RESOLUCION DO COMITE CENTRAL DOS CJC SOBRE A CRISE ECONOMICA
Nos últimos meses, especialmente tras a chamada ''crise das hipotecas subprime'' acaecida nos
EE.UU. e a súa posterior importación ás economías europeas, a cuestión da crise económica cobrou
unha grande relevancia mediática. Diversos eufemismos utilizáronse ata o momento para tratar de velar e
ocultar a fase recesiva pola cal atravesa a economía mundial na actualidade, fase recesiva que terá
a súa culminación no estalido dunha crise económica global e absoluta en todos os ámbitos da economía
mundial.
No caso concreto de España, a cínica propaganda da socialdemocracia liberal quedou xa ao
descuberto. Con termos tales como ''deceleración'',''período de dificultades económicas'' ou ''fase de descenso
acusado'', o goberno do PSOE tratou de parapetar e falsear o carácter inmediato da crise
económica, de novo tentando cargala sobre as xa crebadas costas da clase traballadora, e con maior
peso sobre os seus sectores máis desprotexidos, como a mocidade, tanto traballadora como estudante, os
inmigrantes e as mulleres.
E maior será a carga se os traballadores e os sectores populares non son capaces de articular unha resposta
forte á ofensiva do capital, que intenta arrebatarlle dereitos conseguidos con sangue, suor e bágoas,
coa loita obreira, como a xornada laboral de 40 horas.
Proponse retraer a situación laboral dos traballadores á de hai máis dun século. A promulgación
da xornada laboral de 65 horas, os chamamentos á flexibilidade do mercado de traballo, o recorte de gasto
en política social, a directiva sobre inmigración para crear campos de concentración, o aumento do
paro (que subiu a cotas de hai 20 anos) , a conxelación dos salarios e a inflación desorbitada dos
bens mais necesarios, é dicir, a depauperación absoluta das condicións da clase, conxúganse
coas enormes sumas de diñeiro regaladas polo goberno aos grandes construtores e inmobiliarias que
especulan co chan, cos millonarios beneficios da banca acumulados mediante as hipotecas e
préstamos lixo, e co enriquecemento dos grandes empresarios que cada vez máis someten a unha
maior explotación aos traballadores.
A mocidade é unha das máis afectadas nesta situación, se antes era difícil acceder a unha vivenda, agora faise imposible. A inestabilidade laboral, a precariedade, os baixos salarios e o grao de sometemento nos
postos de traballo ás condicións impostas son factores que dificultan a mobilización, pero a
organización e estructuración da loita nos centros de traballo e estudo son imprescindibles para
avanzar nos dereitos da clase obreira.
É necesario o fortalecemento das posicións dos traballadores e os sectores populares contra a
ofensiva do capital, se non, o retroceso será a cotas de inédita miseria. Hoxe máis que nunca, tórnase
imprescindible a unidade popular co obxectivo de loitar polos seus intereses máis inmediatos. A mobilización
da clase traballadora e os estudantes e elevar a súa conciencia de clase serán claves para frear as novas
medidas laborais e conseguir que a crise a paguen os ricos.
A crise capitalista que a paguen os ricos
http://www.cjc.es
cjc@cjc.es