ASINA E DIFUNDE: NON AO XUIZO CONTRA TRES MILITANTES COMUNISTAS

http://www.pcpe.es/formulario2010/index.php ------------------------------------------------------- detailpage

terça-feira, 14 de abril de 2009

RESOLUCIÓN DO PCPE SOBRE O DEREITO AO ABORTO


RESOLUCIÓN DO PCPE SOBRE
O DEREITO AO ABORTO



O Comité Central do PCPE diante da proposta de reforma da lei do aborto que inclúa unha lei de prazos na nova Lei de Interrupción Voluntaria do Embarazo declara que:



Unha lei de prazos sen trampas constitúe un avance importante na recuperación dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres e é máis progresiva que a lei de supostos de 1985, patriarcal e criminalizadora.



Con todo a proposta feminista do PCPE sostén a defensa do dereito ao aborto libre e gratuíto, na sanidade pública e sen obxección de conciencia para o persoal sanitario, porque iso constitúe a única garantía do respecto aos dereitos sexuais e reprodutivos de todas as mulleres, sen discriminación por razón de clase social, idade ou nacionalidade, sen requisitos administrativos, burocráticos ou familiares e na sanidade pública.



A política de privatización dos servizos públicos que aplica tanto o goberno central como os respectivos gobernos autonómicos é incompatible co exercicio do dereito ao aborto no caso de multitude de traballadoras que carecen de recursos suficientes para pagar este dereito legal (e tantos outros) no mercado empresarial do medicamento privado.

As derivacións de pacientes a hospitais privados, afastados en ocasións ata centos de quilómetros do seu domicilio, e a desregulación da obxección de conciencia do persoal sanitario, supón de feito a negación do dereito legal a moitísimas traballadoras, especialmente ás inmigrantes.



A reforma deixa intacto o axioma patriarcal que degrada á muller á súa utilidade maternal, porque a expropia dos seus dereitos reprodutivos e exerce o control da sexualidade en función dos intereses dunha clase social (burguesa) e un xénero hegemónico (masculino).



Debemos, neste sentido, denunciar o papel xogado pola dereita máis reaccionaria do Estado español que acada as súas cotas máximas na derradeira campaña realizada da Igrexa católica onde a muller é comparada a unha femia da especie animal reducíndoa a mero mecanismo reprodutivo, negándolle por imposición divina e patriarcal a facultade de decidir como persoa soberana sobre o seu propio corpo e a súa maternidade, que é unha decisión especialmente significativa na vida das mulleres.



A realidade demostra que a educación sexual, a correcta información e o acceso real á anticoncepción, é dicir, unha adecuada política de planificación familiar integral, áchanse en relación directa coa diminución do número de abortos voluntarios.



Para o PCPE, o dereito das mulleres a decidir sobre o seu corpo, a súa capacidade reprodutiva e a súa vida, representa un dos factores fundamentais para a emancipación das mulleres, e por todo iso reivindicamos:


1- O dereito ao aborto libre e gratuíto para todas as mulleres, na sanidade pública, sen obxección de conciencia para o persoal sanitario nin derivación de pacientes ás clínicas privadas. 2- O acceso libre á información e ao uso de métodos anticonceptivos e de planificación familiar nos servizos públicos, garantindo unha educación sexual non patriarcal da infancia e a adolescencia no ensino público. 3- A despenalización total do aborto e o arquivamento dos procesos xudiciais abertos contra calquera das persoas implicadas na interrupción do embarazo, garantíndose a privacidade das mulleres que exercen este dereito. 4- A laicidade do estado español. A moral católica non poderá imporse politicamente ao conxunto da sociedade, e manterá a súa actuación no ámbito privado, respectando rigorosamente a legalidade vixente.



Partido Comunista dos Pobos de España
Comité Central