ASINA E DIFUNDE: NON AO XUIZO CONTRA TRES MILITANTES COMUNISTAS

http://www.pcpe.es/formulario2010/index.php ------------------------------------------------------- detailpage

sábado, 31 de maio de 2008



Artigo publicado hoxe, 30 de maio, no Diario de Ferrol :

ALTO Á AGRESIÓN. ¡BASTA XA!

de Rafael Pillado *

Aparecía estes días a noticia de que a Empresa Nacional de Celulosas (ENCE) podería instalarse nos portos de A Coruña ou Ferrol. Diante de esa información, o Alcalde d'A Coruña respostaba con contundencia: "Lo voy a tomar como una broma". "Ni A Coruña ni el puerto de Ferrol" son emprazamientos viables. Mentres, o Alcalde de Ferrol se limitou a sinalar que era un "error". Parecía expresarse máis como Presidente de Portos de Galicia que como Alcalde da Cidade. Non escoitamos a voz de ningún outro alcalde da comarca.

Pola súa parte, o Vicepresidente da Xunta manifestou que "estas cousas hai que traballalas en silencio e con eficacia…". ¿Como fixo Reganosa? ¿Como se non houbera que contar cos cidadáns?

Pero a noticia xa non é nova. Vexamos o que no 1997 se escribía: "A idea de sacrificar unha ría, concentrando nela ás industrias das cales a súa viabilidade implique unha certa degradación ambiental sería unha decisión de ordenación do territorio a gran escala… "

"De feito, nos últimos anos as únicas grandes industrias instaladas ou en proxecto na zona costeira de Galicia son instalacións de alto impacto ambiental: o complexo Alúmina-Aluminio de San Cibrao, a incineradora de residuos, as dúas fábricas de pasta de papel proxectadas nas Pontes e Ferrol, etc."

"En canto ás posibles zonas candidatas para un uso eminentemente industrial, parece obvio que a ría de Ferrol é a que reúne máis características idóneas… ".

O autor do libro "Elementos para unha ordenación integral dos usos de medio litoral de Galicia" é Ernesto Penas, con prólogo do ex Conselleiro de Pesca, Sr. Landín da Xunta de Fraga. ¡Habían decidido sacrificar unha ría, a nosa!

Tal e como actúa a Xunta hoxe, parece incrible entender que eses textos non foran pactados entre aquel goberno e a oposición, porque se está a seguir o guión trazado. Esa é a base da instalación da planta de Reganosa, na que a Xunta do PSOE e BNG segue a orientación do PP.

Pero no noso caso, o perigo real xa é a Planta de Gas, unha bomba. Perigo para a vida e para a Ría, e agora pretenden ir máis aló, multiplicando por dúas veces e medio a súa capacidade regasificadora, multiplicando á súa vez os millóns de toneladas de auga que retornaría morta e máis fría. E o número de gaseiros que entraría no seu interior, que podería pasar dunhos corenta a máis de cen.

Súmase, ademais, ese transporte de gas en camións, que faría das estradas outro lugar perigoso. E aínda máis, a pretensión da Autoridade Portuaria de dinamitar os fondos do canal da Ría, coa escusa de facilitar a entrada de gaseiros, cando xa existe un porto exterior, e sabendo que en ningún caso se pode cumprir a norma pola cal os gaseiros teñen que saír con toda urxencia nunha situación de emerxencia.

Unhas e outras ameazas, e a existencia dun perigo permanente por parte de Reganosa, fan que o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, inicie un calendario de mobilizacións comarcais, seguindo o próximo 8 de xuño coa manifestación na defensa da Ría e para esixir: "Planta de Gas fóra da Ría".

Non debemos esquecer que, se agora pretenden trasladar a ENCE de Pontevedra, é porque os seus cidadáns levan anos pelexando para conseguilo. ¡E teñen razón! As consecuencias de aquela instalación están a vista, indo a Pontevedra, visitando a ría, falando cos mariscadores, e respirando aquel cheiro infernal.

Basta xa de agresións, defendamos a vida, a ría e a cantos de ela viven. Mobilizarnos é unha obriga moral e de supervivencia.

..............

* Rafael Pillado Lista, é Vicepresidente da Asociación Cultural "Fuco Buxán" e membro desde hai oito anos do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol.