ASINA E DIFUNDE: NON AO XUIZO CONTRA TRES MILITANTES COMUNISTAS

http://www.pcpe.es/formulario2010/index.php ------------------------------------------------------- detailpage

quinta-feira, 12 de junho de 2008




Comité Executivo


ANTE A CRISE CAPITALISTA, UNIDADE DOS SECTORES POPULARES.

A crise capitalista está levando á ruína a importantes sectores populares. Será a clase obreira quen, en primeiro lugar, soporte as consecuencias da crise. A taxa de explotación increméntase día a día: esténdese a precariedade, aumenta o desemprego e a sinistralidade laboral, alongase a xornada laboral, realízanse horas extras que non se pagan e continúa imparabel a perda de capacidade adquisitiva dos salarios. Todo iso acompañado dun endebedamento insoportable para as familias traballadoras, atadas de pés e mans por préstamos e hipotecas que incrementan o beneficio do capital financeiro, expresión máis parasitaria do capitalismo.

A pequena burguesía e sectores da burguesía non monopolista comezan tamén a pagar as consecuencias da crise económica. O incremento dos custos de produción, consecuencia directa da anarquía e do espolio constante dos recursos naturais que caracterizan ao sistema imperialista mundial, conduce directamente á sobreexplotación da clase obreira e á ruína e proletarización das denominadas capas medias, incapaces de competir cos monopolios. Toda crise capitalista é acompañada inexorábelmente do consecuente proceso de centralización da produción e de concentración da propiedade nas mans dos monopolios.

As mobilizacións do sector pesqueiro e do transporte son consecuencia directa da crise e das dimensións que pode adquirir o conflito social ante a crecente desesperación de importantes sectores populares. Ante as mobilizacións do sector do transporte queremos manifestar os seguintes aspectos:


A nosa máis contundente crítica aos sectores dominantes do sector, aos grandes propietarios e ás súas organizacións, que como auténticos tiburóns buscan seguir incrementando os seus beneficios e aumentando a súa cota de mercado levando á ruína aos pequenos transportistas e explotando ata a extenuación aos traballadores e traballadoras do sector. Esiximos o abono dos salarios aos traballadores e traballadoras que se viron forzados, directa ou indirectamente, a non desenvolver o seu traballo por vontade exclusiva dos patróns.

O noso respaldo ás reivindicacións e a toda mobilización aos traballadores e traballadoras do transporte enfrontados á súa propia patronal, que lles obriga a realizar xornadas extenuantes a camiño de salarios de miseria. E dos traballadores autónomos, aos subcontratados, a quen os monopolios repercuten os crecentes custos de produción, lles impoñen as tarifas, e os obriga a pasar a vida na estrada para non chegaren sequera a fin de mes.

O noso respaldo aos traballadores da mar, aos pescadores e pescadoras, que ven como ás súas penosas condicións laborais se suma un asfixiante incremento dos prezos do combustibel que levará ao desemprego a importantes sectores mentres o Governo é incapaz de frear as constantes importacións ao ser parte implicada na repartición de caladoiros e de cotas de produción e mercado entre as potencias imperialistas do a UE.




Froito do imparabel proceso de concentración capitalista, a estratexia das grandes empresas do transporte pasa tanto polo aumento da explotación dos seus traballadores e traballadoras como pola eliminación de todos os seus competidores máis débiles. Nun momento de crise estrutural do transporte por estrada, este proceso de concentración, igual que o de explotación, agudízase e expresa con claridade a contradición de clases existente na sociedade capitalista. A grande burguesía fronte á clase obreira e os sectores populares da pequena burguesía (campesinado, pequenos armadores, transportistas autónomos cuns poucos empregados, pequenos comerciantes, taxistas?). A ofensiva capitalista, pretendendo que a crise que exclusivamente xeraron eles a paguemos a clase traballadora e os sectores populares desenvólvese contra todos e en todas as frontes: directiva das 65 horas semanais, perda de poder adquisitivo dos salarios, horas extras que non se pagan, incumprimento de convenios colectivos, ETTs, monopolios, beneficios fiscais para as grandes empresas.

Diante desta situación o PCPE fai un dobre chamamento á clase obreira e a todos estes sectores populares obxectivamente afectados polo desenvolvimento capitalista a que unan as súas forzas na loita contra o sistema capitalista. Corresponde, como clase socialmente emerxente, á clase obreira e ás súas organizacións políticas e sindicais ofrecer un marco de colaboración a estes sectores da pequena burguesía condenados a proletarizarse. Eles, esa pequena burguesía en decadencia económica e social, deben aceptar ese ofrecemento e, asumindo, o seu destino social iniciar, unidos coa clase traballadora, unha loita consecuente polos seus dereitos como traballadores e contra os monopolios e as grandes empresas do sector do transporte. A maioría destes chamados autónomos son traballadores obrigados polas empresas para as que traballan a converterse en falsos empresarios. A súa loita está en dignificarse como traballadores/as e non en pretender alongar a súa inevitabel agonía económica e social.

Denunciamos ao governo do PSOE como xestor e representante dos intereses das grandes empresas e a oligarquía. O acordo acadado coa patronal dos grandes empresarios do transporte por estrada, así como a súa aposta por continuar desmantelando o transporte ferroviario de mercancías, sitúano en liña co que representa a Unión Europea e o Tratado de Lisboa, como un inimigo da clase obreira e os sectores populares.

Ante os primeiros conatos de conflito social, o governo da socialdemocracia e o resto de forzas políticas parlamentarias ensinaron xa o seu verdadeiro rostro de xestores eficaces da crise capitalista. Para iso, tras votar unanimemente (Esquerda Unida incluída) no parlamento a posición presentada polo PP, puxeron en marcha unha agresiva estratexia baseada en:

1 - Negociar coa fracción monopolista dos sectores implicados no conflito, en contra dos sectores autónomos e non monopolistas.

2 - Pór en macha unha estratexia mediática dirixida a criminalizar todo tipo de mobilización popular, tratando de aproveitar peches patronais para situar no punto de mira o seu verdadeiro obxectivo: atacar o dereito á folga e lexitimar a brutal acción represiva das forzas de represión.

O Ministro Rubalcaba deixouno claro: 25.000 efectivos policiais á rúa para loitar contra os piquetes, que segundo as súas propias palabras, “son ilegais”. O Governo da socialdemocracia, pon en marcha o aparello represivo e a campaña mediática que lexitima a súa actuación, cun claro propósito: neutralizar a resposta da clase obreira ante as medidas reaccionarias que se preparan no marco da UE e do Tratado de Lisboa da man da chamada “flexiseguridade”. A aprobación da directiva que establece a xornada laboral de 65 horas é a mellor mostra do futuro que o imperialismo depara aos traballadores e traballadoras no marco da escravitude asalariada.

Chamamos ás organizacións políticas e sindicais da clase obreira a tomar a iniciativa para unir todas as loitas que veñen dando nun marco político superior que, na perspectiva do Socialismo, enfronte no concreto as políticas lesivas para os nosos intereses e os dos sectores populares. Contra a privatización e polo control público da xestión dos servizos básicos (sanidade, educación, seguridade) e os sectores estratéxicos da economía (enerxía, telecomunicacións, banca, seguros, transporte pasaxeiros, ferrocarril); pola consolidación e a recuperación de dereitos, non á Unión Europea e ao Tratado de Lisboa; pola soberanía monetaria, rexeitemos o Euro e o Banco Central Europeo; por un transporte sostivel esiximos un plan estratéxico de desenvolvimento do ferrocarril para persoas e mercancías e opómonos ao desenvolvemento de máis infraestruturas inviabeis social e economicamente (AVE e autoestradas).

Só cabe unha resposta á crise capitalista e á ofensiva contra a clase obreira que a UE prepara para descargar sobre as capas traballadoras e populares os seus efectos:

l Combate frontal contra o incremento da carestía da vida.

l Frear a escalada de represión e o recorte de liberdades e dereitos.

l Reactivar o sindicalismo de clase, desde a base, desde as asembleas de traballadoras e traballadores.

l Unir a todas as forzas obreiras e populares contra a crise.

l Preparar as condicións para a convocatoria dunha folga xeral en defensa dos intereses da clase obreira e do povo fronte á crise do capitalismo monopolista e a Unión Europea, verdadeiro Estado Maior dos monopolios.

A CRISE CAPITALISTA QUE A PAGUEN OS RICOS

COMITÉ EXECUTIVO DO PARTIDO COMUNISTA DOS POVOS DE ESPAÑA