O Partido Comunista dos Pobos de España chama a todos os traballadores e traballadoras a practicar a solidariedade fronte á Europa Fortaleza, fronte á UE dos muros.
No seu programa electoral explícase como o capitalismo europeo, do mesmo xeito que o norteamericano, baséase no espolio imperialista doutros países. O sostemento do sistema capitalista en Europa esixe o sometemento de países enteiros, o saqueo dos seus recursos naturais e a explotación da súa man de obra, impedindo o desenvolvemento económico deses pobos. A ninguén lle pode estrañar que moitos traballadores e traballadoras deses países, en tales condicións, traten de chegar a unha UE onde son criminalizados, encarcerados e, finalmente, expulsados, se é que logran chegar con vida.
A idea da Europa Fortaleza, que reprime e encarcera a quen buscan fóra dos seus países unhas condicións de vida e traballo dignas, debe ser destruída. Fronte ao Tratado de Shengen e as Directivas xenófobas e racistas, como a Directiva de Retorno; fronte aos Centros de Internamento de Estranxeiros (CIES), verdadeiros cárceres encubertos para inmigrantes; o PCPE defende o recoñecemento pleno de todos os dereitos para todas as persoas que vivan e traballen nun país europeo.
A Directiva da Vergoña da UE permite encarcerar a persoas inmigrantes ata 18 meses sen ningún tipo de dereito ou garantía, ou o reter a traballadores e traballadoras sen papeis durante 40 días ata a súa repatriación. Esa Directiva motivará unha reforma máis reaccionaria da actual Lei de Estranxeiría. A Unión Europea do capital, a guerra, o saqueo e a represión debe ser derrotada.
O PCPE chama a combater todo intento de culpar aos traballadores e traballadoras inmigrantes da crise capitalista, todo intento racista de establecer preferencias ou prioridades entre traballadores nacionais e estranxeiros.
Os traballadores e traballadoras, independentemente da nosa nacionalidade, somos parte dunha mesma clase obreira mundial. Só a nosa unidade e a nosa loita contra o racismo, contra o imperialismo e contra a UE Fortaleza garantirán os dereitos das maiorías.
¡Proletarios de todos os países, unídevos!