ASINA E DIFUNDE: NON AO XUIZO CONTRA TRES MILITANTES COMUNISTAS

http://www.pcpe.es/formulario2010/index.php ------------------------------------------------------- detailpage

domingo, 7 de junho de 2009

Dez razóns para a militancia no PCPE


Trátase de razóns que se complementan. Algunhas delas non incumben exclusivamente ao PCPE, pero este partido é ao meu parecer o que máis puntúa en cada etapa e tamén na clasificación xeral Alberto Arana | Para Kaos na Rede

1/ A súa definición como organización revolucionaria A principal fonte de problemas para a humanidade é a estratificación en clases sociais, e a consecuente explotación dunhas por outras. Solucionar isto cunha nivelación é a meta de calquera organización socialista. Pero queda en bos propósitos se non se engade a praxe revolucionaria. Porque as clases explotadoras non van abandonar os seus privilexios se non media un proceso máis ou menos cruento que chamamos revolución.

2/ A solución confederal O ideario comunista ademais dunha sociedade sen clases, defende a unión dos pobos, nunha internacional. Que loxicamente ha de partir da voluntariedade (a autodeterminación) e a igualdade, así como do respecto ás características propias de cada pobo. A opción confederal é iso, e no caso concreto que nos ocupa, un modo de resolver a contradición entre o cárcere de pobos que é o Reino de España, e as nacións vasca, catalá, galega, etc.

3/ Porque o seu esquema organizativo é leninista Un proceso revolucionario é por natureza un conflito en grao máximo, con forzas reaccionarias que van loitar a matar defendendo os seus privilexios, as súas propiedades, os seus resortes de explotación. Ante o poder do diñeiro, a experiencia de séculos de dominación e o grao de organización da burguesía, a clase traballadora só ten posibilidades de éxito dotándose dunha organización disciplinada, que pense e actúe de xeito áxil, intelixente, con determinación... o Partido.

4/ Pola sua defensa do comunismo O movemento comunista internacional é só unha das correntes socialistas, pero é a que ao longo do século XX alzou loitas en cada recuncho do mundo, logrando obter triunfos da envergadura das revolucións de Rusia e China. No presente o PCPE está tendo unha actividade destacada na coordinación e traballo conxunto de partidos comunistas de praxe revolucionaria, tanto dentro como fora de Europa. A declaración de partidos comunistas de 19 países de Europa é un primeiro paso na reconstrución da Internacional Comunista.

5/ Pola súa traxectoria Os seus vinte e cinco anos de existencia apóianse na traxectoria do Partido Comunista que impulsou a creación da Fronte Popular e organizou o 5º Rexemento pondo as bases para o Exército da República. Logo veu o maquis e a loita clandestina fronte ao único réxime hitleriano que pervivía tras a 2ª Guerra mundial. Como sabemos tamén houbo un paréntese onde o PCE comezou a derivar cara ao que logo sería o eurocomunismo, co resultado de derrota, dispersión e desmoralización que coñecemos. En 1984 constitúese o PC (hoxe PCPE) como crítica, revulsivo e alternativa a este proceso de socialdemocratización.

6/ Polo seu estilo de traballo
Dentro do subxectivo que pode ser isto, creo que se trata dun partido cuxa militancia traballa sen grandes efectos especiais, só confiando en ser firmes e constantes. E tamén falando sinxelamente, sen eufemismos: capitalismo, socialismo, revolución, imperialismo... aínda que á posmodernidade militante lle poida parecer que son termos "trasnoitados".

7/ Para contribuír a levantar un sindicalismo de clase O sindicalismo oficial está comprado. Pode servirnos para unha defensa puntual, parcial, individual, nalgúns casos... teñen avogados, supón un certo contrapeso ás veces en tal ou cal empresa... tamén che poden proporcionar algún chanchullo e claro algunha viaxe con estancia baratiña... e millooons de afiliados e afiliadas. Pero cada vez vai estando máis claro que ese sindicalismo só defende a súa propia existencia, moi ligada á amizade co poder, ou sexa co Capital. O sindicalismo oficialista é un cabalo de Troia dentro da clase traballadora e mentres non levantemos un sindicalismo de clase, continuaremos perdendo posicións. Cada vez menos soldo, máis insalubridade, máis precariedade, maior prepotencia da empresa. Isto é o reflexo sindical do abandono político que comentamos antes, cando o PCE foi perdendo o seu impulso revolucionario. Por iso a necesidade, tamén no plano da loita sindical, dun referente político de loita, un partido comunista que queira abater ao capitalismo

8/ Para elevar a loita de clases empezando a pór en xaque á Monarquía. O PCPE necesita agrupar máis xente para multiplicar a súa visibilidade e chegar así a miles de futuros revolucionarios e revolucionarias, que están forxándose politicamente pero se achan sen organizar aínda.


9/ Para derrubar ben á Monarquía Se non queremos que o paso á 3ª República se tramite como unha Segunda Transición, perdendo de novo a posibilidade dunha ruptura democrática, necesitamos un partido revolucionario forte, sólido, con tradición e experiencia, con referentes históricos e con vínculos internacionais.

10/ Para achegar estas características a unha fronte de esquerdas
A articulación doutras dúas correntes revolucionarias (Esquerda Anticapitalista e Iniciativa Internacionalista) é algo do que debemos alegrarnos todos e todas os que imos buscando a derrota do capitalismo. As disputas e os rozamentos non deberían escurecer o feito de que avanzamos por vías distintas na mesma dirección. Partindo da postura común de que a Monarquía non é unha democracia imperfecta senón unha continuación estrutural do Franquismo, o PCPE pode achegar a concepción dunha alianza antimonárquica a escala estatal. En segundo lugar o obxectivo de saída rupturista e proceso constituínte republicano; e en terceiro lugar, subliñar que a caída da Monarquía non é a estación de destino senón de transición máis ou menos longa, segundo as circunstancias, cara ao socialismo.