ASINA E DIFUNDE: NON AO XUIZO CONTRA TRES MILITANTES COMUNISTAS

http://www.pcpe.es/formulario2010/index.php ------------------------------------------------------- detailpage

terça-feira, 8 de julho de 2008





AS ORIXES DA CRISE



O capitalismo español pasou por catorce anos de crecimento baseado na especulación inmobiliaria e no endebedamento das familias pola vía dos préstamos hipotecarios.



Neste tempo os bancos e o sector inmobiliario (promotoras e construtoras) quedáronse con todo o traballo e con todos os aforros do povo traballador.



Esa foi unha estratexia deseñada polo capitalismo dos países centrais diante das dificultades crecentes para manter o seu proceso de acumulación a partir da produción de mercancías. Diversos factores incidían nestas dificultades, o aumento da composición orgánica do capital, a competencia doutras economías que lanzan ao mercado internacional mercancías a prezos máis competitivos, entre outros.



A especulación inmobiliaria -combinada hábilmente cunha forte baixada dos tipos de interese e o aumento do prazo de amortización dos préstamos-, levou a un crecimento acelerado do prezo das vivendas e ao endebedamento das familias moi porriba das súas posibilidades reais.



Sabíase que era un proceso aventureiro de alto risco. Pero os poderes capitalistas fixeron unha aposta temeraria ante as súas dificultades para manter o ciclo de reprodución ampliada do capital. Ese compoñente aventureiro é unha das características máis significativas do capitalismo senil.



PINCHA A BURBULLA, SOBEN OS ALIMENTOS E O PETRÓLEO


Agora desínflase ese crecemento mentireiro e, ao tempo, iníciase unha escalada brutal de prezos da cesta da compra. Pan, leite, ovos, polo, arroz, etc. soben os seus prezos cada día. Esta subida ten compoñentes internacionais pero tamén se produce polo control monopolista que as grandes superficies do comercio da alimentación teñen sobre este sector.

Ao mesmo tempo ponse de manifesto unha crise enerxética que estaba anunciada desde hai tempo. A produción de combustíbeis fósiles semella ter chegado ao seu cenit e ese suposto desata toda unha psicose de compra desesperada do petróleo para ser fornecido a un, dous e tres anos (o mercado de "futuros").



As petroleiras aproveitan para faceren o grande negocio, pois nesa situación cóbrannos hoxe os combustibeis que mercaron hai tempo a prezos de "futuro". As ganancias ao final do ano serán escandalosas máis unha vez.



O GOVERNO CO CAPITAL MONOPOLISTA E COA BANCA



Se unha cousa pon de manifesto esta crise é o fracaso da economía de mercado; canto máis gañan máis crise xeran.



O governo do PSOE sitúase neste momento cunha defensa numantina do capital monopolista e da banca (capital financeiro).



A subida das tarifas eléctricas beneficia ás empresas do sector e carga as maltreitas economías das familias. Prímase a contención da inflación fronte ao aumento dos tipos de interese das hipotecas. Fanse plans para entregar os orzamentos públicos ás empresas monopolistas do sector da construción con obras -estradas, portos, etc.- que deixan grandes ganancias pero que non xeran emprego.



O paro aumenta por días e castiga duramente ás familias cun endebedamento cada vez máis insoportábel.



As direccións sindicais apréstanse a subscribiren un novo pacto social á medida dos intereses da patronal.



A SOLUCIÓN É ORGANIZAR A LOITA DA CLASE OBREIRA

O camiño diante esta situación non pode ser outro que o de organizar a loita da clase obreira e dos sectores populares, loitando por outra política que faga que a crise se converta nunha oportunidade para mudar a correlación de forzas, e para erguer unha proposta que permita organizar un amplo movemento de masas combativo que faga mudar a actual política do governo



LOITAR E MOBILIZAR PARA CAMBIAR A POLÍTICA DO GOVERNO



Esta crise pode ter dúas saídas. Unha é que a patronal e o capital financeiro consigan controlar a resposta social, e o resultado diso será -logo duns anos-, a baixada dos salarios, o aumento da precariedade, o aumento da xornada de traballo, o despedimento libre e a desregulación das relacións laborais ata a case desaparición da negociación colectiva.



A outra posibilidade é a de articular unha grande mobilización obreira e popular cunha proposta política que defenda unha saída colocando á clase obreira nunha situación máis favorábel. Para iso requírese unha plataforma con propostas de política xeral e doutras medidas que afecten á situación concreta das familias obreiras e outros sectores castigados duramente por esta crise.



Esta segunda é a proposta do PCPE, e para iso ofrecemos a nosa proposta en termos concretos para organizarmos un amplo movemento unitario de masas e combativo fora do pacto social e da compoñenda co capital.


PLATAFORMA POLÍTICA
- Pola saída da Unión Europea

- Pola redución do gasto militar

- Investimento en obra pública para a mellora das condicións de vida de bairros e povos: garderías, casas da mocidade e de pensionistas, escolas, centros sanitarios, etc.

- Non aos despedimentos colectivos, nin ao peche de empresas

- Conxelación dos intereses das hipotecas ao seu nivel de contratación

- Prezos taxados para os alimentos básicos

- Conxelación das tarifas eléctricas

- Recuperación das empresas públicas privatizadas

- Nacionalización da banca

- Suspensión dos embargos ás contas correntes por débedas aos concellos

- Comedores escolares gratuítos

- Non aos cortes de luz e auga ás familias en paro

-

É A HORA DE ORGANIZARSE


MOVEMENTO CONTRA A CARESTÍA E O PARO.

INTERVENCIÓN SOBRE OS GRANDES BENEFICIOS EMPRESARIAIS

BONIFICACIÓNS FISCAIS PARA AS FAMILIAS NO PARO