ASINA E DIFUNDE: NON AO XUIZO CONTRA TRES MILITANTES COMUNISTAS

http://www.pcpe.es/formulario2010/index.php ------------------------------------------------------- detailpage

segunda-feira, 23 de março de 2009

Adhire ao Manifesto pola retirada da simboloxía franquista da Coruña


Manifesto “Os tempos son chegados”, pola retirada da simboloxía franquista da Coruña e as distincións honoríficas a Franco e a todos os ministros da ditadura. Facede o voso adherimento dirixido ao enderezo A Oliveira de Teo <memoriateo@gmail.com>


Os tempos son chegados

POLA RETIRADA DA SIMBOLOXÍA FRANQUISTA DA CORUÑA

E AS DISTINCIÓNS HONORÍFICAS A FRANCO E A TODOS OS

MINISTROS DA DITADURA

As persoas abaixo firmantes apoiamos a proposta da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) para que se retiren todo tipo de distincións honoríficas, concedidas durante a Ditadura, a Franco e a todos os seus ministros, así como a eliminación das rúas e simboloxía franquistas da Coruña

Ante o debate aberto na Coruña sobre este tema, consideramos que non debe quedar reducido a uns “expertos”, nin sequera á corporación municipal, senón que interesa a toda a sociedade galega e, como membros da mesma, queremos dar a nosa opinión.

A Lei da Memoria Histórica sinala no seu artigo 15 que “as Administracións públicas, no exercicio das súas competencias, tomarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura”. É unha evidencia que durante a Ditadura de Franco houbo unha feroz represión e, como sinala a citada lei, “graves violacións de Dereitos Humanos”. Entendemos que as mencións ou distincións honoríficas, concedidas a Franco e todos os seus ministros, están incluídas no citado artigo 15.

Francisco Franco –sinalado no auto do xuíz Garzón, de 16 de outubro de 2008, como autor, xuntamente con outros dirixentes, de crimes contra a humanidade- ten a Medalla de Ouro, é Alcalde Honorario, Fillo adoptivo e Predilectísimo da Coruña. Dez ministros da Ditadura, entre eles Manuel Fraga, son Fillos Adoptivos. Lembremos que a Ditadura franquista foi definida pola ONU en decembro de 1946 como un “réxime criminal”, e recibiu este mesmo cualificativo nas Conferencias de Potsdam e San Francisco en 1945.

Estes dez ministros son responsables, como colectivo, da política represiva da Ditadura, que se aprobaba no Consello de Ministros: 200.000 persoas foron fusiladas despois de rematar a guerra; 750.000 estiveron en cárceres e campos de concentración; millóns de persoas despedidas do seu traballo, entre eles 60.000 profesores; centos de miles tiveron que marchar ao exilio; aínda hoxe hai cen mil persoas desaparecidas en fosas comúns; miles de nenas e nenos foron roubados a familias de demócratas e republicanos, cambiando a súa identidade. Neses consellos de Ministros aprobouse toda unha política represiva: fusilamentos, execucións como a de Julián Grimau en 1963; o Tribunal de Orde Público, estados de excepción, expedientes a xornalistas, peches de periódicos, asasinatos de traballadores como en Ferrol, en 1972, ou en Vitoria en 1976, sendo Fraga ministro de Gobernación.

Querer minimizar estes feitos, que repugnan a calquera conciencia democrática; tentar minusvalorar as gravísimas responsabilidades políticas dos ministros, facendo unha artificial clasificación daqueles entre “militares”, “tecnócratas” e “políticos” ou definir o papel dalgúns como simples “administradores ou servidores ministeriais”, é unha inmoralidade e unha negación da historia.

A Deputación de Málaga vén de retirar 36 honores e distincións, concedidas durante a Ditadura, a ministros de Franco –José Utrera Molina aínda vive-, Gobernadores Civís e Presidentes da Deputación. O Presidente socialista, Salvador Pendón, sinalaba que “Es necesario quitar los honores franquistas porque significa una etapa negra y de represión”, engadindo que todas esas persoas foron “cómplices” desa situación. E remataba, dicindo: “La democracia debe servir para ver que los honores y distinciones otorgados durante un régimen dictatorial no deben seguir siendo válidos ahora”.

En Galicia numerosas institucións, como a universidade e concellos, están a retirar distincións honoríficas a Franco, aos seus ministros e a outras personalidades franquistas. Nos últimos meses o concello de As Pontes retirou por unanimidade a Medalla de Prata a José Antonio Girón de Velasco, ministro de Franco; o concello de Vilagarcía retirou a Medalla de Ouro a Franco e a Perla de Arousa a súa muller; o concello de Curtis (alcalde do PP) suprimiu as rúas Calvo Sotelo e Nieto Antúnez, ministro de Franco. A Deputación de Lugo vén de retirar a Franco o título de Presidente de Honor, así como as Medallas de Ouro a Pilar Primo de Rivera, en representación da Sección Feminina de Falanxe, e ao Fronte de Xuventudes.

Non merecen ningún recoñecemento público os alcaldes da Ditadura, Hernán Martín-Barbadillo, José Fuciños Gayoso, Eduardo Ozores Arraiz, Sergio Peñamaría de Llano, José Pérez-Ardá e Eduardo Sanjurjo de Carricarte, ben porque xogaron un importante papel , como militares, na sublevación fascista de 1936 contra a República, participaron na represión ou asinaron penas de morte como fiscais militares.

O concello da Coruña debería cambiar a rúa Calvo Sotelo e revogar as distincións honoríficas a este personaxe, fascista declarado, promotor e instigador do golpe militar contra o goberno lexítimo da II República. Debe retirar toda a simboloxía franquista do palacio municipal de María Pita; o escudo da Ditadura, que está na vidreira da entrada principal e que é ilegal desde 1981, debe ser substituído polo escudo da cidade. O baixorrelevo do ditador Franco non pode estar no salón de Plenos, que é a cámara da democracia.

Pouco despois do triunfo da sublevación militar de 1936, os fascistas quixeron deixar moi claro que estabamos diante dunha nova etapa, caracterizada por un terrorismo de Estado e a privación de liberdade; por iso a corporación municipal da Coruña, presidida polo capitán Fuciños, acordaba cambiar o nome da rúa Liberdade por Disciplina. A Liberdade debe volver a esta rúa do barrio de Monte Alto.

Manter hoxe na Coruña esas distincións honoríficas, as rúas e a simboloxía franquistas, sería unha auténtica indecencia, unha indignidade, unha humillación, un oprobio e un insulto á cidadanía -especialmente ás familias dos represaliados- que non pode permitir unha sociedade democrática.