MEMORIA ANTIFASCISTA
INFORMACION ENCAMIÑADA POR A OLIVEIRA DE TEO
A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña denunciará ao alcalde, Javier Losada, diante da Fiscalía, pola pervivencia de escudos franquistas en edificios públicos da súa responsabilidade. A denuncia irá dirixida tamén polo mesmo motivo contra os ministros de Economía e Facenda, Pedro Solbes; de Fomento, Magdalena Álvarez, e de Defensa, Carme Chacón.
O colectivo, que fará hoxe público o contido da acusación, toma a decisión "diante da reiterada negativa destes responsabeis políticos a cumprir a lei sobre a retirada de escudos franquistas", que entrou en vigor a finais do pasado ano. A comisión entende que chegou o momento de que a Xustiza decida, logo de emprender sen éxito outras numerosas iniciativas, que, recordou a comisión, "foron sempre rexeitadas polos alcaldes Francisco Vázquez e Javier Losada".
A asociación sinala que ditos escudos son "ilegais desde fai 27 anos". A normativa de 1981, pola que se decretaba a substitución do emblema franquista polo constitucional daba un prazo de tres anos para a súa eliminación. A lei de recuperación da memoria histórica obriga a retirar toda a simboloxía franquista de edificios públicos.
No entanto, son varias as edificacións públicas da cidade que aínda os conservan: o palacio de María Pita -na vidreira da entrada principal-, as fachadas do cuartel de Atocha, a Comandancia Militar de Mariña, Correos e a Aduana.
Por iso, o presidente da Comisión pola Recuperación dá Memoria Histórica, Manuel Monge, presentará unha denuncia na Fiscalía contra os máximos responsábeis destes edificios: o alcalde da Coruña e os ministros de Economía e Facenda, de Fomento e de Defensa.
O colectivo xa dirixira un escrito ao presidente do Governo, José Luís Rodríguez Zapatero, no ano 2006, para informarlle da existencia da simboloxía franquista e do incumprimento da lei. Solicitou así mesmo o amparo do Valedor do Povo ante a negativa dos primeiros edís coruñeses de suprimir o escudo fascista das dependencias municipais.
A retirada da placa dedicada a José Antonio Primo de Rivera e á Falanxe no Cantón Grande iniciou timidamente a semana pasada a supresión de simboloxía franquista na cidade, sen que o Concello planifique a substitución de nomes de vías públicas nin elabore unha listaxe coas rúas que se verían afectadas polo cambio.