Comité Executivo
O PCPE ANTE A REPRESIÓN FASCISTA EN EUSKADI.
O pobo que oprime a outro pobo no pode ser libre”. F. Engels
Ante a nova vaga de detencións contra dirixentes do movemento popular vasco e o asalto das forzas represivas á sede do sindicato LAB en Donosti, o Comité Executivo do PCPE, quere manifestar:
1º.- O capitalismo español está sumido nunha profunda crise estrutural, froito das súas propias contradicións e da explotación brutal da clase obreira e o roubo sistemático ao pobo. A saída á crise, para as forzas que non ven máis aló do marco do capitalismo monopolista, pasa necesariamente por incrementar a represión contra o movemento obreiro e popular en todo o Estado. Esta é a opción do sistema e para iso utiliza todos os medios ao seu alcance (políticos, xudiciais, policiais, militares?) cantas veces o considera necesario.
2º.- A oligarquía española foi incapaz de resolver o carácter plurinacional do estado na perspectiva dunha convivencia pacífica e solidaria entre os pobos baseada no exercicio democrático do dereito de autodeterminación; recorrendo sistematicamente á represión fronte ás ansias de liberdade e soberanía dos pobos.
3º.- A antidemocrática Lei de Partidos Políticos é a base legal coa que o Estado pretende lexitimar a represión, que en España alcanza tinguiduras realmente fascistas. As inxustificables ilegalizacións das organizacións da esquerda abertzale abriron a porta a un goberno reaccionario do PSOE e o PP contrario ao sentimento e aos intereses do pobo traballador vasco.
4º.- As detencións realizadas no día de onte son un exemplo máis de como concibe a democracia o bloque dominante de poder que exerce a ditadura do capital en España. A violación da sede de Donosti do sindicato LAB supón unha agresión á clase obreira vasca e de todos e cada un dos pobos de España que non estean dispostos a perder a súa liberdade sen reaccionar ante tamaño oprobio.
O PCPE manifesta a súa solidariedade á esquerda abertzale e ao sindicato LAB, esixe a inmediata liberación dos detidos e detidas e reitera que a solución a esta realidade pasa necesariamente polo recoñecemento do dereito de autodeterminación e pola celebración dun referendo que exprese o sentir democrático do pobo vasco. Conscientes que a represión fascista só conseguirá aumentar o sufrimento xa que xamais logrará dobregar as ansias de liberdade do pobo vasco, facemos un chamamento á máis ampla unidade popular para, nunha decidida acción de masas allea a calquera opción aventureirista, poder crebar a estratexia da oligarquía española, tan ben desenvolvida polos seus lexítimos representantes PSOE/PP e todos aqueles que co seu silencio ante feitos como este se converten en cómplices necesarios, e recuperar para a clase obreira e os sectores populares de Euskal Herria a iniciativa política que lles permita ser protagonistas da súa propia historia
¡SOLIDARIEDADE FRONTE Á REPRESIÓN!
¡LIBERDADE PARA OS DETIDOS E DETIDAS!
¡LIBERDADE PARA EUSKAL HERRIA!
¡REPÚBLICA, AUTODETERMINACIÓN E SOCIALISMO!
Madrid, 14 de Outubro de 2.009