Resolución do Comité Executivo
REACTÍVASE A REPRESIÓN CONTRA O SINDICALISMO DE CLASE EN TELEFÓNICA
A EMPRESA ABRE EXPEDIENTE CONTRA NOVE SINDICALISTAS POLA súa ACTUACIÓN NA ÚLTIMA FOLGA
Telefónica, a multinacional española que acumulou inxentes ganancias no mundo expoliando países de América Latina, reestruturando empresas, precarizando o emprego e impondo e estendendo os contratos lixo, acaba de iniciar un proceso sancionador contra 9 delegados/as do Comité de Empresa de Madrid, unha vez asinado o Convenio Colectivo o pasado día 2 de xullo.
O proceso de negociación do Convenio estivo marcado por unha clara confrontación coa empresa, pois a mesma desde o principio pretendía arrebatar, a traballadores e traballadoras, conquistas que se conseguiron con moitas loitas ao longo de máis de 30 anos. A eliminación da antigüidade, que supón unha perda do 2,4% cada 2 anos, os pases de nivel dentro de cada categoría, non pagar a xornada partida, eliminar a xornada diaria pasándoa a cómputo anual flexible, introducir tres escalas salariais diferentes discriminando a traballadores entre si, a eliminación dos grupos laborais e a ruptura e redución do salario base, foron as bases do ataque da empresa.
Neste proceso de loita quedou clara a diferenza entre o sindicalismo de clase e a actitude de CC. OO. e UXT, que non participaron nesta loita, mantendo posicións que favorecían claramente os intereses da patronal.
A actitude de loita e mobilización mantida por unha banda importante do colectivo de traballadores e traballadoras da empresa logrou manter a antigüidade, os pases de nivel, o cobro da xornada partida e o cómputo diario da xornada; pero o que non se puido manter foron os actuais grupos laborais, nin o salario base, nin a dobre escala salarial, que quedan para ser negociados nunha comisión de representación dos asinantes do convenio (CC. OO., UXT e outro sindicato empresarial).
Pois ben, a dirección de Telefónica, retoma a liña de actuación da represión sindical incoando expedientes, por falta moi grave, a 9 sindicalistas de Madrid (6 de AST, 1 de Co.bas., 1 de CXT e 1 de STC) -que poden rematar en despedimento-, tras mobilizar nunha manifestación a máis de 2.000 traballadores e traballadoras contra o Convenio; por ser nesta cidade onde máis se destacaron as folgas e as mobilizacións. Este é un novo intento de descabezar o movemento reivindicativo na empresa.
Entre as persoas expedientadas hai militantes do PCPE, quen sempre mantiveron unha posición consecuente no seu compromiso coa clase traballadora.
O Comité Executivo do PCPE esixe a inmediata suspensión dos expedientes iniciados e fai un chamamento á unidade obreira na empresa como o mellor camiño para deter estas sancións.
O Comité Executivo do PCPE expresa todo o seu apoio a quen son obxecto destes expedientes e a todo o colectivo de Telefónica que sofre esta agresión patronal.
Telefónica convértese hoxe nunha trincheira que representa os intereses xerais de toda a clase obreira do estado. Vencer esta loita significa fortalecer a toda a clase no seu conxunto e avanzar na loita contra a ditadura da patronal. O PCPE estará con todas as súas forzas á beira deste destacamento combatente.
POLA RETIRADA INMEDIATA DE TODOS OS EXPEDIENTES
POLA UNIDADE DA CLASE OBREIRA
POLO SINDICALISMO DE CLASE E NON ENTREGUISTA
LOITAR ATA VENCER, ATA DERROTAR Á PATRONAL