Desde que este sistema fixo aparición na historia, cada día do ano da vida dos traballadores é un exemplo de crise auténtica e o certo é que mentres os obreiros esteamos baixo o sistema capitalista, esta situación non vai mudar. Esta afirmación non é ideolóxica nin gratuíta, senón que pode atoparse mesmo nas cifras e números das fontes oficiais do goberno. Por exemplo, entre 1998 e 2008, anos de bonanza económica, o poder adquisitivo dos traballadores do Estado Español descendeu en máis dun 4%. É dicir, antes da actual crise financeira, a clase obreira, xa fose con gobernos do PSOE ou do PP, xa vivía o seu particular tormento: o sistema capitalista.
Esta situación, por suposto, empeorou de forma substancial desde 2008. No último ano, 55.897 persoas perderon o seu posto de traballo en Hego Euskal Herria. Os mozos somos os que máis sufrimos a crise, tendo aumentado nun 90% o número de desempregados respecto ao ano pasado.
O obreiro é explotado, é alienado, empuxado ao consumismo e á superficialidade, enganado polos medios de comunicación, encadeado a unha hipoteca, oprimido por un Estado, censurado por un xuíz fascista e así poderiamos continuar ata encher cadernos enteiros.
A crise actual comezou cunha espiral especulativa ligada ao negocio da construción, provocando a creación de capital ficticio que non está apoiado por un valor real. Os grandes capitalistas atopáronse con que nos seus activos, o capital do que dispuñan non era máis que unha ilusión. No momento en que esta burbulla estala, a crise esténdese rapidamente da esfera financeira á da produción, resultando na maior avalancha de EREs das últimas décadas.
Os despedimentos, ademais, enmárcanse dentro dunha lóxica sinistra, perfectamente deseñada, e que nos vai a condenar a unha situación crónica de baixos niveis de vida. Referímonos á compra masiva de nova vivenda, a través de enganosos créditos baratos pero de longa duración. Unha vez foi imposible manter os niveis de venda de inmobles, pasouse ao seguinte banzo: a subida dos intereses polos créditos xa adquiridos. Os traballadores caemos na trampa do capital financeiro, cuxo único obxectivo é espremernos ao máximo como traballadores.
Para solucionar esta crise hai dúas opcións, a primeira é entregar miles de millóns a bancos e multinacionais, que saen dos nosos impostos, da nosa suor e do noso esforzo. Desta forma, o capitalismo recomporíase, aínda que baixo condicións tremendamente prexudiciais para a clase obreira. Neste sentido, o último ano foi moi frutífero en canto a propostas disparatadas, como a semana laboral de 65 horas. Só a través da loita podemos evitar que o capitalismo se reestruture e impoña as súas condicións.
A segunda opción é a aposta polo cambio verdadeiro, é a aposta polos intereses dos traballadores, pondo na nosa loita desde este mesmo momento o horizonte do socialismo. Esta é a única vía para que a resolución da crise traia beneficios aos traballadores. Esta alternativa concrétase en medidas como a socialización da banca, do sector enerxético, dos transportes, da sanidade e educación privada, así como a socialización de empresas e fabricas. No aspecto político, apostamos por unha democratización completa, cuxa base sexa a participación directa do pobo traballador na toma de decisións. Esta é a solución que debemos esixir e é a solución que non van levar a cabo os partidos políticos socialdemócratas.
As medidas tomadas pola patronal e apoiadas polos principais partidos e os sindicatos amarelos condénannos a ter que soportar os despedimentos, a precariedade e o paro, porque segundo nos contan, os traballadores somos un custo e hai que aforrar custos. Pois debemos dicirlles ben alto e ben claro que non somos un custo, que non somos unha carga, que somos traballadores, somos a clase traballadora e somos os que mantemos en pé a sociedade e a todos os parásitos coma eles. E non só iso, debemos berrar que estamos fartos de ser os oprimidos e que hai un sector importante da clase obreira que é consciente de que a loita de clases segue vixente e non se renderá nunca.
Neste sentido, como vascos e como comunistas, parécenos vergoñenta a actitude do PCE-EPK, que nos últimos días deu a coñecer o seu boycot á folga xeral do 21 de maio. Ningún comunista coherente pode afirmar baixo ningún pretexto que hoxe non hai razóns para a folga xeral. De feito, cremos firmemente que os traballadores teñen a lexitimidade para se defender utilizando todas as ferramentas das que dispoñan, desde concentracións no centro de traballo ata cortes de estradas, sabotaxes ou peches.
Non nos axeonllamos ante ninguén e así quedará demostrado o día 21 de maio, desde Euskal Komunistak e Gazte Komunisten Kolektiboak compartimos o chamamento a toda a clase obreira vasca para que, independentemente da súa opción sindical, o dia 21 de Maio se converta nunha xornada de loita, ou o que é igual, nunha xornada de folga xeral.