A Asociación “Sempre con Vós. Cidadanía pola Verdade” da comezo en Pontevedra a unha serie de actividades que comezarán o vindeiro XOVES, día 15 de outubro ás OITO da tarde no Teatro Principal de Pontevedra.
O acto consistirá na proxección do documental “LA ISLA DE CHELO” realizado en Francia por Odette Martínez, Laetitia Puertas e Ismael Cobo, no que se recolle a vida e testemuño de Consuelo Rodríguez López, coñecida por CHELO e que reside actualmente na Ile D`Yeu na costa atlántica francesa.
Chelo naceu en Soulecín, na bisbarra do Barco de Valdeorras en Ourense; logo do golpe militar, xa no 37, os seus irmáns fuxen ao monte para integrarse na guerrilla. No 1939, contando Chelo 20 anos, un grupo de lexionarios entra no pobo e tortura e mata aos pais de Chelo para que servise de escarmento aos seus veciños. Cunha irmá, únese á guerrilla. Detencións, clandestinidade, paso a Francia... todo conforma un testemuño e un alegato pola reivindicación dos guerrilleiros como loitadores dunha sociedade democrática.
Na presentación do documental estará presente Francisco Martínez López “Quico”, na loita contra os sublevados dende os 17 anos e compoñente da mítica guerrilla de Girón que estivo activa entre León e Galicia ata o ano 1951 no que pasa a Francia , país onde continúa coas súas actividades antifranquistas. Aparte de ser unha persoa que coñeceu a Chelo na súa actividade guerrilleira, é pai dunha das realizadoras do documental e autor do libro “Guerrilleiro contra Franco” editado por Edicións A Nosa Terra.
A asistencia ao acto do xoves día 15 será libre e gratuíta e a el están convidadas todas as persoas interesadas .