CIG INFORMA (AVANTAR)
As centrais sindicais de Vigo fan fronte aos ataques do PP da cidade olívica e anuncian posíbeis medidas legais
O PP acusou a CIG, CCOO e UGT de receber financiación ilegal do concello e afirmou que asinaran un documento co bipartito a favor da xestión privada do novo hospital.
CIG, CCOO e UGT deron o venres 9 de outubro unha rolda de prensa conxunta para dar resposta ás acusacións realizadas nas últimas semanas polo voceiro municipal do PP de Vigo, Chema Figueroa, quen acusou ás centrais sindicais de receber financiación ilegal do concello a través do Plan E, asi como manifestou ter descuberto un documento no que as centrais sindicais asinaron co bipartito a súa aposta pola xestión privada para o novo hospital de Vigo. Xerardo Abraldes, secretario comarcal da CIG de Vigo, afirmou que "todo iso son mentiras e polo tanto non descartamos estudar algún tipo de medida legal que podamos presentar proximamente".
Abraldes presentou nesta rolda de prensa toda a documentación sobre o convenio asinado co concello.
Persoal do Hospital Xeral de Lugo carece de uniformes limpos para traballar
O deterioro do servizo de lavandería e a falta de medidas correctoras levou ao persoal a acudir aos seus postos en chándal.A CIG-Saúde denunciou a situación precaria que está a padecer o persoal do Hospital Xeral de Lugo a causa dos problemas de funcionamento do servizo de lavandería, que están a ocasionar a falta de uniformes e roupa hospitalaria limpa. Esta situación levou a varios traballadores/as a acudir ao seu posto en chándal, mentres que a dirección, en contra dos protocolos de seguridade e hixiene, aconsella o lavado da roupa nos domicilios particulares.
Unha mutua denega a unha traballadora un permiso por risco durante a lactación.A Xunta desenténdese do problema alegando que non ten competencias
A CIG-Autonómica denunciou que a unha ATS dunha residencia de maiores de Ferrolterra veñenlle de denegar a solicitude de prestación por risco durante a lactación conforme lle recoñecía o Art. 135 bis da Lei da Seguridade Social, a Lei de Prevención de Riscos Laborais, o Regulamento de Prevención e a Lei 2/2007 do Traballo en igualdade das mulleres de Galiza. Mentres, o Servizo de Prevención da Xunta, consultado sobre o caso e sobre as súas competencias, manifesta a máis absoluta das imposibilidades, alegando que é competencia exclusiva das Mutuas.
A CIG de Ferrol denuncia as agresións racistas acontecidas na comarca na última semana e a pasividade policial ante estes feitos.
O venres 9 de outubro tivo lugar no local sindical da CIG de Ferrol unha rolda de prensa con colectivos de inmigrantes latinoamericanos, polas agresións racistas que aconteceron nesta comarca nas últimas semanas. Ademais de denunciar estes feitos, criticaron a actitude policial, que cualificaron de "pasiva”
Diversos colectivos de inmigrantes da comarca de Ferrol de paises latinoamericanos como Chile ou Colombia participaron conxuntamente coa CIG de Ferrol nunha rolda de prensa para denunciar as agresións racistas acontecidas nas últimas semanas nesta comarca.
CUT INFORMA
Asinado o novo Convenio Colectivo do Hostal dos Reis Católicos |
O 8 de outubro, a primeira hora do serán, foi asinado o novo Convenio Colectivo do Hostal dos Reis Católicos, empresa na que a CUT conta coa representación maioritaria no Comité de Empresa, con 6 delegados dos 9 cos que conta o comité.
A sinatura do Convenio, vixente durante os anos 2008, 2009 e 2010, foi acadada tras case que 18 meses de negociacións, que en ocasións foron tensas, chegando a darse concentracións de traballadores/as ou mediacións no AGA, sobre todo durante os últimos meses. A pesares de ter acadado un preacordo económico que incrementa positivamente a masa salarial dos traballadores nos vindeiros anos, a sinatura final do convenio adiávase sen remedio ate hoxe, onde representantes da empresa Paradores, do Hostal, do Comité de Empresa e das centrais sindicais CUT, CIG, CCOO e UGT asinaron este novo convenio.