Nota de  prensa
As Xornadas  da Oliveira
Venres,  9 de outubro de 2009, 20,30 horas.
Local: Escola  do lugar da Igrexa,  Calo, Teo.
Conferencia:  “De Ramón Suárez Picallo a Eduardo Blanco Amor: epistolario”,  por Esperanza Mariño.
A Oliveira  de Teo convoca un novo acto, como parte dos que ven levando a cabo desde  o ano 2006,  dedicados, ben á recuperación da Memoria Histórica,  ben á defensa do Patrimonio Inmaterial.
Nesta ocasión  queremos achegar a Teo os coñecementos que a profesora e investigadora  Esperanza Mariño  vai compartir co público asistente á xornada  deste venres 9 de outubro, que versará sobre a importante, interesante  e poliédrica figura do sadense Ramón Suárez Picallo, emigrante, agrarista,  sindicalista, xornalista, deputado, escritor, fundador do Partido Galeguista,   exilado e tamén profesor. Centrará a súa charla na correspondencia  que Suárez Picallo mantivo co escritor ourensán Eduardo Blanco Amor.
Esperanza Mariño,   que investigou sobre a vida e obra deste importante persoeiro da nosa  historia contemporánea, ten publicados artigos en múltiples revistas:  Festa da Palabra Silenciada, Dorna, Grial, Revista de lenguas y literaturas  catalana, gallega y vasca da UNED, etc. E participado en numerosas  Xornadas e Congresos. Prologou dúas obras e publicou o Dicionario  María Mariño. Traduciu Historia universal de Paniceiros  e Avó Ismail. Foi a representante galega na Fédération Européenne  des Maisons de Pays (en defensa das linguas minorizadas, durante os  anos noventa).
Con esta nova  conferencia, á que seguirá un coloquio co público asistente, A Oliveira  de Teo continúa coa súa labor de divulgar feitos cuxo coñecemento,  se chegou ata nós, fíxoo dun xeito parcial e incompleto. Tentamos,  en definitiva, recuperar a memoria perdida ou agochada na escuridade  do franquismo, loitar contra a desmemoria, convencidos como estamos  de que, como dixo o escritor e xornalista Manuel Rivas,  “o esquecemento  é a mellor arma para a control das mentes”.
 
