira do franquismo e apontoada polo reformismo "de esquerdas".

O noso proxecto de Terceira República, así como o noso proxecto de autodeterminación como pobo, están estreitamente asociados á loita da clase obreira contra a dictadura do capital. Non haberá máis que unha República , a Socialista, que na práctica sirva de garantía ao exercicio dos nosos dereitos democráticos, non haberá transformación democrática de clase algunha sen a clase obreira no poder.

Só o socialismo será capaz de ofrecer a autodeterminación ao noso pobo e á liberación á nosa clase do xugo capitalista.

A Segunda República foi un período de grandes esperanzas para os traballadores galegos.
Tócanos a nós como futuro da clase obreira reflexionar sobre o legado que nos queren e queremos deixar como Partido Comunista . Rememorar aquela época sérvenos como referente. Non como copia senón como inspiración, non como nostalxia senón como impulso para loitas vindeiras.



Pola III República, polo Socialismo
Organízate e loita
co Partido Comunista

sexta-feira, 18 de março de 2011

DECLARACIÓN C.E. DO PCPE SOBRE A INTERVENCIÓN MILITAR EN LIBIA




O Comité Executivo do PCPE, ante a aprobación por parte do Consello de Seguridade da ONU da zona de exclusión aérea sobre Libia, quere manifestar o seguinte:



Denunciamos o papel do Consello de Seguridade, unha vez máis a ONU actúa como instrumento de legitimación das políticas imperialistas, aprobando a adopción de medidas que suporán un verdadeiro xenocidio do pobo libio. Igual que ocorreu na antiga Iugoslavia, en Iraq ou en Afganistán, os peóns das potencias imperialistas escúdanse, previa unha campaña brutal de intoxicación informativa, en supostas "misións humanitarias" para proceder á invasión de países e eliminación de gobernos que, por diversas circunstancias consideran molestos, mesmo, como é o caso de Libia, tendo sido este ata fai ben pouco aliado imprescindible do imperialismo europeo e as súas multinacionais na zona.



Detrás da creación dun espazo de exclusión aérea escóndese a vontade de destruír as capacidades militares, pero sobre todo produtivas, de Libia, co obxectivo de condenar á poboación do país a un período de escaseza, fame e miseria que facilite a ulterior entrada de forzas de ocupación estranxeiras, tal como ocorreu en Iraq no período entre as dúas guerras que sufriu o país árabe.



Denunciamos especificamente o papel xogado polas antigas potencias coloniais en África e Oriente Medio, con Francia á cabeza, que non dubidan en manobrar con tal de garantir os seus intereses xeoestratéxicos, aínda que iso supoña a morte e o xenocidio de poboacións enteiras, tal como ocorreu en Ruanda no seu día.



Denunciamos igualmente o papel de Rusia, China, Brasil e India no Consello de Seguridade. A súa abstención á hora de votar unha intervención militar imperialista revela o seu verdadeiro carácter de aliados das potencias imperialistas occidentais.



Esta intervención é a expresión extrema da violencia estrutural con que, un sistema senil como o imperialismo, responde ante calquera conflito. A guerra e a violencia estatal sen límites posta a disposición das clases dominantes para asegurarlles a explotación da clase traballadora e o espolio dos recursos naturais





O PCPE considera que non existen posicións intermedias en momentos como este en o que o imperialismo desprega as súas garras impunemente e condena á morte e á miseria ao pobo libio. Ao mesmo tempo, denunciamos sen paliativos o papel da esquerda reformista que segue dando exemplos da súa falta de discurso, do seu servilismo e o seu sometemento aos plans do imperialismo cando non denuncia sen fisuras a intervención militar imperialista, en Libia ou en calquera outro país. Lamentamos que a incapacidade de articulación dun pensamento autónomo por parte das organizacións autodenominadas de esquerda acabe servindo para xustificar o xenocidio e compartir obxectivos coas potencias imperialistas.



¡ALTO Á INTERVENCIÓN IMPERIALISTA EN LIBIA!



Comité Executivo do PCPE

Madrid, 18 de marzo de 2011


















quarta-feira, 9 de março de 2011

FORA O IMPERIALISMO DO CONTINENTE AFRICANO!!

terça-feira, 8 de março de 2011

10 DE MARZO - DÍA DA CLASE OBREIRA GALEGA




O 10 de Marzo de 1972 os loitadores e obreiros do Naval Amador e Daniel caían segados pola represión policial do franquismo e o capital. Estaban a loitar polos dereitos dos traballadores a un traballo digno e polas liberdades políticas e sindicais. Ao mesmo tempo, varias ducias de compañeiros caían feridos. Aqueles acontecementos foron acompañados pola solidariedade do proletariado e o pobo de Ferrol, e do conxunto da clase obreira galega.



39 anos despois, unha tremenda crise estructural sacude ao modelo de acumulación capitalista. O sistema e os seus xestores responden a esta crise recortando máis dereitos, recrudecendo a sobreexplotación da forza de traballo. Negan o dereito á negociación colectiva dos convenios, e precarizan ata o límite as condicións de traballo.



En suma, endurecen os mecanismos da dictadura do capital para acadar a saída a crise que eles queren: maniatar con cadeas e ferrollos a resposta obreira para reducirnos á escravitude.

O roubo masivo de vivendas a través da banca e a privatización dos servizos públicos básicos configuran un escenario que, (tendo en conta a crecente persecución patronal e institucional contra toda forma de resposta organizada) esíxenos a UNIDADE OBREIRA.



Unidade Obreira contra os ataques das políticas antiobreiras e antipopulares do goberno e a patronal e da Unión Europea monopolista.



UNIDADE OBREIRA contra o Pacto social, a traizón sindical, a entrega e a derrota.



UNIDADE OBREIRA porriba de siglas sindicais.



Estas obrigas véñennos impostas como o legado que teremos que recoller dos mártires do 10 de Marzo, e como unha necesidade de organizar a resistencia da clase obreira e os sectores populares, e o avance das súas posicións cunha mobilización sostida frente aos plans da patronal e dos gobernos capitalistas. Unha mobilización sostida que faga posible a resolución dos grandes problemas da inmensa maioría social, co remate da explotación e a Revolución Socialista.



Amador e Daniel, Presentes

Pola Unidade e a Loita Obreira contra o Capitalismo

Polo Socialismo e o Comunismo



terça-feira, 1 de março de 2011

Sobre as mobilizacións nos países árabes e as manobras do imperialismo

Resolución do CC do PCPE





Nas últimas semanas, a sucesión de acontecementos no norte de África e Oriente Medio creou un enorme interese na esfera internacional. A partir das mobilizacións populares que se produciron en Tunisia en decembro e xaneiro, que supuxeron a deposición de Ben Ali, e os acontecementos posteriores en Exipto que desembocaron na saída do poder de Mubarak, séguense a producir mobilizacións en países como Bahrein, Iemen, Libia, Iraq, Marrocos ou Alxeria, onde se está presionando fortemente en demanda de cambios políticos que afectan a aspectos diferentes como esixencias democráticas básicas, liberación de presos políticos ou cumprimento de leis aprobadas.



De face á opinión pública internacional, preséntanse os feitos como unha sucesión encadeada de acontecementos, mencionando repetidamente o termo "revolución" para referirse a eles e expondo un esquema común que ignora as diferentes características dos diferentes procesos.



A situación actual nesta área xeopolítica é resultado da permanente inxerencia do imperialismo, dos procesos de descolonización formais, das políticas neocoloniais das anteriores metrópolis e da loita entre as potencias imperialistas por conquistar esferas de influencia. Durante décadas e ata a súa saída do poder, Ben Ali e Mubarak foron peóns do imperialismo favorecidos e protexidos polos países do capitalismo central, onde a fracción socialdemócrata da burguesía chegou a aceptalos como membros de pleno dereito da Internacional Socialista.



A intervención das potencias imperialistas nestes países, durante o pasado século, desenvolveuse dunha forma activa para impedir o desenvolvemento social e económico de ningún deles. Cando, a mediados do século XX, logo da Conferencia de Bandung, e o nacemento do Movemento de Países Non Aliñados, en moitos dos países da zona -e ligados en moitos casos aos procesos independentistas- xurdiron toda unha serie de opcións políticas de carácter progresista, cando non de orientación socialista, estes foron acosados con saña polas forzas imperialistas, o que se traduciu en golpes de estado, asasinatos, guerras civís, falsas guerrillas, etc. Así se produciron os asasinatos de Patricio Lumumba (Congo), Thomás Sankara (Burkina Faso) ou Amílcar Cabral (Guinea Bissau). Igualmente financiouse e mantivose durante anos a guerrilla da UNITA en Angola ou o movemento separatista de Katanga. Igualmente apontoouse a Israel como punta de lanza do imperialismo en Oriente Medio. Tamén, dun xeito máis próximo, entregouse a soberanía Saharauí á ditadura marroquí.



No seu momento, Exipto, Alxeria e Libia, a diferenza de Tunisia ou Bahrein, foron puntais do movemento de países non aliñados e contaban ou contan con dirixentes que, no formal, móstranse como continuadores dos procesos de liberación nacional (personificados en Nasser, Ben Bela e o propio Gadafi no seu momento). Estes países foron no seu día referentes do panarabismo e tiñan unha orientación socialista, polo menos no formal, que os puña no punto de mira das antigas potencias coloniais que se resistían a perder o control sobre unha zona de importancia xeopolítica enorme.



Os procesos de emancipación e liberación nacional nos países árabes do norte de África, caracterizados inicialmente pola súa firme oposición ao imperialismo, pero carentes dunha nítida posición socialista e dun contrapeso na esfera das relacións internacionais, como o foi no seu momento a URSS e o campo socialista, foron derivando, co paso do tempo, cara a posicións de conciliación coas potencias imperialistas, ben mudando de dirixentes, ben manténdose os mesmos, facendo uso dunha retórica antiimperialista que ocultaba o verdadeiramente esencial: os acordos económicos e políticos de carácter estratéxico co imperialismo que condenaban a estes países a manter o seu stataus colonial. Deste xeito, aos pobos do norte de África roubóuselles a oportunidade de construír un novo marco de relacións coas antigas potencias coloniais, abrindo paso novamente á penetración total dos intereses occidentais nos seus países e ao xurdimento dunha oligarquía ligada aos centros imperialistas e baseada na explotación das masas populares e o espolio dos recursos destes países. Agora, cando estalan todas as contradicións acumuladas, cando eses pobos, fartos de tanto sufrimento e tantas carencias, como consecuencia do desenvolvemento das forzas produtivas en colisión coas relacións de produción no proceso capitalista, mobilízanse para esixir cambios nas súas condicións de vida e os seus sistemas políticos, o imperialismo intervén decididamente, tratando de manipular estes procesos para reconvertelos nunha situación novamente controlable, que lle permita continuar o espolio dos seus recursos naturais, minerais e enerxéticos, utilizando para iso todas as medidas ao seu alcance.



Tal como comprobamos en Iraq, Afganistán ou a antiga Iugoslavia, por situar varios exemplos recentes, as tácticas do imperialismo son múltiples, polifacéticas e xogan con elementos formais desviando a atención das verdadeiras intencións. É necesario denunciar a hipocrisía interesada no tratamento do caso libio, o papel que está xogando o Consello de Seguridade da ONU e outros organismos internacionais, así como as insinuacións relativas a unha posible intervención estranxeira na zona. Igualmente, denunciamos o burdo intento de implicar repetidamente a Cuba e Venezuela na actual situación. Ao mesmo tempo, prodúcese un silencio absoluto acerca da represión existente noutros países como Marrocos.



Para o PCPE, o futuro destes pobos ten que ser un futuro libre da tutela e o manexo das potencias imperialistas sobre a zona.



O PCPE apoia aos pobos en loita e aquelas mobilizacións populares que avancen cara a procesos de soberanía nacional e que permitan o ascenso das forzas revolucionarias co obxectivo da construción da sociedade socialista-comunista.



O PCPE denuncia a posible intervención imperialista directa nestes países, ao mesmo tempo que condena sen paliativos todas as manobras que o imperialismo está desenvolvendo na zona.





Madrid, 27 de febreiro de 2011.

8 de marzo: Contra do capitalismo e o patriarcado





CARA AO SOCIALISMO!




O capitalismo decadente, en descomposición e en crise estrutural golpea á clase obreira a través dos gobernos de turno, que actúan como os seus consellos de administración, e faino implementando medidas para tentar de non ver reducida a súa taxa de ganancia (privatizacións, recortes sociais, aumento da idade de xubilación, abaratamento do despido, subvención ás cotas empresariais de seguridade social, etc).

Estas medidas inciden especialmente sobre as traballadoras que, como elo máis feble da cadea produtiva, viven instaladas na desigualdade e na sobreexplotación do mercado laboral:

- Discriminación salarial, representada nun salario medio feminino inferior nun 22 % respecto do masculino, sendo dun 37% menos entre as mozas e chegando a ser dun 50% entre as inmigrantes.

- Acoso sexual.

- Son mulleres máis do 77% dos empregados a tempo parcial.

- Traballan na economía mergullada máis dun millón de mulleres no estado español.

- A taxa de ocupación feminina é do 52,60 %, e o paro sitúase xa no 20,79% sendo entre as mulleres inmigrantes do 29% e nas mozas do 61%.

Como o manda o patriarcado,
as mulleres aturamos o traballo doméstico, as tarefas reproductivas e as de coidados, caseque
en exclusivo. Así, ademais de estar a entrar e a sair continuamente do mercado laboral entre os 25 e os 44 anos para coidar dos fillos, o 85% das excedencias para coidar dos familiares son solicitadas por mulleres. Deste xeito, alónxase do noso horizonte conquerir unha pensión pública que poida garantirnos unha vellez digna, e non de exclusión e pobreza. Pensións ligadas á permanenza no mercado laboral dun xeito ininterrumpido, con carreiras longas e estabeis, confrontan de xeito drástico coa realidade laboral das mulleres.

De feito, malia as cacareadas leis conciliadoras, é imposíbel para nós compatibilizar emprego, coidados e xubilación.

O patriarcado, coa división sexual do traballo, invisibiliza socialmente o traballo doméstico e de coidados. Coa construción,cultural e social, de dous xéneros con roles diferentes, facilítase a consideración do xénero feminino como de categoría humana e laboral inferior. A presenza secundaria da muller no mercado de traballo e o papel asignado no marco da familia patriarcal, como reprodutora da forza de traballo,

coloca ás traballadoras nunha situación especial de opresión e de exclusión social e da dependencia económica do home.

As traballadoras aturamos as consecuencias máis duras que a crise capitalista impón ao conxunto da clase obreira

. A necesaria resposta que debemos articular co conxunto da clase é para nós un dobre esforzo; pois a dobre xornada para conciliar emprego e reposición da forza de traballo repercute negativamente na nosa capacidade de intervención nas loitas obreiras e populares,dificultando a nosa imprescindibel participación na batalla contra o capitalismo e contra o patriarcado.

A única vía para enfrontar a crise capitalista é a loita por un proxecto revolucionario comprometido coa emancipación das mulleres, capaz de integrar a loita xeral da clase obreira polo socialismo e a loita específica polo fin do patriarcado.

Partido Comunista dos Pobos de España

www.pcpe.es

Colectivos da Mocidade Comunista

www.cjc.es


































quinta-feira, 17 de fevereiro de 2011

SOLIDARIEDADE COA COMPAÑEIRA LEYLA



DECLARACIÓN DO COMITÉ EXECUTIVO DO PCPE



O Comité Executivo do PCPE, tendo coñecemento da detención en Madrid da compañeira colombiana

Leyla O., por parte da policía española, atendendo unha suposta orde de extradición do goberno

colombiano, quere expresar o seguinte:

1-Denunciamos a detención dunha compañeira que se atopa en España co status de refuxiada política

recoñecido pola ONU, que se atopa no noso país porque no seu é perseguida por un estado terrorista

que silencia mediante torturas e asasinatos aos defensores dos dereitos humanos e a quen loitan por

un sistema de liberdade e xustiza social, moi particularmente, aos e ás comunistas.

2-Denunciamos que a detención vén acompañada dunha campaña de intoxicación informativa, onde

se presenta á compañeira como pertencente ás Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia

-organización arbitrariamente incluída na lista de organizacións terroristas da UE-, sen que ao parecer

haxa lugar no seu caso para a presunción de inocencia. Os medios de comunicación de masas

novamente seguen a disciplina que lles impón o Ministerio do Interior e todos os aparellos do estado

no tocante á represión dos que loitan contra as inxustizas e actividades criminais dos “gobernos

amigos”

3-Esiximos a inmediata liberación sen cargos da compañeira Leyla, así como a interrupción inmediata

do proceso de extradición ao que puidese estar sometida. Somos moi conscientes, e temos moi

presentes, os casos doutros compañeiros colombianos refuxiados no noso país quen, á súa volta a

Colombia, foron asasinados por grupos paramilitares ao servizo do goberno terrorista de Álvaro Uribe,

do que agora é continuador Juan Manuel Santos. O goberno español, coa súa actitude e as súas

accións, é cómplice dese réxime.

4-Expresamos a nosa total solidariedade coa compañeira Leyla e a súa familia, así como co pobo

colombiano que loita día a día contra o réxime criminal que ten secuestrado ao país e é cómplice do

asasinato de centos de activistas políticos e sindicalistas cada ano.

5-Ao mesmo tempo, queremos denunciar a sistemática campaña que se está a despregar contra os

comunistas e os movementos populares e de liberación en distintas partes do mundo. Temos moi claro

que SER COMUNISTA NON É DELITO, e reiterámonos na esixencia de derrogación da “lista de

grupos terroristas” da UE, que serve como escusa para a represión e a vulneración de calquera

garantía xurídica de quen, como neste caso, en función dos intereses do imperialismo son incluídos en

dita lista.

6- Chamamos ás forzas políticas da solidariedade antiimperialista a manifestar a repulsa por esta

arbitraria detención en forma de manifestacións e concentracións ante os organismos institucionais

que están facilitando os obxectivos espurios do goberno narco-terrorista colombiano.

.

¡SOLIDARIEDADE CON LEYLA !


¡VIVA A LOITA DO POBO COLOMBIANO!


¡VIVA O INTERNACIONALISMO PROLETARIO!

Madrid, 16 de febreiro de 2011

Comité Executivo do PCPE
 
 
 
 
 

quarta-feira, 9 de fevereiro de 2011

O caso dos tres comunistas cataláns chega ao Parlamento Europeo grazas aos comunistas gregos




O eurodiputado do Partido Comunista de Grecia (KKE), Babis Angourakis, presentóu o pasado 1 de febreiro unha pregunta parlamentaria, dirixida á Comisión Europea, na que se solicitaba o posicionamento deste órgano ante o xuizo dos tres camaradas do PCPC, Juanjo, Albert e Xavier, falsamente acusados de desordes públicas e cuxo xuízo terá lugar o vindeiro 14 de febreiro.



O Partido Comunista de Grecia demostra con este acto un importante compromiso internacionalista e solidario co noso Partido e os nosos camaradas, e demostra que os lazos fraternais entre organizacións revolucionarias non coñecen fronteiras. Ao mesmo tempo, é unha demostración do papel que os parlamentarios comunistas deben xogar nas institucións burguesas.



O PCPE agradece o apoio do KKE e do resto de partidos irmáns que nestes días están a desenvolver accións de solidariedade cos nosos camaradas inxustamente acusados, accións das que iremos informando.



Texto da pregunta:

Asunto: Accións xudiciais contra dirixentes do Partido Comunista dos Pobos de España

Recentemente interpuxéronse en España accións xudiciais contra tres militantes e dirixentes do Partido Comunista dos Pobos de España (PCPE) «por un delito de desordes públicas» nunha manifestación celebrada en Barcelona en 2007. Os dirixentes do PCPE denuncian que os cargos que se lles imputan están relacionados con unha manipulación realizada pola policía en contra deles e alegan que só dous dos tres dirixentes do PCPE estaban nas inmediacións do lugar onde se producíu a carga policial , mentres que o terceiro acusado non participóu na mobilización. O PCPE queixase de que estas accións xudiciais perseguen o obxectivo da burguesía de España, do seu Goberno e das autoridades locais de penalizar e reprimir aos militantes comunistas sobre a base de falsas acusacións da policía.

¿Condena a Comisión a causa aberta contra os tres militantes comunistas e a restrición das liberdades fundamentais como a libre participación en manifestacións e a expresión de opinións disidentes?

Charalampos Angourakis (GUE/NGL)





Enlace á pregunta na web do Parlamento Europeo:

http://www.europarl.europa.eu/sides/getDoc.do?pubRef=-//EP//TEXT+QT+H-2011-000051+0+DOC+XML+V0//ES



Área Internacional

CC PCPE

sexta-feira, 4 de fevereiro de 2011

AS REVOLTAS POPULARES AVANZAN NO NORTE DE ÁFRICA



O PCPE segue con suma atención e interese os feitos que, nas últimas semanas, estanse producindo en varios países do norte de África. A serie de acontecementos que se foron producindo tras o estalido, o pasado mes de decembro, do descontento popular en Tunisia, é unha demostración da capacidade de mobilización duns pobos longamente sometidos a réximes ditatoriais e monicreques do imperialismo.






A mobilizacións tunisianas, que lograron o que nun principio non parecía posible -a saída do país do ditador Ben Ali - fóronse estendendo e hoxe é Exipto o epicentro da mobilización popular. A posibilidade de que a mecha siga ardendo e conduza a novos procesos noutros países árabes está moi presente hoxe en todas as chancelerías das potencias imperialistas.






O PCPE quere expresar o seu apoio ás mobilizacións, e ás masas populares exipcias e tunisianas que, fartas de réximes baseados no espolio e no roubo ao pobo, optaron pola vía da loita para acabar con eles.






No caso de Tunisia, saudamos a creación da Fronte 14 de xaneiro, cuxas demandas de profundización no proceso e de rexeitamento a calquera tipo de continuidade no goberno provisional de ministros ou responsables do réxime Ben Ali - Trabelsi han de ser firmemente apoiadas. Calquera outra saída á actual situación tunisiana suporá un triunfo para as potencias imperialistas, interesadas hoxe fundamentalmente en non perder a súa capacidade de influencia nuns países que son de importancia estratéxica para os seus plans.






Denunciamos especialmente o papel da Unión Europea na crise tunisiana, especificamente o papel xogado por Francia, país que mantén importantes intereses na zona e que manifestou historicamente unha gran conivencia cos réximes opresores do Magreb e de toda África. Igualmente, os intereses do FMI, que en repetidas ocasións utilizou como exemplo para a zona a Tunisia, serán fundamentais á hora de exercer presión e tratar de reconducir o proceso tunisiano.






Ao mesmo tempo, saudamos a ampla mobilización do pobo exipcio, que logrou pór contra as cordas o réxime de Mubarak. Queremos lembrar que Exipto, baixo o seu goberno, foi a primeira nación árabe en traizoar a causa do irmán pobo palestino mediante o recoñecemento do estado de Israel, e que é un aliado fundamental de Estados Unidos na zona.






Consideramos que os repetidos chamamentos de Obama á estabilidade en Exipto, así como a chegada de Mohamed O Baradei para encabezar o movemento opositor, apuntan a que o imperialismo quere pechar inmediatamente calquera posibilidade de cambio radical neste país. O control da estratéxica canle de Suez, vía esencial de tránsito do petróleo do Golfo Pérsico a Europa e EEUU, é un elemento crave da estratexia do imperialismo na zona.






Mentres os procesos tunisiano e exipcio sexan reconducibles en beneficio do imperialismo, os cambios dos monicreques son mesmo desexables para as potencias imperialistas. Baste recordar o caso de Jean-Claude Duvalier en Haití, que no momento en que foi unha carga para EEUU foi desaloxado do poder, en procesos similares aos actuais do norte de África, e agora o seu nome volve soar para presidir o país.






Por iso, o PCPE está convencido, xunto coas organizacións irmás de Tunisia e Exipto, de que o auténtico triunfo destes procesos só será posible se se segue profundando no desmantelamento total dos réximes corruptos e se se inician procesos constituíntes que permitan que as forzas antiimperialistas, obreiras e populares, en alianza, asuman o control dos mesmos, na perspectiva da definitiva liberación dos pobos norafricanos do xugo imperialista.






A solidariedade é a tenrura dos pobos, ¡viva o internacionalismo proletario!






Madrid, 1 de febreiro de 2011


Área Internacional do CC do PCPE
 
 
 
 
 

sexta-feira, 28 de janeiro de 2011

OUTRO PACTO SOCIAL, OUTRO RETROCESO



 
A resposta da clase obreira durante a Folga Xeral do 29-S ás medidas antiobreiras impulsadas polo goberno da burguesía, ademais de ser exemplar e contundente, amosou un alto nivel de combatividade da clase obreira ante o que as cúpulas sindicais de CCOO e UXT se viron amplamente superadas, e amosou que os argumentos e escusas utilizadas por estas mesmas cúpulas sindicais para atrasar a convocatoria da Folga Xeral do 29-S eran falaces.

A clase obreira, cando é atacada e agredida, responde. Isto evidencia unha enorme distancia existente entre as cúpulas sindicais con respecto ás súas bases e ao resto da clase obreira.

Pero, desde o 29-S ata aquí, a pesar da enorme forza coa que os traballadores dotaron aos sindicatos fronte ao goberno e a patronal, non se quixo xestionar esa forza e optouse pola mesa de negociación e o pacto social, perdendo un tempo precioso para a clase obreira nesta loita, non articulando correctamente a mobilización sostida e posteriormente a convocatoria doutra Folga Xeral que sen dúbida fixese cambalear ao noso inimigo de clase.

Proba diso é o éxito da mobilización xeral do 27-X onde, a pesar de que as cúpulas sindicais de CCOO e UXT xogaron á desmobilización mentres perpetraban un novo Pacto Social co Goberno, diversas organizacións sindicais convocaron a Folga Xeral contra a perda de dereitos, en Hego Euskal Herria (País Vasco e Navarra), en Galiza e en Catalunya, e a iso sumáronse máis dun centenar de convocatorias de manifestacións e concentracións en todo o Estado español co mesmo obxectivo: facer fronte ao Pensionazo, á Reforma Laboral, á inutilización da Negociación Colectiva, e contra o Pacto Social.



Perdeuse xa que logo un tempo precioso, e debemos sinalar aos responsables, pero á vez debemos sacar tamén polo menos algunha conclusión:



Cando se renuncia a recuperar o binomio negociación-presión xunto coa participación directa dos traballadores, ao final a clase obreira non participamos realmente da xestión dos nosos intereses, quedando esta en mans dunhas direccións sindicais que, instaladas nas posicións máis reformistas, actúan burocráticamente, quedando suxeitas á presión da superestructura do sistema dominante na renuncia, a derrota e, finalmente, a traizón



Outra conclusión a ter en conta é que se demostran como falsas e prexudiciais as premisas deste modelo de sindicalismo, baseado na Concertación e o Pacto Social. No que as mobilizacións son lanzadas con desgana e a destempo e só serven para desafogar a contestación natural que se produce de xeito espontáneo entre as masas obreiras así como aquelas que se producen froito de consignas lanzadas desde os elementos organizados máis conscientes pero, tras a mobilización, a xestión da mesma leva a deixar orfa de información veraz aos traballadores e de capacidade de manter a organización mediante a modulación na mobilización sostida. Ante iso, o sistema ten o campo libre e actúa cos seus medios de comunicación en dúas vertentes: "as reivindicacións son desproporcionadas e a mobilización non serve para nada e a proba é que fracasa". Con esta matriz de opinión sen contrarrestar, coa falta de combate ideolóxico ante a consideración do Pacto e do Consenso como un ben en si mesmo, a derrota está servida e os traballadores non perdemos só algúns dereitos máis, senón que tamén entramos psicoloxicamente en clave de derrota.



Pero ante este modelo aínda existen dificultades para articular un verdadeiramente alternativo e á vez eficaz para a loita. E é aquí onde temos que dicir que, calquera intento de erguer de novo a loita obreira aos niveis de conciencia e forza que se precisan, ten que partir da articulación de estruturas de loita desde a base, onde a unidade da clase se exprese por encima de siglas sindicais e na que a asemblea de traballadores sexa o elemento fundamental, e a mobilización desenvolva o seu insubstituíble papel de presión a todos os niveis.



Doutra banda, debemos entender tamén que os tempos de loita marcan definitoriamente os campos de batalla e as diferentes estratexias dos actores en contenda.



Xa non estamos na época na que, ante o avance das posicións socialistas-comunistas no mundo, o reformismo lograba aparecer como conseguidor de conquistas para a clase traballadora nos países centrais do capitalismo, xogando o papel de anestesia social. Tampouco estamos nunha época de ciclo económico alto onde, das migallas do sistema, podíase sacar para esa certa "política social" cuxo rédito político sempre caía ao lado do reformismo coa súa contraprestación histórica de sacar ás masas fóra da loita polo socialismo e o comunismo.



Hoxe, o sistema - froito da súa profunda crise estrutural- necesita levar a un grao, superior ao coñecido ata agora, a sobre-explotación da forza de traballo para tentar paliar o seu grave problema de acumulación e, neste marco, as vellas formulas reformistas teñen unha marxe moi limitada, a pesar do cal manteñen a súa capacidade de anestesia sobre os traballadores ofrecéndolles avanzar en sentido contrario ao dos seus intereses como clase, mostrándolles o espellismo dun futuro mellor a cambio de esforzos no presente.



Loxicamente nos tempos que vivimos de crise capitalista, o crer na posibilidade de saída da mesma dentro do capitalismo en condicións favorables para a clase obreira e os sectores populares é pura inxenuidade, cando non pura complicidade ou traizón, pero non podemos minusvalorar a capacidade que teñen os elementos de ideoloxización e de control de masas do sistema, así como o efecto desmobilizador que poidan xogar as tendencias reformistas e claudicantes no plano político e sindical.



Unha vez definido minimamente o marco da loita de clases, non podemos por menos que mostrar que o modelo de sindicalismo de pacto social, é o sindicalismo da derrota, pero aínda podemos dicir máis, e é que, con ese modelo, nos últimos 35 anos fomos perdendo conquistas históricas que se lograron mediante a loita obreira nos escuros tempos do final do franquismo.



Só con repasar brevemente o antes e o despois en terreos como a seguridade no emprego, a capacidade de negociación colectiva, as pensións, etc, vemos que todo foron retrocesos, mediante reformas sucesivas que demostraron ao lado de quen estiveron, en cada momento, os diferentes gobernos da burguesía (UCD, PSOE, PP, PSOE). Tan só cando a mobilización obreira foi contundente, coma no caso da Folga Xeral do 14-D, conseguiuse frear as agresións. Pero entón, a falta dunha plataforma reivindicativa máis aló de dicir NON ás reformas impediu novos avances, e o ignorar que na loita de clases como en calquera loita quen non avanza retrocede o freo ás agresións, foi só temporal. 35 anos de retrocesos son unha proba demasiado clara contra un modelo sindical como para non declaralo radicalmente confrontado cos intereses da clase obreira.



Ante iso non serve a resignación, serve a análise para organizar o contraataque. Un contraataque de clase, que entendemos debe partir dunha plataforma reivindicativa, sentida pola clase e que sexa antagónica co sistema (reivindicacións como a de pleno emprego ou prestación por desemprego indefinida, defensa da sanidade pública, pensións dignas- convértense hoxe en antagónicas co sistema). E onde sexa a loita, e non o pacto e a renuncia, quen poña aos traballadores no camiño adecuado.



Agora ben, a fragmentación das organizacións sindicais non claudicantes é unha dificultade obxectiva para a unidade da clase na perspectiva de loita que colocamos anteriormente.



Aínda sendo importante, a convocatoria de manifestacións e/ou concentracións que fan o seu chamamento á poboación en xeral fora do marco de explotación de clase que é a empresa, quedan curtas, non polo seu seguimento (que en ocasións tamén, xuntando aos escasos membros de organizacións sindicais, políticas, sociais) senón pola súa capacidade para articular movemento estable tras as mesmas.



A asemblea de traballadores e o seu carácter decisorio é insubstituíble por moitos motivos, pero ante todo porque agrupa a todos os traballadores independentemente da súa sigla sindical de referencia ou ausencia da mesma.



Facemos polo tanto dous chamamentos e comprometémonos con eles:



1.Facemos un chamamento ao conxunto do sindicalismo de combate, non entregado ao pacto e á renuncia, a confluír na unidade de acción e en base a unha plataforma reivindicativa común, nunha estratexia de mobilización sostida de loita e de acumulación de forza para reconquistar dereitos perdidos e defender os que perigan.



2.Facemos un chamamento aos elementos máis conscientes da clase obreira a participar na creación de Comités para a Unidade Obreira, como organizacións de base que superen, pola vía da práctica, o fraccionamento das siglas sindicais.



A clase obreira deste país terá que desenvolver unha tenaz e sostida loita para arrincar de novo ao capital o que hoxe se nos quitou coa colaboración traidora personificada en Toxo e Méndez. Así como outros pobos levántanse e loitan sen retroceso contra os gobernos que os oprimen e explotan, o PCPE chama á clase obreira e aos sectores populares a organizar a máis ampla forza obreira en combate contra a dominación do capitalismo español e contra os seus gobernos.



Hoxe, loitar contra estas medidas, sustentadas na traizón á clase obreira e na obediencia servil ao mandato da oligarquía, é comezar a abrir un horizonte unitario de loita que non terá a súa solución final ata que a clase obreira conquiste a sociedade socialista, onde os termos igualdade e xustiza social sexan o mandato da organización da vida das grandes maiorías.



¡VIVA A UNIDADE DA CLASE OBREIRA COMBATENTE!

LOITA OBREIRA POLOS NOSOS DEREITOS

COMITÉS UNIDADE OBREIRA EN TODOS OS CENTROS DE TRABALLO

CONTRA A EXPLOTACIÓN, POLO SOCIALISMO



27 de xaneiro de 2011



PCPE - Comité Executivo









segunda-feira, 24 de janeiro de 2011

ASINA CONTRA A CRIMINALIZACIÓN DO ANTIFASCISMO

ASINA POLA LIBERDADE DOS COMUNISTAS CATALÁNS ENCAUSADOS POR ANTIFASCISTAS


CAMPAÑA EN SOLIDARIEDADE COS MILITANTES COMUNISTAS AXUIZADOS –EN BARCELONA- POLA SUA LOITA ANTIFASCISTA



Juanjo Serrano militante da organización catalana do PCPE (PCP de Catalunya), e dous membros dos CJC (JCP de Catalunya), pendentes dun xuízo –fixado para o 14 de febreiro- no que o fiscal solicita tres anos e dez meses de cárcere para cada un deles 


  http://www.youtube.com/watch?v=8YXzLIp-_MI&feature=player_detailpage

sexta-feira, 21 de janeiro de 2011

27 xaneiro. O PCPE e os CMC pola FOLGA XERAL