O Comité Executivo do Partido Comunista dos Pobos de España ante o inicio, por parte do Goberno, do procedemento establecido na Lei de Partidos que ten como obxectivo a ilegalización da candidatura de Iniciativa Internacionalista ás Eleccións ao Parlamento Europeo:
DENUNCIA que, unha vez máis, o goberno da socialdemocracia liberal -coa súa manida coartada da loita contra o terrorismo- ataca os dereitos ao libre exercicio da actividade política dunha parte da sociedade española. Calquera iniciativa que a este goberno conveña anular é obxecto de persecución e represión, atentando contra os máis elementais dereitos democráticos que tanto presume defender. Xunto ao Goberno participan coa mesma responsabilidade outros partidos políticos que igualmente apoian, ou non denuncian, a antidemocrática Lei de Partidos. A independencia do Poder Xudicial, unha vez máis, demóstrase como unha pantomima; na realidade hai un só poder: a ditadura do capital que se exerce con todos os medios do estado burgués. O proceso posto en marcha supón, de facto, a ilegalización das forzas políticas que compón esta coalición electoral.
ESIXE que o proceso iniciado polo Goberno contra Iniciativa Internacionalista quede suspendido de inmediato, e que desista sen demora de todas as manobras que teñen como finalidade interferir no proceso electoral do próximo 7 de xuño para favorecer as súas posicións políticas ao servizo da oligarquía e contra os dereitos da clase obreira e dos pobos. O Goberno e os seus aliados deben aceptar a confrontación electoral con todas as forzas con vontade de concorrer electoralmente, e aterse aos resultados que a mesma teña.
DECLARA que o PCPE non recoñeceu -nin recoñecerá nunca- a Lei de Partidos nin ningún dos actos derivados da aplicación da mesma. O PCPE esixe a derrogación de dita Lei e a súa paralización inmediata ata tanto se desenvolva o proceso pertinente para a súa anulación.
Madrid a 14 de maio de 2009