65 horas semanais
65 horas semanais
O Consello da UE aprobou unha directiva que permite que a xornada laboral se amplíe a 65 horas semanais. Co silencio cómplice dos sindicatos, a UE cárgase 150 anos de loitas obreiras.
Por Teodoro Santana - tomado de kaosenlared
O Consello Europeo de ministros aprobou unha directiva que permite que a xornada laboral se amplíe a 65 horas semanais. Discretamente, e co silencio cómplice dos sindicatos, a Unión Europea cárgase século e medio de loitas obreiras.
O governo metropolitano dixo que no Estado español non vai cambiar o Estatuto dos Traballadores, que regula unha semana laboral de 40 horas. Con todo, a aprobación da ampliación da semana laboral e a ruptura da xornada diaria de 8 horas ten perniciosas consecuencias.
En primeiro lugar, un maior dumping social dentro da UE. As multinacionais presionarán aos governos para incrementaren a semana laboral por dúas vías: a ameaza de deslocalización, e a posibilidade de implantación sempre e cando aumente a xornada laboral.
En segundo lugar, a utilización da directiva Bolkenstein (que, aínda que non foi aprobada, aplícase de facto), que supón permitir ás empresas a aplicación da lexislación laboral do país de orixe dos traballadores que contrate, aínda que estean noutro. A Corte Europea de Xustiza ditou tres sentenzas favorables a subcontratas que exercían o dumping en Alemaña, Suecia e Finlandia (casos Laval e Viking).
Se un país incrementa a semana laboral ata as 65 horas poderá “exportar” traballadores a calquera punto da UE. Pronto veremos diferenzas na xornada laboral de 25 horas entre uns e outros traballadores.
A directiva contempla ademais que as horas que os médicos dormen no hospital durante as gardas, serán contabilizadas como tempo de descanso. En canto aos traballadores de ETTs perden todos os seus dereitos: estarán catro meses sen ser considerados asalariados e, xa que logo, sen protección algunha, nin posibilidade de esixir o cumprimento das leis laborais.
Unha Europa na que sopran ventos neofascistas, dita en poucos días unha normativa contra a inmigración sen papeis -que converte en legais accións contra os máis elementais dereitos civís- e un recorte nos dereitos laborais que nos retrotrae ás cavernas do capitalismo máis selvaxe da revolución industrial.
Podemos seguir mirando para outro lado, entregados ben á depresión, ou á política como un entretemento, pero sen rigor. Ou podemos organizarnos en serio. E loitar.