ASINA E DIFUNDE: NON AO XUIZO CONTRA TRES MILITANTES COMUNISTAS

http://www.pcpe.es/formulario2010/index.php ------------------------------------------------------- detailpage

domingo, 29 de março de 2009

A loita contra Bolonia golpea os intereses do sistema


Nos últimos meses as loitas contra Bolonia incrementáronse no Estado español. Por mor da folga estatal do pasado 13 de novembro, celebrouse o primeiro encontro de asembleas de estudantes universitarios en Valencia. Desta primeira iniciativa, que comeza a abrir o camiño cara á coordinación estatal, xurdiu a convocatoria dunha nova folga o pasado 12 de marzo, que sacou unha vez máis miles de estudantes á rúa en todo o Estado para reivindicar a paralización do EEES, incluíndo de xeito máis ou menos xeral consignas como a paralización de clases para a celebración de debates públicos sobre o proceso de Bolonia coas autoridades universitarias, ou a realización dun referendo.

Isto último resultou ser, ademais dun dereito básico e democrático, o máis difícil de asumir por parte das institucións universitarias. A universidade gábase de ser unha institución democrática mentres se aproban graos entre "catro paredes" a través de mecanismos de representación que non funcionan e de forma totalmente antidemocrática. Á vez négase un dereito como a consulta popular.

Con todo, aínda que a negativa sexa algo constante entre as institucións universitarias, nalgunhas universidades, como a de Barcelona, conseguiuse a convocatoria dun referendo de carácter consultivo ao estudantado, cuxa resposta foi, nun 93%, pola paralización do EEES. A vontade dos estudantes exprésase na mobilización e no voto.
Ante esta situación xeral dun movemento organizado con síntomas de coordinación estatal, como así o demostran as folgas xerais e os métodos de loita (asembleas, reparticións de información, ocupacións de facultades), os reitores sentense ameazados, recorrendo á petición de axuda ao goberno, xa que se atopan ante un movemento que escapa ás súas predicións, e está totalmente fora do seu ámbito de control e manipulación.

Igualmente, os medios de comunicación xogan un papel importante en todo este ambiente, pois tachan ao movemento de minoritario e radical, coa única vontade de criminalizar un movemento de características totalmente diferentes, unitario, asembleario, combativo, en crecemento.

Todas estas cuestións non escapan tampouco aos ollos da represión institucional, que se vai incrementando, e así o demostran os recentes casos de cargas policiais na universidade da Lagoa, en Canarias, o pasado 12 de marzo, e o recente desaloxo, mediante unha serie de cargas policiais brutais, dos e as estudantes que ocupaban o reitorado da universidade de Barcelona. Esta última deixando ao descuberto a responsabilidade dos reformistas de ICV na represión, xa que Joan Saura, conseller de Interior e máximo responsable da represión violenta, é o líder desta plataforma electoral. Pola súa banda, EU non dubidou en volver chegar a un acordo con ICV de face a compartir lista nas próximas eleccións europeas. Tanto ICV como EU se reafirman como opcións institucionais, afastados de calquera proxecto de ruptura real co actual sistema. Esta ruptura, cada vez máis necesaria, debe abrir as portas á verdadeira realización dos intereses dos estudantes, a clase obreira e os sectores populares.

Pero a pesar de todo o anteriormente mencionado, non todo se lle presenta negro ao movemento antibolonia, pois a solidariedade cos e as compañeiras de Barcelona non se fixo esperar noutras partes do Estado. A incorporación de novos sectores á loita dá unha nova dimensión ás reivindicacións, e así o mostra a firma, por parte de aproximadamente 300 profesores, dunha carta en contra do proceso de Bolonia, ou a incorporación ás mobilizacións de novos colectivos e sectores sociais.

A mobilización sostida e a loita continuada contra o EEES e por unha educación pública, laica, científica e de calidade tórnase clave no contexto actual de imposición de políticas neoliberais no ámbito da educación. Nesta loita, como a realidade deixou ben patente, non podemos confiar en proxectos institucionais como EU ou ICV, que ante as xustas demandas do estudiantado, só responden con porras e violencia. Os CJC, como xa o expresou a nosa organización en Catalunya, os JCPC, mostramos a nosa solidariedade con todo o estudantado catalán en loita e, especialmente, coas compañeiras e compañeiros que sufriron a represión violenta da policía de Joan Saura. Tamén animamos a seguir a loita. ¡Ata a Vitoria sempre!

Comité central dos CJC
Marzo 2009

--
A mocidade á ofensiva
Construíndo revolución
www.cjc.es