ASINA E DIFUNDE: NON AO XUIZO CONTRA TRES MILITANTES COMUNISTAS

http://www.pcpe.es/formulario2010/index.php ------------------------------------------------------- detailpage

quarta-feira, 28 de outubro de 2009

SABIAS QUE CON BOLOÑA PAGAS MÁIS POR UN PEOR SERVIZO?








O novo curso comeza e Boloña xa está implantada en numerosas carreiras nas universidades do Estado Español. A medida que Boloña se vaia implantando, debemos facer que a loita creza. E hai moitos motivos polos que loitar. Especialmente, un dos grandes problemas que presenta Bolonia, e que xa notamos, é a subida das taxas.



A introdución de criterios mercantís na Universidade procura que, o que debería de ser un servizo público, sexa un negocio rendible. A subida das taxas non é máis que unha desas formas da procura de rendibilidade, facendo que o alumnado pague cada vez máis pola súa matrícula. Deste xeito, o Estado diminúe o investimento no ensino universitario.



A taxas foron subindo aos poucos desde os últimos anos, para suavizar psicoloxicamente a subida. De forma escura e progresiva, a subida das taxas conseguiu non levantar sospeitas e, así, tentouse frear a mobilización do estudiantado. Con todo, está claro que as taxas son moito máis elevadas agora que fai 5 anos, en practicamente todas as carreiras.



O feito de que as taxas suban non debe facernos esquecer que a mesma existencia de taxas é un ataque aos nosos dereitos e á nosa igualdade. As taxas existen aquí e agora, pero nalgúns países, aínda hoxe, están prohibidas, para facilitar o acceso á educación universitaria.



Por iso, non debemos berrar unicamente “Non á subida de taxas”, debemos dicir contundentemente “Educación gratuíta!”. Os estudantes temos que loitar por unha educación xenuinamente pública, que cubra transporte, material de estudo, libros,...


Boloña tamén inclúe un novo sistema de créditos, pásase do crédito actual ao crédito ECTS que computa tanto as horas empregadas nas clases (teóricas e prácticas) como as horas empregadas en facer traballos, prácticas e estudar que se fan en casa. O que antes era de balde, agora pagámolo cos nosos créditos.



Ademais, o novo sistema de grao-posgrao supón unha redución de contidos no grao, para forzar que se cursen posgraos que completen a formación. Estes posgraos teñen prezos altos (máis barreiras económicas para o estudantado) e prazas reducidas, o que supón un auténtico delirio cando o posgrao é necesario para o exercicio de actividades profesionais (como é o caso do CAP). Boloña elitiza a universidade.



Pero a cousa non remata aí. Para os que consigan a licenciatura, Boloña é un plan europeo e ao “homologar” titulacións crea para as empresas unha reserva de man de obra cualificada moito maior. As “oportunidades” que abre aos licenciados pesan pouco na balanza, en comparación á redución relativa dos soldos que vai significar a competencia no mercado laboral coas persoas máis formadas de 26 países europeos.



Para os que queiran acceder á Educación, Boloña limita a entrada de estudantes ao ensino superior, a través de barreiras económicas. O Estado Español necesita reducir o número de licenciados, porque son innecesarios para os traballos con menor titulación cara á que queren dirixirnos. Máis do 60% dos xóvenes teñen unha cualificación maior á do traballo que exercen, pero ter un título, xeralmente, implica soldos superiores. Queren menos licenciados, para reducir soldos, xa que non hai emprego de calidade.



A UE, á súa vez, é a causante de que no Estado Español non se necesiten licenciados. A estrutura económica actual é consecuencia da destrución do tecido industrial e agropecuario que se impuxo desde a UE a España nos 80. O Estado Español, segundo a UE, debe ser un país con boas infraestruturas para o turismo e o sector servizos, pero non ten que facer barcos, aceiro, leite ou cereais. Por iso, condénannos a un emprego precario e de baixa calidade, para o que a cualificación universitaria é irrelevante.



É o momento de volver a saír á rúa, de volver a mobilizarnos, se o estudantado non loita polos seus dereitos ninguén o fará, non permitamos que acaben coas conquistas conseguidas con anos de loita, non consintamos que acaben co noso dereito a unha educación pública, laica, gratuíta e de calidade.


Non a Boloña

Contra a subida das taxas

Contra a redución de prazas

Mobilízate

COLECTIVOS DA MOCIDADE COMUNISTA


--
A mocidade á ofensiva
Construíndo revolución
www.cjc.es