ASINA E DIFUNDE: NON AO XUIZO CONTRA TRES MILITANTES COMUNISTAS

http://www.pcpe.es/formulario2010/index.php ------------------------------------------------------- detailpage

quarta-feira, 19 de novembro de 2008

memoria histórica


BOLETÍN INFORMATIVO

COMISIÓN POLA RECUPERACIÓN DA

MEMORIA HISTÓRICA DA CORUÑA

1. GRUPO DE TRABALLO PARA O CONGRESO SOBRE A GUERRILLA GALEGA

Venres, 21 de novembro de 2008, ás 18 horas,

no noso local do CUR (vella Escola de Comercio en Riazor)

A situación da preparación deste Congreso é a seguinte: Temos xa reservado o lugar de celebración, que será o Paraninfo da Universidade da Coruña (o salón de actos e varias salas no mesmo recinto) para os días 15,16 e 17 de xaneiro de 2008. Enviamos numerosas cartas a historiadoras e historiadores (as indicadas polos compañeiros Eliseo Fernández, Emilio Grandío e Bernardo Máiz) invitándolles a participar. Agora mesmo temos sobre 20 ponencias, que é unha resposta moi positiva.

A partir de agora e para que o Congreso sexa un éxito temos moitas tarefas para desenvolver e por iso, como xa adiantamos na última Asemblea, convocamos este grupo de traballo aberto, esperando que sexa numeroso.

2. INFORMACIÓN DA ASEMBLEA XERAL DA CRMH DO 3 DE NOVEMBRO E DA ACTIVIDADE DA DIRECTIVA

Comisión municipal de Honras e Distincións e simboloxía franquista: Esta comisión é a que vai tratar o tema da retirada da simboloxía franquista. A parte de concelleiras e concelleiros, aprobouse no Pleno que os grupos municipais poidan propor a incorporación de expertos. Manuel Monge pode ser proposto polo BNG para participar na citada Comisión. A CRMH fará pública a súa posición sobre que é o que hai que retirar ou modificar.

Lei da Memoria Histórica: Recollendo a proposta da compañeira Beatriz Parga na Asemblea Xeral, enviaremos un escrito ao Alcalde para que o concello habilite unha oficina municipal para atender ás persoas que soliciten información sobre a Lei da Memoria Histórica e xestionar as axudas ou solicitudes de recoñecemento de vítimas da represión franqusita.

Centenario do nacemento de Foucellas: Hai que facer unha valoración moi positiva das actividades desenvolvidas, da participación –en todos os actos houbo máis de 100 persoas- e da importante repercusión mediática. A familia de Foucellas transmitiu a súa felicitación e agradecemento á CRMH. Hai que lembrar que todo partiu dunha iniciativa do compañeiro Manuel Miragaia, que desenvolveu a nosa Directiva a través dun grupo de traballo aberto, onde tamén participaron outras asociacións.

Mortos do Portiño: Temos xa no noso poder os 5.000 exemplares do cómic de Xosé Tomás. Estudaremos a forma de presentación, de distribución e actividades. Unha posibilidade é facer chegar este material aos centros de ensino, elaborando unha guía didáctica. Está tamén en marcha a publicación dun libro sobre os mortos do Portiño con toda a documentación que recolleron os investigadores, que será publicado nos próximos meses pola editorial A Nosa Terra.

Consello da Memoria: A compañeira Beatriz Gómez Amigo asistiu o 6 de novembro á reunión deste órgano consultivo da Xunta, levando como CRMH as seguintes cuestións, algunhas propostas na Asemblea Xeral:

- Creación, dentro da consellería de Cultura, dunha Dirección Xeral da Memoria Histórica (xa existe en Cataluña).

- Coordinar as achegas de "nomes e vítimas" das distintas asociacións e facer públicos os datos de toda Galiza.

- Tomar medidas, como Xunta de Galicia, para o cumprimento da Lei da Memoria Histórica por parte dos concellos galegos en canto á supresión da simboloxía franquista.

- Elaboración dunha Lei específica galega sobre as vítimas da represión franquista (como xa teñen varias comunidades autónomas), que amplíe os dereitos recoñecidos na Lei estatal.

- Realización dun memorial ou monumento, cun carácter nacional, ás vítimas do xenocidio franquista.

- Que a Xunta tome posición pública a favor da devolución do pazo de Meirás ao patrimonio público.

- Que a Xunta faga xestións para a anulación do consello de guerra de Alexandre Bóveda, para facer efectivo o pronunciamento xa realizado polo Parlamento Galego.

- Creación dun museo sobre a guerrilla e a represión franquista.

- Modificación das bases da convocatoria das subvencións para evitar as numerosas renuncias deste ano (solicitas, por exemplo, 20.000 euros para facer unhas actividades, conceden 4.000 e tes que xustificar os 20.000 euros).

- As exhumacións das foxas da represión non poden quedar nas mans das

iniciativas das distintas asociacións, limitándose a Xunta a colaborar a través de

convenios. Cómpre unha maior implicación nas exhumacións das distintas

administracións e aprobar unha lexislación galega sobre o tema.

Foro Social Galego: Estamos asistindo ás reunións preparatorias do FSG, que terá lugar en Compostela o 5,6 e 7 de decembro de 2008. Para o sábado, 22 de novembro, está convocada unha nova reunión preparatoria. A nivel da Coruña, temos unha reunión aberta, invitando a distintos colectivos, o martes, 25 de novembro, ás 19 horas en Casares Quiroga (son reunións abertas e poden asistir as socias e socios interesados en participar).

20-N e pazo de Meirás: Imos enviar ao xuíz Garzón, coincidindo co aniversario da morte de Franco, unha petición para que faga xestións, ante as instancias correspondentes, para que a familia Franco devolva todas as propiedades –entre elas o pazo de Meirás- que foron adquiridas polo Ditador no exercicio do seu cargo.

Páxina web da CRMH: Desde a Directiva facemos unha valoración moi positiva desta ferramenta de información, que leva o compañeiro Xesús Dopico, que tamén se recolleu nalgunha intervención na Asemblea Xeral. En oito meses de funcionamento tivemos 30.000 visitas. A páxina web vai recoller unha información especial sobre o Congreso da Guerrilla. Para potenciar esta ferramenta, ter ao día os seus contidos, desenvolver os proxectos en marcha como "todos os nomes", etc. contrataremos este servizo a través das subvencións concedidas para este tipo de actividades. Quen estea interesada/o en colaborar nesta páxina web pode poñerse en contacto con Rubén (645029338), que é o responsable de Comunicación.

Fosa de Aranga. É a maior fosa de Galicia con perto de 30 persoas asasinadas polos fascistas. Está a traballar sobre o tema un grupo de historiadores para elaborar un proxecto de investigación. Estaremos en contacto con outras asociacións e persoas interesadas, como o compañeiro Mero, para facer unha actividade conxunta.

Subvencións: Debe quedar claro que a nosa Asociación é independente e non ten ningún tipo de atadura, tal e como recollen os nosos Estatutos. Por principio, non podemos admitir que o contido das nosas actividades, información ou propaganda sexa condicionada por quen entrega unha subvención. Así foi ata agora e así seguirá no futuro. Lembramos tamén que desde os primeiros meses de vida da CRMH contamos con distintas subvencións (a primeira para a edición das camisetas con motivo do ano da Memoria) que permitiron a realización de moitas actividades. Por outra parte, entendemos que non nos regalan nada, xa que as subvencións son cartos públicos, que son tamén nosos.

A solicitude das subvencións e a xustificación das mesmas é un traballo moi laborioso, que leva moitas horas de traballo. No noso caso a consecución destas subvencións é posíbel pola dedicación do noso Secretario, Fernando Souto, e do Tesoureiro, Chema Palacios.

Temos concedida e ingresadas: subvención de Presidencia para o Congreso da Guerrilla (20.000 euros) e da Deputación do ano 2007 (5.900 euros).

Están concedidas e en trámite para ingresar: subvencións do Concello da Coruña, como "convenio nominativo" (6.000 euros) e concellaría de Normalizacións Lingüística (1.500 euros). Están pendentes as achegas dos concellos colaboradores co centenario do nacemento de Foucellas.

Temos solicitada a subvención da Deputación do ano 2008. Tivemos que renunciar á subvención da consellería de Cultura porque tíñamos concedido 4.000 euros, pero debíamos xustificar 20.000 euros con facturas (foi o que solicitamos), cousa totalmente imposible.

Memoria oral: Quen queira colaborar neste proxecto pode poñerse en contacto con Beatriz Gómez Amigo, así como na presentación na Coruña da película "Flores tristes" de Manuel Abad.

Esperamos manter no futuro este tipo de boletín informativo, para un mellor coñecemento da vida da CRMH e que contribúa a potenciar a participación das socias e socios.

Unha aperta.

A Coruña, 18 de novembro de 2008

Asdo. Manuel Monge, Presidente da CRMH