ASINA E DIFUNDE: NON AO XUIZO CONTRA TRES MILITANTES COMUNISTAS

http://www.pcpe.es/formulario2010/index.php ------------------------------------------------------- detailpage

sexta-feira, 6 de junho de 2008




A SUBIDA DAS TARIFAS ELÉCTRICAS

Consecuencia directa do roubo da oligarquía española e do neoliberalismo imposto pola UE

Preparemos a máis ampla mobilización popular

O Governo de Rodríguez Zapatero está anunciando a próxima subida das tarifas eléctricas para o mes de xullo, polo que neste mes de xuño o Consello de Ministros procederá a aprobar a nova tarifa. Como preparación psicolóxica lanzouse en primeiro lugar a cifra do 20% de subida, para logo “rebaixala” a unha cifra por volta do 5/6%, que é a que semella que será finalmente aprobada.

Ademais esta nova subida vai seguida do anuncio de que no que resta do ano pode darse outra subida máis. Podemos supor que ata chegar ao 30% que anunciou Solbes na lexislatura anterior.

En primeiro lugar hai que dicir que esta subida sumarase á que xa aprobou o anterior governo da socialdemocracia liberal o pasado xaneiro, por un monto do 2,8%. Tamén nesa ocasión o governo ameazou cunha subida moito superior para logo deixala nesa cifra.

Tamén se fala da supresión da tarifa nocturna da que se benefician un millón de persoas na actualidade, e a quen iso suporía unha subida do 50% na factura. O governo por momentos desmente esta medida e noutros a confirma.

Para analizar esta cuestión convén dar unha ollada a como vai o negocio das eléctricas no noso país para tratar de analizar as razóns da subida. Mirando os datos de beneficios declarados no pasado ano 2007 temos:
Empresa Beneficios % s/ ano 2006


ENDESA 2.675.000.000 9,90%


U. FENOSA 986.356.000 55,24%


IBERDROLA 2.353.736.000 41,77%


HIDROCANTÁBICO 200.000.000 25,00%


Como se pode aprezar con claridade as principais empresas do sector presentan uns cuantiosos beneficios que, en todos os casos, supoñen un notabel incremento con respecto ao ano anterior. No caso de Unión Fenosa e Iberdrola no nivel do escándalo.

Entón cal é a razón das subidas de tarifas do governo?

É, primeiro de nada, a consecuencia lóxica das privatizacións e das políticas neoliberais dos governos da chamada transición democrática.

Co proceso de privatizacións sucesivas do sector eléctrico o bloque dominante burgués fíxose coa propiedade dun dos negocios máis rendibeis da economía española. Na medida que é un servizo imprescindibel nos fogares e en todos os sectores da produción, mantense unha clientela cativa na que cada usuario ten un contador colocado na súa casa e/ou centro de traballo. Iso permitiu en pouco tempo a extensión internacional destas empresas, nomeadamente en Latinoamérica.

Para amortecer o impacto destas privatizacións sobre a economía dos fogares, e en parte tamén no sector industrial, á vez que se garanten enormes beneficios, o governo subvenciona cada ano a estas rendibeis empresas con parte do custo -e dos beneficios- da súa produción.

No ano 2005 pagouse por parte do governo 3.800.000.000 de Euros a estas empresas, e no ano 2006 ata 4.000.000.000 segundo cifras provisionais.

Se comparamos estas cifras cos beneficios totais obtidos por estas empresas vemos que a cantidade subvencionada é inferior aos beneficios obtidos. É dicir, que sen subvencións aínda estas empresas seguirían tendo un saldo positivo de beneficios.

Agora chega Bruxelas -é dicir a UE- e cuestiona que nunha economía de mercado sexa lícito subvencionar as tarifas eléctricas, e para cumprir co mandato dos oligarcas europeos o governo Zapatero púxose dócilmente a cargar sobre as economías familiares as ansias de beneficios das empresas eléctricas.

É dicir, se este sector estivese controlado polo estado non nos atopariamos ante esta ameazante situación de sucesivas subidas das tarifas eléctricas.

O neoliberalismo e a economía de mercado onde nos leva é a cargar sobre as costas da povoación a cobiza do sector eléctrico deste país.

Fronte a estas políticas hai que erguer a reivindicación programática do PCPE da propiedade colectiva dos grandes medios de produción e, entre eles, das empresas do sector eléctrico.

A loita popular contra este modelo, que endurece as condicións de vida dos sectores populares, é un factor fundamental para mudar o actual estado de cousas. Contra esta anunciada subida comecemos a organizar unha masiva protesta popular, para lle parar os pés ao governo da patronal que preside Rodríguez Zapatero.

Coordenar todas as accións posibeis, apagamentos, manifestacións, etc. é o reto que temos exposto para estas próximas semanas.