ASINA E DIFUNDE: NON AO XUIZO CONTRA TRES MILITANTES COMUNISTAS

http://www.pcpe.es/formulario2010/index.php ------------------------------------------------------- detailpage

quarta-feira, 14 de outubro de 2009

O GOBERNO DO PSOE ALIMENTA AO FASCISMO



O pasado día 12 de outubro celebrouse en Toledo unha manifestación neofascista autorizada pola Subdelegación do Goberno, sen ningún tipo de traba.

Contra a celebración desa manifestación erguéronse, días antes, diversas voces esixindo a prohibición da mesma polo seu manifesto carácter fascista. Entre elas as do PCPE e os CJC de Toledo que, de xeito claro, entre outras cousas dicían: "Denunciamos esta convocatoria e como toledanos e toledanas respectuosos e solidarios con todos os pobos do mundo, consideramos unha provocación que o nazi-fascismo escolla a nosa cidade para as súas expresións xenófobas. Declaramos o noso apoio e solidariedade con todos os pobos do mundo e hoxe en particular con todos aqueles que por diversas circunstancias conviven connosco na cidade e provincia de Toledo. Facemos un chamamento a pronunciarse contra todo tipo de convocatoria que alimenta o racismo e a xenofobia"

Non foi ningunha sorpresa que, efectivamente, o grupo de neofascistas que se concentraron na Praza de Zocodover de Toledo saudaban brazo no alto, coreaban consignas racistas e xenófobas, e intimidaban ás persoas que se atopaban nas proximidades co seu aparello paramilitar. Ao cabo,  o que vén ocorrendo noutras ocasións nas que estes suxeitos saen á rúa en manda.

O crecemento dos grupos neonazis -ou neofascistas- é algo que coñecemos a diario polos distintos medios de comunicación. Asasinatos, puñaladas, malleiras e agresións de todo tipo forman o seu curriculo ante a total pasividade de quen teñen a responsabilidade de controlar estas situacións.

Por iso a autorización da citada manifestación por parte da Subdelegación do Goberno de Toledo é unha decisión absolutamente inadmisible. E pódese considerar "colaboración necesaria" e "enaltecimento do fascismo".

Que nesa situación se organizase unha resposta a esa manifestación constitúe un mínimo acto de decencia por parte de quen se mobilizaron para denunciar esta tolerancia institucional co fascismo.

Pero é máis grave o desenvolvemento dos acontecementos cando se produce unha colaboración entre os efectivos policiais presentes no lugar e a bandada neofascista, agredindo e perseguindo a quen se lle colocaron enfronte.

A policía protexeu a quen brazo en alto insultaban e berraban consignas contra os inmigrantes e outras de carácter claramente fascista. Non se procedeu a identificar a estes suxeitos, senón que se perseguiu, maltratou e encarcerou a quen se colocaron fronte aos fascistas.

A Subdelegación do Goberno non abriu dilixencias de ningún tipo contra os convocantes da manifestación fascista, mentres que si mantén detidos a sete mozos, entre os que se atopa unha militante dos Colectivos de Xóvenes Comunistas que foi apresada a moita distancia do lugar no que ocorreron os feitos.

O PCPE esixe a inmediata posta en liberdade desta militante e das demais persoas detidas. O PCPE esixe a inmediata dimisión do Subdelegado do Goberno de Toledo e a depuración de responsabilidades por colaborar á celebración dunha manifestación fascista. Nos próximos días o PCPE presentará unha denuncia contra o Subdelegado do Goberno por colaboración e permisividade coas bandas fascistas.

O capitalismo sempre ten no fascismo un recurso para ir "máis aló do que as leis permiten" na persecución do movemento obreiro e revolucionario. A historia demostrouno en numerosas ocasións. Agora o goberno do PSOE alimenta aos cachorros fascistas e os adestra para cando os necesite. Esta convocatoria de Toledo, e a actuación policial que lle seguiu, é unha actuación de auténtico manual, os fascistas saen á rúa e quen rematan en prisión son quen non admiten este tipo de manifestacións na rúa.

Hoxe é necesario erguer un amplo movemento contra este ascenso do fascismo. Mañá será demasiado tarde. O PCPE e os CJC estaremos en primeira liña da loita contra o fascismo, como sempre o estivemos os comunistas e as comunistas deste país, onte na defensa da II República, e hoxe en todo lugar no que o fascismo tente erguer o seu aparello contra os pobos e contra a humanidade.


Carmelo Suárez. Secretario Xeral do PCPE

Emma Esplá. Secretaria Xeral dos CJC