ASINA E DIFUNDE: NON AO XUIZO CONTRA TRES MILITANTES COMUNISTAS

http://www.pcpe.es/formulario2010/index.php ------------------------------------------------------- detailpage

terça-feira, 5 de agosto de 2008


Quen presta a quen? Un conto para nenos sobre a banca

Diego Urioste
Rebelión



Imaxina que tes un acordo cunha persoa, un acordo baseado na confianza e no beneficio mutuo. Esa persoa é seria, responsable e ofréceche seguridade, por iso a elixíches. Acordas que será o garante do teu diñeiro, e que a cambio de que cho garde e organice pagaraslle a fin de mes unha pequena porcentaxe do total: todos sairedes gañando. Cada mes dáslle a totalidade do teu soldo para que cho garde, e indícaslle que pagos ten que realizar por tí: a mensualidade do aluguer, do coche, o seguro etc. Así mesmo acordas con esa persoa que poderás dispor do teu diñeiro sempre que queiras, e que por esa molestia tamén cobrará unha pequena taxa.

O acordo parece funcionar, aínda que é obvio que o que sae gañando é el, xa que non produce nada e cobra por gardar e organizar o teu diñeiro. Decides recomendar ás túas amizades e familiares que utilicen ese método, xa que é máis cómodo delegar nesa persoa de confianza todos os asuntos económicos. Así mesmo decides recomendarllo á empresa que che fornece gas, que che cobra a conexión a internet e a outras persoas coas que mantés intercambios regulares de diñeiro. Así, no canto de ter que pagalo en man, a persoa que garda o diñeiro simplemente terá que cambiar os cartos de caixón onde os garda, pasando o montante de cada factura do teu caixón ao caixón do provedor.

Conforme pasa o tempo, o que garda o diñeiro dáse conta que na maior parte dos casos ninguén saca a totalidade dos seus aforros, xa que apenas necesitan diñeiro “contante e sonante” para a vida: case todos os pagos realízaos de caixón a caixón sen pasar polas súas mans. Cada caixón pertence a unha persoa ou empresa, e contén o total dos seus ingresos menos os seus gastos, aínda que cada vez resulta máis incómodo organizalo xa que o que garda o diñeiro cada vez ten máis clientes e menos espazo. Ademais algúns dos caixóns non son grandes abondo para gardar todo o diñeiro. Dado que constatou que nunca se saca a totalidade dos aforros e que os clientes confían nel, decide gardar o diñeiro de todos os caixóns nunha sala especial e substituír os caixóns por capetas onde irá anotando os ingresos e pagos de cada conta. Chámalles “contas”.

O sistema funciona á perfección, a pequena porcentaxe que cobra o que garda o diñeiro por protexer o diñeiro e movelo de conta a conta supón ao final un grande beneficio, e tras os cambios que realizou o seu traballo apenas lle supón media mañá de anotacións nas contas. O diñeiro vaise acumulando na sala común, e ata agora ningún cliente lle pediu que lle mostre o contido do seu caixón, o cal sería lícito. Conclúe que este sistema funciona en base á confianza cega dos propietarios das contas. Confianza que se gañou ao non interromper xamais ningún intercambio de valores entre contas, basicamente. Desa forma os clientes saben que o seu diñeiro está no seu caixón, aínda que os caixóns xa non existan e o seu diñeiro sexa simplemente unha anotación nun ficheiro.

En realidade, o intercambio de diñeiro entre contas non é tal. Todo o diñeiro vai directamente á sala grande de almacena de billetes e moedas, e o que garda o diñeiro simplemente anota, resta ou suma cifras dun ficheiro ou outro. É dicir, que aínda que os clientes pensen que o que intercambian é diñeiro, o que fan é pasarse sumas e restas de cifras. O sistema funciona porque existe un acordo tácito que define e apoia esas cifras en base a un valor real monetario -o diñeiro contante e sonante da gran sala- aínda que ninguén o comproba. E é isto último o que lle fai pensar ao que garda o diñeiro que o seu negocio podería funcionar practicamente sen diñeiro porque, salvo cando algún cliente desexa sacalo (poucos, xa que os pagos realízanse de conta a conta ou a través dun cartón electrónico que anota as cifras como el o fai nos ficheiros), non serve de nada telo alí xa que non hai apenas mobilidade. O que garda o diñeiro podería gastarse o 90% do diñeiro da gran sala (que pertence aos seus clientes) e ninguén se daría conta xa que ninguén o necesitaría. Con todo el é cauteloso e profesional.

Un día, unha das suas primeiras clientes cóntalle que quedou no paro, e que deixará de abonar cada mes diñeiro ata que non atope outro traballo. Cóntalle que, con todo, seguiranlle pasando os recibos da luz, a auga, o colexio e outros pequenos gastos fixos mensuais, e que non pode facerlles fronte. O que garda o diñeiro dille que volva ao día seguinte, que necesita pensar sobre iso xa que é unha situación á que non se enfrontou e que certamente non será a única.

Ao día seguinte, a muller volve e o que garda o diñeiro proponlle un plan: el adiantaralle diñeiro a cambio de que ela llo devolva na súa totalidade, dentro dun tempo, máis unha porcentaxe para el. Dada a situación, a muller acepta confiada: pediulle 10.000 unidades de diñeiro e terá que devolverlle 13.000, é dicir un 30% como concepto de adianto. O que garda o diñeiro saca eses 10.000 da sala grande, é dicir que é diñeiro dos outros clientes, aínda que eles xamais o saberán nin o notarán xa que os pagos e cobros seguirán o seu curso como sempre. Pero o beneficio dese adianto, o 30% de suplemento, non o depositará nesa sala senón que o gardará para si mesmo. É dicir, non só gaña diñeiro por gardar e facer sumas e restas dun ficheiro a outro, senón que obtén beneficios directos co diñeiro dos demais. Como ninguén lle pedirá contas, ninguén se dará conta. É un sistema perfecto e pronto terá varios clientes que pedirán adiantos de diñeiro a cambio de pagar unha porcentaxe sobre o total. Os beneficios persoais do que garda o diñeiro, conseguidos co diñeiro dos seus clientes, son extraordinarios.

O que garda o diñeiro é consciente que está roubando diñeiro dos seus clientes para sacar proveito persoal. Pero ten as costas ben cubertas, xa que ademais de que ningún cliente pide comprobar que no seu caixón está o seu diñeiro, el só retén a porcentaxe e o resto do diñeiro, ao cabo dun tempo, volve á sala. Con tantos préstamos, na sala só está o 5% do total do diñeiro que debería de haber (sumando as cifras de todas as contas), pero todo funciona á perfección xa que os pagos e cobros (as anotacións e pequenas cifras que sacan algúns clientes) están ao día.

En realidade o diñeiro deixa de existir, salvo para o que garda o diñeiro. O que garda o diñeiro controla e obtén diñeiro, pero os demais (clientes e provedores), obxectivamente, só teñen cartafois con anotacións de sumas e restas. O resultado do cálculo de cada cartafol é o diñeiro que ten cada cliente, e que debería estar apoiado por diñeiro contante e sonante na sala, pero xa non é así polo negocio dos préstamos. Os clientes, en conclusión, non teñen nada. Pero non o saben porque o sistema de pagos e cobros segue funcionando e seguen, polo tanto, tendo confianza.

O que garda o diñeiro sabe que este sistema funcionará eternamente, salvo se todos lle pidan ver o diñeiro das súas contas ou, no peor dos casos, todos decidan sacar o seu diñeiro á vez.

O que garda o diñeiro é un ladrón? Fóra do conto, chámanlle banco.