ASINA E DIFUNDE: NON AO XUIZO CONTRA TRES MILITANTES COMUNISTAS

http://www.pcpe.es/formulario2010/index.php ------------------------------------------------------- detailpage

quinta-feira, 29 de maio de 2008


España: ETA, accidentes laborais,

lixo e puntos negros

por J.M.Alvarez

Un enorme despregamento mediático informounos da detención en Francia de catro membros de ETA, entre eles Francisco Javier López Pena “Thierry”, considerado, agora, o número un da organización. Con isto das numeracións un xa non sabe a que aterse. Ata fai poucos días, Garikoitz Aspiazu “Txeroki”, era quen ocupaba ese lugar e agora din que non, que o número un era outro. Estas contradicións demostran que sobre ETA se conxectura e fan cábalas, debido á capacidade que ten de reorganizarse, algo que sería imposible se non contase co apoio dun sector do povo basco. ETA non é, como din algúns, o problema de Euskalherría, o problema de Euskal Herría é o réxime de Madrid. Repito o que dixen noutro artigo: sen un proceso de paz, haberá conflito e sufrimento para longo.

Ese despregamento dos medios, contrasta coa rutineira información que facilitan cando as noticias atinxen aos accidentes laborais, malia que estes se cobraron a vida, no primeiro trimestre deste ano de 227 obreiros, cifra idéntica ao mesmo período do ano anterior. Aínda que as frías estatísticas falan dunha redución dos accidentes, non sucede o mesmo co arrepiante número de mortos. Estoutras vítimas reciben un tratamento informativo elemental, nada de alarmismos, demostracións desmesuradas ou alharacas. Nin unha coma de máis.

Tampouco recibirán honras, non haberá bandeiras, desfiles nin vivas a España. Son mortos anónimos, medio ocultos, molestos, esquecidos dos medios que non efectuarán alardes informativos. Son os mortos rutineiros, os de todos os días, son os ignorados dos sindicatos verticais, que aínda que fagan declaracións acusadoras, non tomarán medidas drásticas por temor a perderen o salario que perciben do sistema. Estes mortos non son obra de ETA, e os seus familiares non engrosarán as filas dunha asociación que os protexa do incerto futuro.

Estes falecidos teñen a desgraza de pertencer á clase social que sofre os efectos da cobiza capitalista e as súas viúvas e fillos, non estarán sometidos ao circo mediático, un sometemento que provoca, demasiado rápido, a presenza do odio nunha persoa que acaba de ser destruída emocionalmente, ou tamén unha afectada serenidade pola morte dun ser querido, mesturada con sorrisos incomprensibles que preludian o posterior exabrupto. Como serán os comportamentos das mulleres e fillos dos albaneis, condutores, electricistas etc., etc., que morren na fronte do tallo?

María Teresa Fernández de la Vega, Vicepresidenta do Governo das Españas, dixo tras o atentado de Legutiano, que “ante tanta barbarie, ante tanta brutalidade, todas as forzas políticas temos o deber e a obriga de responder con unidade e firmeza fronte aos terroristas”. Espero que algunha vez se móstre igual de contundente recordando aos que morren todos os días, a consecuencia do terrorismo empresarial.

A viúva do garda civil falecido no atentado perpetrado por ETA contra o cuartel de Legutiano (País Vasco) tivo, loxicamente, duras palabras para os causantes da morte do seu marido aos que chamou lixo e “punto negro na limpeza dun gran país”. Pero, onde estará ese gran país? Non pode ser grande quen exerce a represión en todas as súas formas, rega torturas, e nega o dereito a decidir por si mesmos aos povos que conforman o Estado español. Se España fose grande, honesta, non existiría ETA nin o lixo contractual, parteira dos puntos negros que provocan o horror da sinistralidade laboral.